Martes 16 Abril 2024

O mexillón sucumbe ao océano ácido

bandera-galiciaEspañol bandera-ukEnglish

O cambio climático ten consecuencias que van máis alá de que suba o nivel do mar, se fundan os glaciares ou o termómetro se eleve uns graos. Hai consecuencias que para moitos cidadáns pasan inadvertidas. Pero xa suceden. Como que as emisións de CO2 e o quecemento global afectan á flora e á fauna. Por exemplo, a auga dos océanos estase a volver máis ácida. E os moluscos non son capaces de reunir calcio dabondo para formar as súas cunchas. A mortalidade de especies como a ostra no Pacífico xa é apreciable. E agora tócalle a quenda ao mexillón. Un bivalvo que en Galicia ten interese estratéxico.

Iria Giménez Calvo.
Iria Giménez Calvo.

Unha galega, Iria Giménez, de Sada, participa no estudo que un equipo da Universidade de Oregón (EUA) acaba de publicar na prestixiosa Nature Climate Change. Dirixido polo biólogo mariño George Waldbusser, o traballo demostra que os baixos niveis de carbonato na auga de mar provocan que os mexillóns non poidan formar a súa primeira cuncha. E que xa se produzan mortaldades masivas, especialmente no Pacífico, de Chile a Canadá.

Publicidade

“As larvas dos bivalvos son tan vulnerables porque dependen da rapidez con que teñen que construír a súa primeira cuncha, un proceso que acontece nas primeiras 24 horas de vida e que é crítico para asegurar que poidan comezar a alimentarse por elas mesmas” explica Iria Giménez. “As larvas teñen que formar a súa cuncha tan rápido que o proceso é moi custoso en termos de enerxía. Se a composición química da auga do mar é desfavorable, o gasto enerxético aínda é maior, complicando a supervivencia do organismo”.

“Comeza unha carreira mortal de clasificación para o mexillón”, di Waldbusser

O traballo sinala que non é dabondo medir o CO2 e o PH, senón que que o dato que máis inflúe nas larvas de mexillón é a saturación de carbonato na auga de mar. Este indicador, non obstante, está relacionado co cambio climático. Porque o océano absorbe dióxido de carbono, que se asocia co calcio depositándose no fondo do océano. O resultado é menor concentración do carbonato necesario para formar as cunchas dos moluscos.

George Waldbusser, director da investigación, define graficamente o que sucede aos bivalvos: “Comeza unha carreira mortal de clasificación”, explica o biólogo mariño: “Pode construír a ostra a súa cuncha o suficientemente rápido que permita desenvolver os seus mecanismos de nutrición antes de esgotar a súa enerxía procedente do ovo?” Outro tanto sucede cos mexillóns.

Viveiros de ostra e mexillón en Oregón. Foto: Universidade de Oregon.
Viveiros de ostra e mexillón en Oregón. Foto: Universidade de Oregon.

“Os niveis perigosamente baixos de saturación alcanzaranse moi cedo, décadas ou séculos antes de que os efectos nocivos por pH ou CO2 afecten aos organismos”, explica Iria Giménez. E xa se formula que, no futuro, as larvas teñan que criarse en acuicultura, porque non sobrevivirán á acidez do mar.

Waldbusser achega datos moi preocupantes: “Este incremento na acidificación está a acontecer a escala global e é o máis rápido dos últimos 50 millóns de anos. Dende os inicios da era industrial no 1800, incrementamos nun 30% a acidez do océano”. Reducir drasticamente as emisións por combustibles fósiles parece a única solución a nivel planetario. Cambiar o modelo enerxético, con todo o que implica.

“Estamos a realizar os experimentos agora e en 100 anos máis veremos se estas especies logran sobrevivir e se outras o lograrán”, subliña Waldbusser.

Polo tanto, hai razóns para preocuparse. O mexillón, un bivalvo estratéxico para a economía do mar en Galicia, está a librar unha batalla para sobrevivir a un océano ácido. E a comunidade científica xa deu a alarma, como neste artigo de Nature Climate Change no que participa a galega Iria Giménez.

 

logo_MINECO_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Estas son as mellores fotografías científicas de 2023

O corte transversal dunha casca de ovo, a simetría do brócoli e un nobelo de anisakis, entre as imaxes gañadores de FOTCIENCIA