Venres 19 Abril 2024

O polbo: un “extraterrestre” case imposible de cultivar

En agosto de 2015, a revista Nature levou na súa portada un avance que permitiu coñecer o xenoma do polbo de dúas manchas de California (Octopus bimaculoides). Era o primeiro cefalópodo que era secuenciado, e o achado puxo de manifesto a gran complexidade do seu ADN. En moitas análises falouse do polbo coma algo semellante a un extraterrestre. “Parece completamente diferente de todos os demais animais, incluso doutros moluscos, cos seus oito brazos, o seu gran cerebro e a súa capacidade de resolución de problemas intelixentes”, explicou Clifton Ragsdale, científico da universidade de Chicago que asinaba o estudo.

Esta descrición fixo lembrar a definición do zoólogo británico Martin Wells, que falaba do polbo como unha especie de extraterrestre. É un animal, por tanto, con trazos únicos: unha enorme capacidade de camuflaxe, un sistema nervioso complexo, que se cría exclusivo dos vertebrados, e cunha capacidade de adaptación case única.

Publicidade

E estas particularidades fixeron case imposible, ata agora, cultivar en catividade as larvas de polbo e conseguir que chegaran a adultas.

O ciclo de vida do polbo

As peculiaridades do polbo xa están presentes durante a cópula. Un dos oito tentáculos do macho transfórmase nun hectocotilo, o que vén sendo o pene, que se introduce na femia, depositando nel os espermatozoides. É un animal no que hai competencia espermática, polo que un macho pode retirar o esperma dun que copulara antes coa femia.

Unha vez fecundada, a femia busca un lugar protexido para poñer os ovos. Aquí está unha das chaves do potencial comercial do polbo, xa que unha femia pode chegar a poñer máis de 100.000. Durante o desenvolvemento dos embrións a femia protexe a posta, desgastándose de tal xeito que ao producirse a eclosión dos ovos, a nai morre.

Ao eclosionaren, as paralarvas de polbo son morfolóxicamente moi semellantes aos adultos, aínda que moito máis pequenas. É, de feito, un dos animais con maior taxa de crecemento do mundo, xa que nace con menos de 0,3 gramos e pode chegar aos 5 quilos de peso en menos de dous anos. É outro dos aspectos que pon de relevo a súa potencialidade comercial

Un funil

Porén, chega un momento que, ata agora, a ciencia non conseguira superar. As paralarvas teñen durante a súa primeira etapa unha vida plantónica, nadando libremente en augas profundas. E despois a vida continúa na fase bentónica, vivindo no fondo mariño, onde os polbos desenvolven a etapa xuvenil e adulta.

O funil estaba na elevada mortalidade das paralarvas, imposible de evitar nas investigacións que se fixeron en materia de acuicultura. As súas necesidades alimentarias durante as primeiras fases do desenvolvemento son coñecidas, pero difíciles de obter e, sobre todo, inasumibles de cara á comercialización, polo enorme custe que suporía a súa produción para granxas acuícolas con milleiros de exemplares que alimentar.

Non en tanto, o anuncio deste fito é inminente. As consecuencias socioeconómicas deste avance científico en Galicia serán moi relevantes. Nos últimos meses, a escaseza da especie puxo de manifesto a necesidade dun maior control da especie para protexer a súa conservación, e provocou tamén dificultades aos sectores pesqueiro, alimentario e hosteleiro, entre outros, nun contexto no que demanda internacional do polbo é cada vez maior. Un feito que outorga aínda máis importancia ao que a ciencia acaba de conseguir. O “extraterrestre”, por fin, poderá ser cultivado.

Referencias:
La reproducción del pulpo (Investigación y Ciencia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

O CIM participa na creación dunha rede europea de infraestruturas de investigación

O obxectivo é mellorar os servizos en acuicultura, pesca e economía azul das institucións que forman o consorcio