Xoves 25 Abril 2024

‘Peiraos do Solpor’: ecosistemas mariños no porto de Vigo

O proxecto con fondos europeos que dirixen científicos da UVigo creará arrecifes artificiais para ver flora e fauna mariña nos peiraos portuarios

O proxecto PuertAlMar, impulsado polo Porto de Vigo e o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo en colaboración co Puerto de Melilla, naceu coa finalidade de analizar a importancia de recuperar e conservar as áreas alteradas en contornas marítimo-portuarias e os seus beneficios para o desenvolvemento de actividades pesqueiras sostibles.

Financiado pola Fundación Biodiversidad a través del Programa Pleamar, o proxecto PuertAlMar ten, ademais da compoñente científica, unha vertente divulgativa moi destacada. Por isto, tras máis dun ano de traballo, as institucións que o coordinan organizan un programa de actividades formativas que se van a desenvolver ao longo do mes de abril. A idea é presentar, por unha banda, a escolares e, por outra, a profesionais do sector a importancia dos ecosistemas mariños portuarios e as posibilidades de integración destes coas actividades industriais.

Publicidade

Hábitats portuarios

PuertAlMar naceu como unha iniciativa ao abeiro do proxecto Peiraos do Solpor, tamén impulsado polo Porto de Vigo en colaboración con investigadores do CIM. Xorde da necesidade de compatibilizar a biodiversidade co desenvolvemento do Porto e da cidade de Vigo. Para iso, os investigadores do CIM Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López traballaron coa biomimética para deseñar e construír estruturas facilitadoras da biodiversidade.

O catedrático da UVigo Jesús Souza Troncoso, a pé de peirao supervisando detalles do proxecto.

Ao longo destes meses instalaron na dársena da Laxe estruturas artificiais a modo de arrecifes submarinos para o asentamento de organismos. Trátase dunha serie de cordas e estruturas innovadoras nas que as algas se poden adherir e que, ademais, serven de lugar de cría de peixes e outros animais. Dende a súa instalación en 2019, os científicos da Universidade de Vigo encargáronse da monitorización do crecemento biolóxico da zona. Nese mesmo lugar tamén se colocarán carteis explicativos sobre os organismos que se asentan nestas estruturas. Como explica Souza Troncoso, estas estruturas “serán algunhas das que se instalarán no proxecto Peiraos do Solpor, en Bouzas pero con dimensións máis grandes”.

A outra parte do proxecto céntrase na divulgación, co obxectivo de incrementar a concienciación sobre a necesidade de atopar solucións innovadoras e verdes que permitan un equilibro entre o bo funcionamento dos ecosistemas e as actividades económicas. Así, durante este mes, en concreto os días 14, 15 e 16, terán lugar tres xornadas virtuais formativas e de sensibilización con escolares de Secundaria e Bacharelato de Vigo e Melilla, así como dúas xornadas de visita ao Porto de Vigo, os días 23 e 30.

O sistema deseñado na UVigo permitirá contemplar unha imaxe submarina da vida nos peiraos do porto de Vigo.

Durante as sesións previstas para esta semana abordaranse temas como a ecoloxía costeira; a zonación de especies, facendo fincapé nas diferencias entre rexión mediterránea e a atlántica; os impactos ambientais e as presións na costa e as soluciones baseadas na natureza como ferramentas para o desenvolvemento sostible. Nestas xornadas participarán o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña e os investigadores do Grupo de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigación Mariña (CIM) Jesús Troncoso, Mariano Lastra e Jesús López.

Finalmente, e como peche do proxecto, o día 21 deste mes terá lugar un obradoiro con profesionais do sector da economía azul para presentar os principais resultados do proxecto e para xerar un espazo no que compartir outras experiencias e boas prácticas na conservación e recuperación de contornas mariñas degradadas.

Proxecto internacional

PuertAlMar é unha acción incluída na primeira fase do galardoado Peiraos do Solpor, un proxecto que comprende tres fases secuenciais. A segunda fase, Living Ports, está a piques de arrancar na mesma dársena da Laxe, fronte ao edificio de Portocultura. Consistirá na instalación dun observatorio submarino, con paneis verticais deseñados para a colonización de fauna e flora (310 m2), así como cinco arrecifes artificiais que está deseñando a empresa Econcrete. A actuación completarase con catro peiraos flotantes e dúas pasarelas de acceso.

A derradeira fase do proxecto, denominada Peiraos do Solpor, foi presentada aos fondos Next Generation e desenvolverase na escollera da Terminal Ro-Ro de Bouzas, onde se instalarán 50 arrecifes artificiais e 50 piscinas que simularán pequenos ecosistemas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos