Os rodaballos estériles son de maior tamaño e presentan menos mortalidade que os que non o son. Esta é a principal conclusión dun traballo realizado por investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), que estudaron a fisioloxía e posibilidades de cultivo de rodaballos sen capacidade funcional de reproducirse e descubriron interesantes ventaxes na súa aplicación á industria acuícola. O IEO depende da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación do Ministerio de Economía e Competitividade e está dedicado á investigación en ciencias do mar, a sustentabilidade dos recursos pesqueiros e o medio ambiente mariño.

O estudo realizouse en exemplares triploides, rodaballos con tres xogos completos de cromosomas en lugar dos dous que posúen os diploides, o habitual. Esta característica converte os rodaballos en individuos estériles funcionais e permítelles destinar toda a enerxía obtida ao alimentarse ao crecemento. Evitan deste xeito o gasto de enerxía na maduración das gónadas.
A indución á triploidía no rodaballo é, hoxe en día, unha técnica totalmente estandarizada que podería permitir obter rodaballos cun tamaño superior ao que se comercializa, pero esta non é a única virtude da esterilidade na especie. Os investigadores vigueses apreciaron taxas de mortalidade máis baixas e unha maior proporción de femias, que presentan un maior crecemento que os machos nesta especie. Rodaballos diploides e triploides son similares en moitos aspectos fisiológicos, pero os triploides, sen capacidade reprodutora, presentan diferenzas fundamentais na organización celular, o que á vez afecta á súa fisioloxía e comportamento.
Rodaballos diploides e triploides son similares en moitos aspectos fisiolóxicos
Estas conclusións foron expostas o pasado 26 de novembro na tese doutoral de Jorge Hernández Urcera, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo e autor dun traballo que serviu para estudar o rendemento de rodaballos estériles para a posible implantación do seu cultivo a escala comercial. Nesta tese doutoral deseñouse unha nova ferramenta para a detección de rodaballos triploides e estudouse a morfoloxía corporal, o sistema inmune específico, a calidade da carne e outros aspectos fisiológicos a partir de seis familias de rodaballo xeradas na Planta Experimental de Cultivos Mariños do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO) ás que se lles aplicou a indución da triploidía mediante unha técnica denominada choque térmico frío. A ferramenta, baseada na utilización de marcadores moleculares microsatélite, resultou moi efectiva para a identificación dos triploides a partir dunha pequena mostra de tecido. A técnica, barata e sinxela, podería ser facilmente implementada polas empresas do sector acuícola.
Mais non sempre a esterilidade dos rodaballos trae beneficios. A nivel celular, os investigadores aprecian desvantaxes que afectan ao sistema inmune específico do peixe triploide. Estas alteracións poderían incrementar a apoptosis ou morte celular dos leucocitos e afectar á resposta inmunitaria en caso de infeccións e vacinas. Pola contra, os autores do estudo observaron tamén que a inducción á triploidía mediante choque térmico frío non afecta á morfoloxía xeral externa do corpo nin ás características esqueléticas dos rodaballos triploides cultivados en condicións estándar. As proporcións relativas do fígado, ril, bazo e corazón entre rodaballos diploides e triploides son tamén moi similares.
A técnica, barata e sinxela, podería ser doadamente implementada polas empresas do sector acuícola
Os rodaballos con tres xogos completos de cromosomas presentan un tamaño maior das súas fibras musculares e unha menor densidade pero estas características non modifican nin a textura nin a composición nutricional da súa carne, segundo os autores do estudo. O contido en proteínas, graxas totais, humidade e cinzas son moi semellantes nos dous casos, así como os niveis de ácidos graxos saturados, monoinsaturados e poliinsaturados. Os rodaballos triploides seguen sendo tamén unha boa fonte de ácidos graxos e omega-3.
Os resultados presentados neste estudo contribúen a aumentar o coñecemento sobre os efectos da indución á triploidía sobre a bioloxía dos rodaballos e valorar a posibilidade de producir exemplares estériles a escala comercial dunha especie da que Galicia é o principal produtor de Europa.