Un novo paso para mellorar e optimizar a alimentación na acuicultura

Un equipo do Centro de Investigación Mariña da UVigo presenta as conclusións dun proxecto sobre a regulación da inxesta dos peixes, desenvolvido entre 2017 e 2020

O grupo de investigación de Fisioloxía dos Peixes e a súa aplicación á acuicultura (PHYStoFISH) do Centro de Investigación Mariña da UVigo leva décadas traballando en numerosos proxectos de investigación para a mellora do coñecemento sobre os mecanismos implicados no control da inxesta de alimento en peixes. Este é un dos grandes desafíos da acuicultura, xa que a alimentación na produción piscícola ten un alto custe económico e un elevado impacto económico e ambiental, xerado polo alimento non inxerido. Por isto, os investigadores do CIM levan máis de 15 anos xerando novos coñecementos que redunden “nun claro beneficio económico para a sociedade, mellorando os sistemas de produción piscícola de alta calidade nutricional dun modo máis eficiente”.

Hai uns meses iniciaron un proxecto financiado polo Ministerio de Ciencia en Innovación que recolle a remuda do que rematou en 2020 e do que agora presentan os resultados. Liderado polo catedrático José Luis Soengas, botou a andar en 2017 e comprendeu tres subproxectos simultáneos, un liderado pola UVigo, outro pola Complutense de Madrid, con María Jesús Delgado como investigadora principal e outro polo Instituto de acuicultura Torre de la Sal do CSIC, liderado por José Miguel Cerdá-Reverter. No subproxecto vigués, coordinado polo propio Soengas xunto co profesor Jesús Míguez, participaron todos os membros do grupo PHYStoFISH, centrándose na regulación integrativa da inxesta de alimento en peixes por factores metabólicos, circadianos e neuroendocrinos e as súas implicacións en piscicultura.

Publicidade

O proxecto afondou na importancia dos factores metabólicos, circadianos e neuroendocrinos na alimentación en piscicultura

Para os tres grupos de investigación este é o cuarto proxecto consecutivo no que tratan de seguir afondando nos mecanismos implicados no control da inxesta de alimento en peixes caracterizados en proxectos anteriores. O obxectivo é que o desenvolvemento aplicado dos resultados permita mellorar a eficiencia da alimentación dos peixes en acuicultura. De feito, os avances dos investigadores permitirán a medio prazo optimizar a dispoñibilidade do alimento en relación ás necesidades do peixe en distintos momentos do seu ciclo produtivo, minimizando así as perdas e maximizando o aproveitamento en forma de crecemento. Como explican os investigadores da UVigo, este coñecemento permitirá “introducir melloras nos sistemas de alimentación dos peixes no ámbito da acuicultura, non só incrementando a eficiencia na alimentación, senón tamén reducindo as perdas económicas polo alimento non inxerido e o gasto ambiental do tratamento da auga”. Nestes sentido, remarcan que é relevante que os resultados sirvan para sentar as bases da colaboración con empresas para o desenvolvemento de aditivos alimentarios en acuicultura.

Ao longo do proxecto os investigadores abordaron diferentes aspectos, como a regulación metabólica da inxesta de alimento en peixes a través de mecanismos sensores de nutrientes; a converxencia e integración de sistemas sensores de nutrientes; o papel regulador das NAEs (Oleoiletanolamida (OEA) e palmitoiletanolamida (PEA)) sobre o metabolismo enerxético; o papel das melanocortinas nas respostas fronte ao risco e á saciedade; o papel das monoaminas e as melanocortinas a nivel da integración dos sinais de estrés polas monoaminas ou a regulación circadiana da homeostasis enerxética estudando o papel dos mecanismos circadianos no metabolismo hepático e o impacto do estrés e da serotonina cos osciladores centrais.

Publicidade

Os resultados obtidos no subproxecto elaborado pola Universidade de Vigo permitiron a publicación de 30 artigos en revistas indexadas de elevado impacto, dando así continuidade á actividade dos proxectos anteriores. “Todo isto permite que o grupo continúe a ser unha referencia internacional” neste eido. Ademais, os resultados déronse a coñecer a través de 42 comunicacións en congresos tanto nacionais como internacionais e defendéronse tres teses de doutoramento.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais