Un novo método para identificar, cuantificar e confirmar ciguatoxinas en peixes

O científico da UVigo Pablo Estévez desenvolve ao abeiro do proxecto Eurocigua un traballo que mellora a detección desta intoxicación alimentaria

As ciguatoxinas (CTX) son unhas toxinas producidas polas microalgas dinoflaxeladas do xénero Gambierdiscus e Fukuyoa, que se acumulan nos peixes de augas tropicais que se alimentan destas algas e, cando alguén come un destes exemplares contaminados pode sufrir unha intoxicación alimentaria denominada ciguatera, considerada xa unha das intoxicacións por biotoxinas mariñas máis común a nivel mundial. Conscientes desta realidade a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria puxo en marcha en 2016 o proxecto de investigación EuroCigua, no que colaboraron máis de 15 institucións científicas europeas, entre elas o Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo. Ao abeiro deste proxecto realizou a súa tese de doutoramento o investigador do grupo de Innovación en agroalimentación e saúde, adscrito ao Cinbio, Pablo Estévez, un traballo que deu como principal froito o desenvolvemento dunha nova metodoloxía capaz de identificar, cuantificar e confirmar a presenza de ciguatoxinas en peixes.

Unha vez desenvolta, optimizada e validada, a denominada tecnoloxía LC-MS (Liquid Chromatography coupled to Mass Spectrometry), aplicouse á análise de mostras de peixes contaminados de forma natural das illas Canarias e do arquipélago de Madeira co obxectivo de identificar o principal perfil tóxico. “Feito este traballo puidemos identificar a Ciguatoxina do Caribe-1 (C-CTX1), como a principal toxina responsable da contaminación”, salienta o investigador, facendo así fincapé no feito de que as implementacións e optimizacións realizadas neste estudo contribuíron á caracterización do risco asociado á ciguatera en varias zonas costeiras europeas, en particular as illas Canarias e o arquipélago de Madeira.

Publicidade

Ata o agora para a realización deste tipo de análises de toxicidade aplicábanse sobre todo métodos de screening (ensaios celulares de citotoxicidade), pero estas técnicas presentan a limitación “de que o resultado que achegan limítase á simple presenza ou ausencia de compostos tóxicos tipo ciguatoxina e poden dar falsos positivos e negativos debido á presenza de compostos interferentes do peixe”, explica o autor da tese, recalcando o feito de que a metodoloxía desenvolta neste traballo permite identificar e confirmar cales son as toxinas responsables desta contaminación mediante a confirmación estrutural do composto.

O carácter pioneiro deste proxecto, dirixido pola profesora Ana Gago, tamén xustifica o amplo número de carencias e dificultades atopadas por Estévez no desenvolvemento da investigación, particularmente no que respecta á limitación de materiais de referencia -mostras patrón con diferentes valores de concentración asignados a cada toxina e que deben presentar unha alta pureza, homoxeneidade e estabilidade- cos que poder traballar. “Estes materiais de referencia permiten non só o desenvolvemento, optimización e validación de métodos de análise, senón que garanten a correcta identificación e cuantificación das toxinas”, explica o investigador, ao que engade que, á hora realizar este traballo “a inexistencia deste tipo de materias das toxinas obxecto de estudo supuxo unha importante dificultade”.

Publicidade

A maiores, a nova metodoloxía desenvolta por Estévez permite tamén a identificación de compostos adicionais presentes en menor concentración, pero que tamén contribúen á toxicidade das mostras.

O proxecto EuroCigua comezou en abril de 2016 e finalizou en xaneiro deste ano. A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición asumiu a súa coordinación xunto coa participación de quince institucións científicas procedentes de seis Estados membros (España, Portugal, Francia, Alemaña, Grecia e Chipre) formando un equipo multidisciplinar ao que se uniron no seu Consello Consultivo diferentes especialistas mundiais no campo das ciguatoxinas.

EuroCigua dividiuse en catro subproxectos: Xestión e Coordinación Científica, do que a propia AESAN foi a Institución líder; Epidemioloxía, liderado polo Centro Nacional de Epidemiología do Instituto de Saúde Carlos III (CNE- ISCIII); Avaliación das ciguatoxinas en produtos da pesca e o medio ambiente, liderada polo Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentàries (IRTA); e Caracterización das ciguatoxinas presentes na UE incluíndo o desenvolvemento de materiais de referencia, que liderou a Universidade de Vigo.

Debido á importancia deste risco emerxente en Europa, o proxecto contou cunha dotación económica de 2 millóns de euros, dos cales o 50 % estivo financiado pola EFSA, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, e o outro 50 %  foi achegado polos propios socios involucrados no proxecto, converténdose nun dos principais proxectos europeos en materia de seguridade alimentaria de EFSA.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo no que traballa Rubén González no Instituto Pasteur de París realizou un experimento en moscas da froita e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno