Elena Ojea lidera en Vigo o proxecto 'Climate Adaptation to shiffting stocks' (Clock) Foto: Sara Ojea.

Elena Ojea lidera en Vigo o proxecto 'Climate Adaptation to shiffting stocks' (Clock) Foto: Sara Ojea.

Elena Ojea: “Os peixes estanse movendo cara ao norte, e iso é un problema moi grave”

A primeira galega en conseguir unha bolsa Starting Grant dirixe na UVigo o Future Oceans Lab, que analiza o impacto do cambio climático na pesca

Elena Ojea (Nigrán, 1981) é a primeira científica galega que obtivo unha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), unha das axudas de investigación de maior excelencia na UE. Ojea, graduouse en Ciencias Medioambientais e especializouse posteriormente en Economía e Políticas do Medio Ambiente. Despois dunha traxectoria que a levou ao País Vasco e Estados Unidos, grazas á  Starting Grant, e coa axuda do programa Oportunius da Xunta, puido volver en 2016 a Galicia, onde impulsou o Future Oceans Lab na Universidade de Vigo. Un equipo de novos investigadores liderado por Ojea que pretende anticiparse aos problemas que xa están xurdindo e os que van xurdir nos nosos mares debido ao cambio climático.

– Que está pasando nos océanos, e que vai pasar?

– Un dos impactos que estamos vendo é que os peixes están migrando cara latitudes máis altas, cara os polos, debido ao quecemento da temperatura da auga, e isto ten unhas consecuencias ecolóxicas, pero tamén socioeconómicas. E temos que preguntarnos que políticas deben facerse para poder adaptarnos a isto.

“Os peixes non teñen fronteiras no mar, pero os humanos si; e isto xera problemas importantes”, di Ojea

Unha das cousas que sempre dicimos é que os peixes non teñen fronteiras no mar, pero os humanos si (as áreas económicas, as políticas pesqueiras, as cotas, etc.). E isto xa está a xerar problemas importantes: especies que se están movendo, e frotas que non poden chegar a estes lugares aos que se desprazan; e o problema vaise acentuar no futuro.

– Que exemplos se están vendo disto?

– Hai evidencias de que especies clave para o sector pesqueiro, como a pescada, o bacallau ou a xarda, xa se están movendo cara o norte. No noso grupo fixemos varias revisións das especies máis afectadas, e hai informes europeos que tamén o din.

E ante isto, hai que buscar medidas que dean máis flexibilidade ás frotas, e que as decisións políticas e institucionais non sexan unha barreira, senón que se anticipen a estes problemas. E teñen que ter en conta estes cambios e evitar a sobreexplotación dos recursos, porque moitas veces o que pasa é que cando un país está a piques de perder unha especie, decide pescar toda a que pode antes de perdela.

– Di que cómpre actuar xa. Por onde hai que comezar?

– Nós estamos contribuíndo con medidas específicas para adaptación da pesca. Os modelos evidencian cada vez máis os cambios, pero non existe moita información sobre as repercusións económicas e sobre os problemas que poden xurdir nas comunidades máis vulnerables.

E por outra banda tamén precisamos saber que mecanismos de acordos internacionais se poden poñer en marcha para establecer niveis de capturas; e repartir estes niveis por países para que non se sobreexplote o stock que se está movendo.

– Falaba dos problemas que poden xurdir en Galicia. A que nos enfrontamos?

– Aquí, sobre todo no sector industrial, os armadores e pescadores xa son conscientes do problema; os peixes estanse movendo cara o norte, e iso é un problema moi grave. E a demanda de solucións vén por aí, con respostas institucionais. Agora mesmo temos unha política un tanto ríxida, co principio de estabilidade, e isto non está adaptado ao cambio da distribución, porque o recurso non está como estaba hai 20 anos.

E na parte máis vinculada á pesca artesanal, é máis difícil dicir algo. Hai moitos impactos observados pero non se sabe cal vai ser a resposta conxunta. Por exemplo, tense detectada unha certa ‘tropicalización’, con especies de latitudes máis baixas, pero aínda se está investigando, non sabemos ata que punto e con que velocidade está pasando isto. E por outra banda, tampouco temos un territorio tan grande como para que haxa migracións masivas.

Ojea sinala que hai evidencias de que especies claves para a pesca, como a pescada, a xarda e o bacallau, están mudando o seu hábitat

E en Galicia, temos tamén o fenómeno do afloramento, que nos modelos climáticos globais non está ben estudado, polo que é difícil ter predicións das especies que se están movendo ou non, pero estase a traballar nisto.

E tamén hai que incidir na capacidade de adaptación da xente. Non hai que estar atentos só aos cambios do ecosistema, que en Galicia, por exemplo aínda non se coñecen polo miúdo; tamén temos que estudar como se poden adaptar as persoas nos diferentes niveis de impacto destes cambios de forma que esteamos preparados.

– Future Oceans Lab é un exemplo de como a ciencia pode previr conflitos sociais e políticos.

– Estamos centrados na investigación social e económica, e temos que anticiparnos a iso: saber se vai haber un conflito, e onde, que grupos sociais son máis sensibles a eles, onde hai que priorizar os esforzos, e por que.

Por exemplo, un dos nosos investigadores,  Diego Salgueiro, está estudando na súa tese a pesca artesanal galega, e unha das preguntas que ten é como as diferentes realidades das comunidades de pesca artesanal poden facilitar ou non a adaptación ao cambio climático.

– Tamén asesora a ONU.

– É un traballo que penso que é bo explicar para que se entenda. O IPCC é un panel de expertos científicos que se reúne para sintetizar a literatura científica publicada sobre o cambio climático. O que facemos é un resumo da información dispoñible e actualizada para saber canto é o que sabemos de determinados temas, e así proporcionar información obxectiva e con utilidade para os países.

Non imos facer ciencia nova. O noso obxectivo é facer unha síntese para saber onde estamos e identificar prioridades. Eu traballarei no capítulo de océanos e na parte de adaptación social.

– Que balance fai desde o seu regreso a Vigo?

– Estou moi contenta, e vexo que imos acadando os obxectivos marcados. Teño todo o que preciso para facer o traballo o mellor posible. E tamén estou moi satisfeita da benvida tanto institucional como social, hai moito interese, e a xente está aberta a colaborar e a compartir experiencias. Estamos tendo xa bastante alcance na sociedade, e vemos que se valora o noso traballo e que se nos escoita.

Considero que nisto tiven moita sorte, e tamén estou moi contenta de ter máis contacto ca nunca co sector pesqueiro en Galicia e da comunidade científica, e de todo o que estou aprendendo. Está sendo todo moi positivo.

E a nivel do grupo, o mesmo. Pasei de chegar eu soa a ter xa un equipo de sete persoas. Foi moito traballo pero estamos vendo como imos acadando resultados. Vemos que hai un reto importante por diante, pero todos estamos moi motivados e achegando moito ao proxecto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.