As cebras teñen raias, os leopardos moutas e as panteras unha xenuína cor negra. Xa se coñecían os xenes e proteínas que regulan as cores dos mamíferos. Agora, unha investigación da bióloga viguesa Rosa Ceinos durante a súa etapa no CSIC descubriu os mecanismos de pigmentación nos peixes. O traballo foi publicado na prestixiosa Pigment Cell and Melanoma Research e foi realizado pola doutora Ceinos nun proxecto do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, en colaboración coa Universidade de Bath (Reino Unido) e o Instituto de Acuicultura Torre de la Sal, en Castelló.
O estudo conclúe que a cor dos peixes xorde por interacción de dous mecanismos de pigmentación independentes. Unha das súas funcións é servir como camuflaxe ante depredadores, o que explica que o dorso sexa escuro para confundirse co fondo mariño cando son atacados dende arriba. E máis claro no ventre, para mimetizarse coa luz da superficie cando son atacados dende abaixo.
Pero a clave do estudo é que terá aplicacións prácticas en acuicultura, onde se producen grandes perdas pola incorrecta coloración dalgunhas especies, como é o caso do rodaballo, que perde valor comercial cando está mal pigmentado.
“Unha coloración anómala pode afectar á venda do peixe”, sinala Ceinos
“Nun traballo previo do noso grupo de investigación (Guillot et al., 2012) xa se describe a presenza da proteína de sinalización agouti no rodaballo e linguado”, explica Rosa Ceinos: “Cando estas especies de elevado valor se cultivan a grande escala obsérvase unha alta porcentaxe de malformacións pigmentarias, na meirande parte dos casos de orixe descoñecida. Aínda que as alteracións pigmentarias non son prexudiciais para a súa saúde, danlle unha coloración anómala que en moitos casos pode afectar á venda do peixe”.
Por esta razón, “agouti podería estar entre as bases xenéticas das malformacións pigmentarias de peixes en cultivo a grande escala. Unha vez máis a ciencia básica volve amosarse parte esencial á hora de atopar aplicacións para o desenvolvemento da industria”, explica Ceinos.
O traballo foi desenvolvido sobre peixe cebra, que é a especie máis común para experimentación en peixes. As conclusións demostran que a coloración se produce mediante a superposición de dous patróns de pigmentación distintos. Un patrón de pigmentación dorso-ventral, evolutivamente moi antigo, determinado pola expresión rexional do xene Asip, que codifica a proteína de sinalización agouti, e un segundo patrón polo cal o peixe cebra desenvolve a súa rechamante cor a bandas e que é evolutivamente máis recente. A superposición de ambos os dous patróns dá lugar á coloración característica do animal.
“Este traballo mostra como a nivel xénico se define un cambio morfolóxico que se vai manifestar nos individuos adultos, e que foi conservado ao longo da evolución dos vertebrados, pois o xene agouti tamén é responsable da coloración dorso ventral nos mamíferos”, explica Rosa Ceinos.
Os resultados desta investigación que Rosa Ceinos asina como autora principal abrirán novas vías no estudo dos factores que controlan as variacións naturais na coloración dos animais e os seus problemas pigmentarios, como o pseudoalbinismo e a hipermelanosis. O traballo foi realizado no Grupo de Patoloxía Molecular Acuática que dirixe o investigador Josep Rullant no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC). Tamén colaboraron os científicos José Miguel Cerdá, do centro Torre de la Sal (CSIC) e Robert Kelsh, da Universidade de Bath (Reino Unido).
Ceinos traballa actualmente no ‘reloxo biolóxico’ con estadías en Ferrara e Karlsruhe
Para realizar a súa investigación, Rosa Ceinos foi financiada coas seguintes bolsas: Jae-Doc cofinanciada con fondos Europeos, José Castillejo del Ministerio de Educación e EuFishBiomed, do European Coast Action.
Actualmente, Ceinos traballa nunha nova liña de investigación relacionada co “reloxo biolóxico” e a súa sincronización pola luz e polo horario e frecuencia de alimentación. É un estudo conxunto da Universidade de Vigo, a de Ferrara (Italia) e o Karlsruhe Institute of Tecnology (Alemaña), un proxecto de tres anos no que realiza estanzas de investigación nos tres centros.
Ler a nova en castelán
O artigo científico de Pigment Cell and Melanoma Research: Rosa M. Ceinos, Raúl Guillot, Robert N. Kelsh, José Miguel Cerdá-Reverter, Josep Rollant. “Pigment patterns in adult fish result from superimposition of two largely independent pigmentation mechanisms”. Pigment Cell and Melanoma Research. DOI: 10.111/pcmr. 12335