Científicos galegos parten cara Terranova a estudar os recursos pesqueiros

Este venres 25, a bordo do buque Vizconde de Eza, investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) partirán desde Vigo con rumbo ao Gran Banco de Terranova, para realizar as campañas de investigación pesqueira denominadas Platuxa, Flemish Cap e Fletán Negro 3 L.

As campañas, organizadas e dirixidas por investigadores do Programa de Pesqueiras Afastadas do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, investigan a chamada Área de Regulación da NAFO 3 MLNO, que inclúe parte das augas internacionais adxacentes á Zona Económica Exclusiva de Canadá.

Estas campañas son a mellor fonte de datos para planificar a sustentabilidade dos recursos

Este ano realízase a vixésimo cuarta edición da campaña Platuxa, liderada polo investigador José Luis del Río Iglesias. O persoal científico embarcado estará composto por seis investigadores e técnicos do Instituto Español de Oceanografía, sete observadores científicos e unha alumna universitaria en prácticas da Facultade e Ciencias do Mar (Universidade de Vigo). A eles hai que sumar os 21 membros da tripulación do Vizconde de Eza.

O obxectivo xeral da campaña é a obtención da información biolóxica necesaria para avaliar o estado dos recursos pesqueiros de interese para a frota española, tales como o bacallau, fletán negro, camarón, cabra, limanda, mendo ou raia, entre outros.

Con este fin, realizaranse pescas estandarizadas de 30 minutos de duración, identificando todas especies presentes na captura e rexistrándose os datos de talla, sexo, peso e estado de madurez sexual. Ademais, consérvanse mostras de gónadas e otolitos para estudos de madurez e crecemento, que son procesadas ao finalizar a campaña e que permiten coñecer datos básicos para utilizar nas avaliacións analíticas dos stocks, como son o estado de madurez sexual e a idade dos peixes.

Estudaranse especies como o bacallau, fletán negro, camarón, cabra, limanda, mendo ou raia

Toda esta información é indispensable para a avaliación dos recursos pesqueiros da zona, especialmente aqueles que están baixo moratoria e para os que non hai información procedente da pesca comercial. Este ano ademais faranse mostraxes de contidos estomacais dunha ampla selección de especies, co fin de investigar as relacións tróficas na cola do Gran Banco.

Alén disto, identifícanse e pesan todas as especies de invertebrados bentónicos, co fin de dispoñer de información básica para a xestión das pesqueiras baseada no ecosistema. Por último, en todas as estacións de mostraxe obtense un perfil hidrográfico cunha sonda de profundidade, temperatura e condutividade, para coñecer as condicións ambientais das pescas.

Na actualidade, esta campaña é a mellor fonte de datos independentes da pesqueira comercial na área prospectada e a información obtida utilízase na reunión do Consello Científico de NAFO para avaliar os recursos pesqueiros de interese comercial para a frota española no Gran Banco de Terranova.

A campaña Platuxa comezou en 1995 como unha iniciativa da administración española e desde o 2002 está financiada pola UE dentro do FEMP a través do PNDB (Programa Nacional de Recompilación, Xestión e Uso dos Datos Pesqueiros).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.