8.000 galegos sofren epilepsia resistente aos fármacos

O 24 de maio celébrase en España o Día Nacional da Epilepsia. Esta é unha das doenzas neurolóxicas máis frecuentes, xa que afecta ao 1% da poboación (unha porcentaxe que medra ata o 3% nos maiores de 80 anos). En Galicia estímase que existen uns 27.000 doentes, segundo datos do grupo de Estudo da Epilepsia da Sociedade Galega de Neuroloxía. E deles, en máis do 30% dos casos (uns 8.000) é refractaria; é dicir, que non responden ao tratamento farmacolóxico indicado.

Santiago acolle unha das unidades estatais de referencia en epilepsia refractaria (resistente aos fármacos)

En Santiago de Compostela, nas instalacións do CHUS, atópase o centro de referencia en Galicia para esta enfermidade. Ademais, desde 2011, a unidade compostelá está recoñecida polo Ministerio de Sanidade como unha das referencias estatais na atención de pacientes adultos con epilepsia refractaria.

Desde que se iniciou en Santiago o programa de cirurxía desta doenza en 1997, efectuáronse máis de 400 cirurxías. E máis do 80 por cento dos doentes intervidos quedan libres de crises epilépticas incapacitantes. E só en 2017 foron atendidos 634 doentes refractarios nas consultas da unidade santiaguesa. 48 deles proviñan doutras comunidades autónomas. Deles 115 eran novos casos, 16 deles doutras comunidades. Realizáronse, en total 22 intervencións cirúrxicas.

O 80% dos pacientes operados en Santiago quedaron libres de crises epilépticas incapacitantes

Nesta unidade toma parte un equipo multidisciplinar de neurólogos, neurocirurxiáns, neurofisiólogos, neurorradiólogos, neuropediatras, neuropsicólogos e profesionais do Servizo de Medicina Nuclear. Con este traballo conxunto foi posible mellorar o diagnóstico precirúrxico, ao utilizarse novas técnicas como a estereoelectroencefalografía (rexistro EEG con electrodos profundos), que permite coñecer con maior exactitude a localización do foco epileptóxeno, ou técnicas de fusión entre a Resonancia Magnética cerebral e o PET cerebral que permite localizar con máis precisión as zonas responsables das crises epilépticas.

Ao tempo, o equipo desenvolveu unha importante actividade investigadora, colaborando en preto dunha trintena de ensaios clínicos con novos fármacos antiepilépticos e noutros proxectos de investigación sobre epilepsia. Desde o punto de vista docente os membros da Unidade participaron como ponentes e organizadores de reunións de epilepsia tanto a nivel rexional como nacional, sendo a Unidade de Epilepsia Refractaria de Santiago lugar de rotación de residentes de Neuroloxía doutros hospitais de España.

Celebración do Día Nacional da Epilepsia

Como parte da conmemoración do Día Nacional da doenza, o Hospital Clínico de Santiago acolleu este xoves unha mesa informativa de UGADE (Unión Galega de Epilepsia) para informar desta patoloxía aos doentes e visitantes que acoden ao centro. Tamén se organizou a xornada Vivir coa epilepsia: fármacos antiepilépticos, na que interviron profesionais da Unidade, como o xefe do servizo de Neuroloxía do CHUS, Alfonso Castro, o responsable da Unidade de Epilepsia Refractaria, Javier López. Tamén participan a xerente da área sanitaria compostelá, Eloína Núñez, e a presidenta de UGADE, Mar Caamaño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.