O Campus Terra lidera a creación dunha rede europea de alerta contra toxinas mariñas

O grupo de investigación Farmatox, da USC, dirixido polo catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Luis Miguel Botana, lidera un proxecto para crear unha rede de alerta de toxinas mariñas no litoral atlántico europeo. A iniciativa, denominada Alertox Net, foi un dos programas seleccionados na última convocatoria do Programa de Cooperación Territorial Interreg V. Recibirá un financiamento total de tres millóns de euros para que as distintas entidades agrupadas neste consorcio europeo desenvolvan diversas actuacións nos vindeiros dous anos.

O obxectivo desta futura rede de alerta de toxinas é o de ser un órgano de información e asesoramento a todos os sectores afectados (produtores, distribuidores, comercializadores e consumidores). A creación dunha base de datos pública e que integre toda a información existente sobre riscos e produtos, desenvolver e compartir métodos de detección de toxinas e a elaboración de informes e estudos sobre toxinas non lexisladas, son outros dos cometidos deste proxecto europeo.

Publicidade

Alertox Net é o terceiro proxecto de investigación para o que Farmatox da USC acada financiamento a través do Programa Interreg, segundo sinala Luis Miguel Botana, quen explicou que esta nova iniciativa no eido da I+D+i permitirá dar continuidade ás accións xa desenvolvidas no marco dos dous proxectos anteriores: Atlantox e Pharmatlantic. Estes programas internacionais posibilitaron o desenvolvemento de novos métodos para a detección de toxinas mariñas emerxentes, así como o posterior desenvolvemento e creación de medicamentos e fármacos a partir destes produtos mariños.

O programa está financiado con tres millóns de euros

O labor de investigación realizado polo grupo de investigación Farmatox da USC ao abeiro dos anteriores proxectos deron pé a arredor de 10 concesións de patentes, ademais da publicación de preto dun cento de artigos en revistas científicas internacionais de elevado impacto. Esta bagaxe científica tamén contribuíu, segundo indica o catedrático, a focalizar a atención nos novos riscos que xorden por mor dos efectos do cambio climático e tamén como consecuencia da acción do ser humano, factores que causan e ou favorecen a aparición de toxinas emerxentes e de inminas cíclicas.

Publicidade

Os efectos do cambio climático fan que as augas quentes suban de latitude e cambien os perfís ecolóxicos. Estas transformacións implican variacións nas poboacións de microalgas e a aparición de toxinas emerxentes. Estas novas toxinas resultan descoñecidas e tamén están fóra de calquera mecanismo de control ou regulamentación normativa. Ás consecuencias deparadas polo cambio climático cómpre sumar outros efectos deparados pola acción do home, como foi o caso do Canal de Suez, unha obra de enxeñaría que fixo posible que toxinas procedentes do Índico se expandiran polo Mediterráneo. Cómpre salientar os riscos para a saúde pública que deparan as tetrodotoxinas (toxinas de orixe bacteriana que poden estar en calquera parte e das que non se coñece a súa ecoloxía).

A toxina do peixe globo apuntouse nun primeiro momento como orixe destas toxinas emerxentes, pero o posterior descubrimento da toxina das praias (palitoxina), que provocou o peche de areais e áreas de baño desde Italia ata o Algarve portugués, ou os casos de presenza de tetrodotoxina de mexillón rexistrados nos Países Baixos, Inglaterra ou Grecia, ou de concha mariña, en Málaga, activaron a creación dun grupo de traballo Axencia Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), no que participou Luis Miguel Botana e que acordou a pertinencia de facer unha lexislación sobre tetrodotoxinas polo grave risco que supoñen.

Consorcio internacional

O proxecto Alertox Net, liderado polo grupo Farmatox da USC, está avalado pola participación dun consorcio internacional no que participan os principais centros e institucións europeas relacionadas co sector. Daquela, forman parte deste consorcio europeo o Intecmar de Vilaxoán (Xunta de Galicia), o Centro Interdisciplinar de Investigacións Mariñas (Ciimar) de Oporto, o Comisionado de Enerxía Atómica (Francia), o Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar (Ifremer), con sede en Nantes, a Fundación AZTI (País Vasco), o Laboratorio de referencia europeo de Microbioloxía con sede en Reino Unido (CEFAS), o Centro de Seguridade Global da Universidade de Queen’s (Belfast), o Laboratorio de Control de Toxinas de Irlanda (Marine Institute), a Universidade de Galway (Irlanda) e o Laboratorio Cifga, con sede en Lugo e que é a única empresa europea certificada como provedora de toxinas.

A esta ampla relación de socios participantes no proxecto Alertox Net, cómpre sumar outros tres centros colaboradores e de apoio, tales como o son o Instituto Portugués do Mar e da Atmosfera, a Asociación Nacional de Industriais de Conservas de Peixe (Portugal) o Consello Regulador do Mexillón de Galicia e o Centro Medioambiental de Pesca e Acuicultura do Reino Unido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

Un equipo da USC investiga métodos de control das biotoxinas

O grupo de investigación Farmatox participa xunto con outras entidades europeas no programa de formación de doutores