O Grupo de Estudos do Medio Mariño (GEMM) vén de descubrir na ría de Arousa dúas novas especies de vermes planos. O achado foi publicado na revista especializada Zootaxa. As novas especies foron bautizadas como Hoploplana elisabelloi e Armatoplana celta. O primeiro destes nomes rende homenaxe á bióloga galega Elisa Bello, que faleceu prematuramente no 2008, quen desenvolveu a súa actividade no Museo de Ciencias Naturais e que foi pioneira na aplicación da informática na taxonomía, a disciplina que fai a clasificación das especies.

O GEMM está radica en Ribeira e formado por biólogos e mergulladores, que dende hai máis de dez anos realizan unha exhaustiva investigación das especies nas rías galegas. O nome de Armatoplana celta, pola súa banda, rende homenaxe “aos antigos poboadores de Galicia”, segundo afirman dende o GEMM.
No 2014, o GEMM xa descubrira outra nova especie de verme plano, o Euryleptodes galikias. Tamén atoparon un novo molusco gasterópodo descoñecido para a ciencia ao que bautizaron Simnia jacintoi. Trátase dun animal duns 6,5 milímetros de lonxitude que foi achado sobre colonias de corais blandos, dos que se alimenta, a uns 25 metros de profundidade. Para esta investigación anterior, colaboraron co Zoological State Collection de Múnich e coa Sociedade Alemá de Malacoloxía.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK












