Así son as mandíbulas e os dentes desta coñecida criatura mariña

Un novo estudo analiza como conseguen os ourizos de mar manter os seus dentes sempre afiados

Cando un pensa nunha criatura mariña con dentes afiados, a resposta máis obvia sería a quenlla. As mandíbulas do tiburón teñen sona, tamén no cinema, pero hai outros bechos que non quedan atrás. Tal é o caso do humilde ourizo de mar. Porque estes espiñentos seres que habitan no fondo mariño nin sequera parecen ter boca, e moito menos dentes. Agás que os mires de preto.

Aos ourizos de mar gústalles manter os seus cabeiros afiados. Pero non representan un perigo para o ser humano, agás polas súas espiñas.

Publicidade

A mandíbula do ourizo de mar, nunha imaxe tomada por Horacio Espinosa.

As bocas de ourizo de mar atópanse na parte inferior do seu corpo. E un novo estudo descubriu como manteñen unha saúde dental axeitada. O traballo foi realizado por un equipo dirixido polo enxeñeiro mecánico e estrutural Horacio Espinosa da Universidade Northwestern, quen utilizou técnicas de microscopía electrónica para investigar como se desgastan os dentes de ourizo de mar durante os procesos de abrasión.

Os resultados confirman unha hipótese anterior a nivel microscópico: estes dentes afíanse a través da abrasión, do mesmo xeito que fai un afiador de coitelos. E o proceso é bastante diferente ao que sucede cos dentes humanos. A capa externa dos nosos dentes chámase esmalte , e cando desaparece, desaparece para sempre. Pola contra, os cinco dentes dun ourizo de mar están configurados en cinco mandíbulas e son diferentes. Cando se deteriora a capa fibrosa externa dos dentes, chamada “pedra“, é substituída por novos materiais que medran continuamente debaixo.

Publicidade

Co tempo, esa nova capa vai estragarse, co que volve repetirse o ciclo. “O desgaste afía o dente”, explica un dos membros do equipo, Hoang Nguyen: “A adición de novos materiais, a través do crecemento continuo dos dentes, compensa a perda durante a vida útil do animal”.

Os afiados dentes superpostos do ourizo mariño.

Así que o humilde ourizo de mar ten bos dentes durante toda a súa vida, pois medran sen descanso cando se deterioran.

Podes ler a investigación no artigo publicado pola revista Matter, do grupo Cell

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vinte graos en maio

O clima aumenta a temperatura do mar en Galicia ata acadar valores anómalos no mes de maio. Por Andrea Veiga

Que nos di a escuma do mar da saúde das praias?

O fenómeno xérase pola axitación producida pola forza das ondas e dos ventos que, ao combinarse coa materia orgánica disolta, forma unha dispersión de auga e burbullas de aire. Por Gumersindo Feijoo Costa

Nena, tres anos e ollos escuros: o rastro da mandíbula de hai 3.500 anos atopada na Mariña

As análises xenéticas por paleoxenómica revelan as características físicas dos restos dunha pequena da Idade do Bronce atopados no enclave costeiro de Arealonga

A tropicalización do mar muda o ecosistema: Galicia rexistra xa 50 especies exóticas dende 1945

O investigador Rafael Bañón apunta a que o quecemento favorece a chegada de peixes pouco habituais como o peixe porco ou a rémora azul