O picudo vermello asola as palmeiras de Galicia en seis anos e chega xa á Coruña

O avance imparable deste escaravello que ataca estas plantas ameaza o palmeiral de Méndez Núñez, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras

A historia do picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) lembra moito á da velutina, outro insecto que veu para quedar, e deixar pegada, no territorio galego. Desde que en 2013 (o mesmo ano no que chegou a vespa asiática) se detectara en Gondomar, o seu avance vai deixando tras de si unha longa lista de vítimas nas palmeiras, especialmente as especies das Canarias (Phoenix canariensis), e datileiras (Phoenix dactylifera).

Probablemente, o exemplo máis curioso, que ata emenda á toponimia, está na avenida Gregorio Espiño de Vigo. Alí, este mesmo mes de marzo, a voracidade do picudo vermello obrigou a cortar arredor dunha decena de exemplares, segundo contaba La Voz, na coñecida como Praza das Palmeiras, pola notoria presenza destas plantas. En só uns meses, tal e como se pode ver nas imaxes, o insecto seca as plantas. Comeza a sucar galerías e, pouco a pouco, vai roendo o interior dos talos ata acabar co organismo.

Publicidade

En só uns meses, as palmeiras de Gregorio Espiño, en Vigo, tiveron que ser talladas polo picudo. Fonte: Google Street View.
En só uns meses, as palmeiras de Gregorio Espiño, en Vigo, tiveron que ser talladas polo picudo. Fonte: Google Street View.

Por agora, o sur de Galicia está sendo afectado en maior medida, pola lóxica proximidade desde os primeiros casos de Gondomar. Así, na zona meridional da provincia de Pontevedra cóntanse por centos as palmeiras xa destruídas polo escaravello. De feito, desde a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, centro de investigación dependente da Deputación de Pontevedra, apuntan que o picudo xa “está distribuído por toda a provincia”, segundo Carmen Salinero, xefa de servizo da estación. Dado esta evolución, a entidade dedícase na actualidade a ofrecer diagnóstico, orientación e recomendación para actuar nos exemplares afectados e previr a afección nos que están sans.

Tamén en Ourense están tendo problemas, con danos en palmeiras de enclaves históricos como As Burgas. Pero a preocupación viaxa a toda velocidade cara ao norte. En moitas zonas de Arousa, como Vilanova, Vilagarcía ou A Illa, xa morreron exemplares que formaban parte da paisaxe urbana desde hai moitas décadas, e en Noia, entre outras vilas, tamén hai plantas con danos. E en decembro de 2018, o escaravello chegou ata a principal poboación do norte de Galicia: o Concello da Coruña confirmou seis casos de afección na cidade.

Na capital coruñesa, as miradas están postas nos xardíns de Méndez Núñez, onde se atopa o único palmeiral incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras  de Galicia. Estanse realizando traballos de prevención, con fitosanitarios e un seguimento constante, para evitar á súa aparicións. Por agora, as outras dúas palmeiras consideradas Árbores Senlleiras (no xardín de Padrón e no convento de Herbón), están a salvo.

O Concello da Coruña xa tomou medidas no palmeiral de Méndez Núñez, unha das formacións do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Foto: R. Pan.
O Concello da Coruña xa tomou medidas no palmeiral de Méndez Núñez, unha das formacións do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Foto: R. Pan.

A Unión Europea ‘réndese’ ante o picudo

Aínda que desde as administracións locais, rexionais, estatais e comunitarias se tomaron medidas, o picudo vermello foi quen de resistir as actuacións de emerxencia, ata o punto de obrigar a derrogar unha decisión da Comisión Europea. Segundo informan desde a Consellería de Medio Rural da Xunta, de quen depende o Servizo de Sanidade Vexetal, “as inspeccións anuais levadas a cabo polos Estados membros con arranxo a dita decisión indicaron que o organismo está actualmente moi estendido na maior parte da zona en perigo”, polo que se considerou que “non é viable evitar que siga introducíndose e se propague” no territorio comunitario.

Con esta derrogación, desapareceu a obrigación de tomar medidas de urxencia, polo que as actuacións que se están a realizar son “voluntarias e non controladas oficialmente” pola institución comunitaria, segundo expón Medio Rural.

Exemplares de larvas e adultos de "Rynchophorus ferrugineus". Fonte: Luigi Barraco/CC BY-SA 3.0
Exemplares de larvas e adultos de “Rynchophorus ferrugineus”. Fonte: Luigi Barraco/CC BY-SA 3.0

Control e eliminación

Ante un caso positivo, é habitual que se recomende a eliminación das palmeiras infectadas  se o dano é irreparable, para evitar a transmisión a outros exemplares e, por outra banda, previr posibles accidentes debido á súa caída. Ao murchar, a planta perde vigor e pode caer debido ao efecto do vento e a chuvia. Tamén é posible combater o insecto mediante o uso de fitosanitarios e do nematodo Steinernema carpocapsae, un parasito que ofreceu resultados eficaces ao atacar ao picudo.

Do mesmo xeito, a normativa tamén contempla inspeccións nos viveiros e produtores de palmeiras para impedir a propagación de exemplares que leven consigo a praga ata lugares onde poidan infectar palmeiras sas.

Perda de patrimonio indiano

O avance do picudo pon en perigo non só unha especie, senón tamén unha parte da historia recente de Galicia. As palmeiras son un dos vestixios que deixou a masiva emigración a América, xa que os indianos, ao retornar, adoitaban plantar estes vexetais no xardín das súas casas. Por agora, o picudo non chegou ao norte das provincias de Lugo e A Coruña, onde se atopan algúns dos exemplos máis salientables da arquitectura indiana. Pero o avance da praga xa está xerando unha crecente preocupación nestas zonas.

Como é e como actúa o picudo vermello?

O Rhynchophorus ferrugineus é un coleóptero orixinario do Sueste Asiático e Polinesia, e desde hai máis de 25 anos expandiuse por China, a Península Arábiga, Exipto, Italia, Francia ou España. Afecta a varias especies do xénero Phoenix, en especial os machos da P. canariensis.

O insecto precisa entre 3 e 4 meses para completar o seu ciclo biolóxico (ovo-larva-pupa-adulto). Os machos que xorden dos ovos realizan galerías nas plantas afectadas para alimentarse e emiten unha feromona que atrae ás femias á copulación. Unha vez fecundadas, realizan na base das árbores unha serie de galerías para alimentarse e para colocar os seus ovos. Aínda que os adultos poden voar ata 5 quilómetros de distancia, non adoitan abandonar as palmeiras afectadas ata que acaban co seu tecido vexetal, ao secar ou podrecer.

Os principais síntomas dos danos son o decaemento das follas centrais, que murchan e se desprenden con facilidade. Poden chegar a observarse na base das follas as galerías realizadas polo picudo. Nas fases máis avanzadas, o penacho pode caer por completo.


Se coñeces algún caso de presenza do picudo vermello no teu concello, podes escribirnos a redaccion@gciencia.com ou enviarnos unha mensaxe por Facebook, Twitter ou Instagram.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como eran os campamentos romanos en Galicia? Un proxecto reconstrúeos en 3D

Un equipo de arqueólogos colabora xunto a deseñadores gráficos na elaboración dunha serie de contidos que tentan amosar a natureza dos asentamentos militares do Imperio Romano na provincia da Coruña

De herexe a referente: homenaxean o xeógrafo Pérez Alberti pola súa traxectoria

O catedrático e investigador leva décadas viaxando polo mundo para comprender os procesos que mudan as paisaxes

Identificadas as catro candorcas que entraron na ría de Arousa

Os exemplares corresponden á avoa Toñi, matriarca do grupo, o macho Pingu, e as femias Gnomo e Gladis Estrela

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo