As mareas espallan os microplásticos que saen das depuradoras

Un estudo das universidades de Vigo e Aveiro, con participación do IEO, analiza a situación na ría viguesa

Investigadores e investigadoras das universidades de Vigo e Aveiro e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO) realizaron un estudo sobre o transporte e acumulación de micropolásticos emitidos a través das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) na ría de Vigo. Empregando un modelo de simulación de partículas, comprobaron como a distribución dos microplásticos depende en gran medida da etapa de marea no momento da súa saída das depuradoras.

O traballo foi publicado recentemente na revista Marine Pollution Bulletin nun artigo titulado Modelling the distribution of microplastics released by wastewater treatment plants in Ria de Vigo (NW Iberian Peninsula). Está asinado por Maite de Castro, Marisela Des, José Luis Gómez Gesteira e Moncho Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab (CIM-Universidade de Vigo); Magda Sousa, Américo Ribeiro e Joao Dias, da Universidade de Aveiro (Portugal), e Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO).

Publicidade

Programa de simulación

Segundo explican as e os autores do traballo, “estímase que as centrais de tratamento de augas residuais son a principal fonte de microplásticos (< 5 mm) en zonas costeiras debido ao lavado de prendas cun alto contido en fibras plásticas como poden ser PET ou nailon”. No seu estudo, detallan, empregaron un módulo lagranxiano do programa hidrodinámico Delft3D para simular con partículas virtuais as traxectorias seguidas polos microplásticos a partir das sete depuradoras existentes na ría, sendo a máis importante a EDAR Lagares.

Maite de Castro e Moncho Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab (CIM-UVigo), son dous dos autores do traballo.

O modelo desenvolvido foi calibrado previamente con datos de campo relativos á concentración de microplásticos en mexillóns de rocha en diferentes zonas da ría, o que outorga ao traballo “un considerable grao de confianza nos resultados obtidos”, segundo indican os seus responsables. Á hora de valorar o traballo realizado, tamén apuntan como o comportamento das partículas é “practicamente independente” das características particulares dos microplásticos (tamaño e densidade), o que fai que o estudo acade “un importante grao de xeneralidade, sen depender do tipo específico de microplástico vertido”.

Publicidade

Impacto na ría e no océano

Sobre os resultados acadados, as e os investigadores participantes salientan que “no caso da  ría de Vigo, a maior concentración de microplásticos modelizada foi observada na costa sur da ría, nas proximidades da cidade de Vigo, concretamente preto de Samil, sendo practicamente inexistente en áreas do interior da ría”. Polo que respecta á análise da emisión de microplásticos atendendo ás mareas, o traballo recolle que no caso de mareas vivas, arredor dun 20% dos microplásticos emitidos no interior da ría chegarían ao océano aberto, unha fracción semellante (arredor dun 24%) quedaría nas proximidades das illas Cíes e o restante repartiríase polo conxunto da ría. En condicións de mareas mortas, a cantidade de microplásticos exportados ao océano aberto e á illas Cíes sería “insignificante”.

Froito do estudo levado a cabo, indican os seus responsables, “detectouse que o estado da marea no instante de emisión de microplásticos é fundamental para coñecer o seu posterior transporte e determinar as zonas de acumulación”. Así, afirman, “o coñecemento da relación existente entre o estado de marea e a dispersión de microplásticos pode levar a mellorar as estratexias de emisión co fin de minimizar o seu impacto no interior da ría”. Neste senso, e aínda que non foi o obxecto de estudo deste traballo, amosan tamén a súa convicción de que “deben mellorarse os sistemas de tratamentos de augas residuais para evitar a emisión ao medio ambiente de microplásticos”.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego

Un novo proxecto científico busca recuperar a comercialización da volandeira na ría de Vigo

O estudo VOLARIA do IEO-CSIC investigará as causas biolóxicas e ambientais da acumulación de elevados niveis de chumbo no bivalvo