Xoves 28 Marzo 2024

Ten sentido mesturar vacinas sen que haxa xustificación científica?

* Un artigo de

A decisión das autoridades sanitarias de non completar a pauta de vacinación a aqueles que recibiron a primeira dose coa vacina AstraZeneca abre un debate sobre que facer a continuación. É mellor completar a pauta con outra vacina comercializada? Ou talvez deixar sen vacinar a estes individuos?

Publicidade

En primeiro lugar hai que dicir que esta decisión foi tomada en contra da recomendación dos principais organismos reguladores (EMA, OMS) e de forma unilateral, sen contar coa opinión das principais sociedades científicas do noso país. Vaia por diante que, de lonxe, a mellor opción para estes individuos que recibiron a primeira dose é que completen a pauta coa segunda dose da mesma vacina, dado que a día de hoxe non hai ningunha xustificación científica para non facelo.

O risco asociada á vacinación con AstraZeneca é infinitamente menor que o beneficio que se obtén coa vacinación. E ese é precisamente o principio fundamental que rexe a administración de calquera medicamento. Non podemos esquecer que as vacinas, como calquera outro fármaco dos que a diario toma a poboación, non están exentas de reaccións adversas graves. Pero que son os organismos reguladores, nun proceso chamado de farmacovixilancia, quen establece o risco/beneficio asociado.

Neste caso concreto, a pesar do ruído mediático e a infoxicación á que esta vacina está a ser sometida, claramente o beneficio asociado á vacinación excede con moito o risco de administrala.

Por tanto, unha vez aclarado que a mellor opción segue sendo completar a pauta vacinal coa mesma vacina, a dúbida que se expón en caso de non autorizarse é se mesturar vacinas de diferente provedor ou deixar sen completar a pauta vacinal.

Normas básicas para mesturar vacinas

Os principios xerais de vacinación establecen que se debe evitar en todo momento mesturar vacinas de diferente provedor. Pero en determinadas ocasións pode suceder que non haxa dispoñibilidade de vacinas ou ben que non se rexistrou adecuadamente a marca da primeira vacina administrada.

Neste tipo de situacións “especiais”, a recomendación é sempre completar a pauta vacunal con outra vacina diferente. Pero sempre tratando de cumprir catro normas básicas:

  • Que as vacinas teñan a mesma indicación e calendario de administración.
  • Que fosen autorizadas para a mesma franxa de poboación.
  • Que conteñan o mesmo tipo e cantidade comparable de antíxeno vacinal.
  • Que teñan perfís de seguridade, eficacia, inmunoxenicidade e reactoxenicidade similares.

Neste caso concreto, mesturar vacina de AstraZeneca con vacina de Pfizer, como se propuxo, incumpriría o punto 3. As dúas vacinas empregan estratexias de inmunización diferentes (vector viral vs ARNm) e por tanto nin conteñen o mesmo tipo de antíxeno nin a mesma cantidade.

AstraZeneca e Pfizer usan estratexias de inmunización diferentes

Pódese afirmar que, nos dous casos, o antíxeno vacinal final é a proteína S. Pero o modo en que o noso sistema inmunitario vai recibir o sinal é completamente diferente en ambas as estratexias.

A vacina de AstraZeneca emprega un adenovirus como vector viral para producir a proteína S no noso corpo e estimular o noso sistema inmunitario. Pola contra, na vacinación con Pfizer son as propias células musculares as que producen a proteína S viral tras recibir as instrucións en forma de ARNm.

Iso implica que os primeiros pasos na vía de inmunización son completamente diferentes entre unha vacina e outra. Así que o modo en que o noso sistema inmunitario recibe o sinal vai ser diferente. Precisamente os fundamentos da vacinación consisten en repetir varias veces un estímulo para xerar memoria inmunolóxica que protexa ao noso organismo cando se teña que enfrontar ao verdadeiro patóxeno infeccioso.

Se esta diferenza na estratexia de inmunización afecta á inmunoxenicidade/efectividade co uso dun esquema mixto de vacinación é algo que a día de hoxe ignoramos. Actualmente hai en desenvolvemento varios ensaios clínicos que precisamente tratan de analizar o efecto de combinar as dúas vacinas (estudo COM-Cov no Reino Unido), pero os resultados deste estudo aínda non foron publicados.

A priori, e baseándome en estudos previos de combinación doutras vacinas, podemos esperar que os resultados de efectividade sexan iguais ou mesmo mellores que empregando a mesma vacina. Pero, como todo en ciencia, debe ser demostrado antes de realizar unha vacinación masiva da poboación.

O despropósito de vacinar masivamente sen un ensaio clínico controlado

Desde o punto de vista científico supón un despropósito realizar unha vacinación masiva cun esquema mixto sen antes realizar un ensaio clínico controlado para valorar seguridade e efectividade. Sobre todo cando non existe xustificación científica algunha para facelo. Cando todo está motivado por un enorme ruído mediático e infoxicación diaria nos medios de comunicación.

Ademais, vendo os continuos cambios de criterio por parte das nosas autoridades sanitarias, non é moi desatinado pensar que en pouco espazo de tempo volverá autorizar a administración da vacina de AstraZeneca a pedimento das continuas recomendacións oficiais dos organismos reguladores en materia de seguridade vacinal.

Por tanto, case é preferible a administración dunha segunda dose da mesma vacina aínda que sexa fóra do prazo indicado na ficha técnica que os “experimentos” non controlados de mesturar vacinas sen demostrar seguridade/efectividade.


* José Gómez Rial é facultativo especialista de Inmunoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Cláusula de divulgación: o autor recibe fondos do Instituto de Salud Carlos II.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

A investigadora Cristina Candal presenta un traballo pioneiro sobre mala praxe científica

A tese inclúe a descrición das "paper mills", é dicir, organizacións ilegais que fabrican artigos para a súa venda