Un equipo da Universidade Federal do Estado do Rio de Janeiro publicaron recentemente na revista Harmful Algae un traballo no que describen unha nova especie do xénero Alexandrium, un dos tipos de dinoflaxelados máis daniños polo seu papel clave na aparición de mareas vermellas. En ocasións, organismos deste xénero, como o A. minutum, aparecen nas costas galegas, o que obriga a establecer restricións no consumo dalgúns animais mariños. E os investigadores brasileiros decidiu bautizar a nova especie en homenaxe a un científico do Centro Oceanográfico de Vigo, Santiago Fraga, que se xubilou recentemente.
No traballo, os científicos cariocas explican que a nova especie se atopou na baía de Guanabara, no Río de Janeiro. E expoñen que aínda que tiña moitos caracteres semellantes a A. minutum, observaron detalles morfolóxicos e filoxenéticos que sostiñan a existencia dun novo taxón. Os achados suxiren, ademais, a posibilidade de que a identificación de A. minutum en diversas rexións xeográficas podería corresponderse realmente coa A. fragae debido aos trazos diferenciados agora descritos.
Investigadores brasileños de la @ufrj acaban de descubrir una nueva especie de dinoflagelado tóxico. Lo bautizaron como “Alexandrium fragae” en honor a nuestro compañero ya jubilado, Santi Fraga
Más info ↪️https://t.co/rTj1XtLHmx
📷 @sciencedirect @IEOoceanografia pic.twitter.com/e5Lwc1aEBm
— IEO Vigo (@IEOVigo) June 22, 2020
Santiago Fraga foi investigador do Instituto Oceanográfico de Vigo desde 1977 ata a súa xubilación. Licenciouse en Bioloxía pola Universidad Complutense de Madrid e doutorouse na Universidade de Vigo. Desde a súa chegada ao IEO realizou importantes investigacións sobre a floración de algas nocivas na costa galega. Especializouse, sobre todo, nos dinoflaxelados marinos bentónicos e as intoxicacións de ciguatera. O propio Fraga, xunto ao científico do IEO de Vigo Francisco Rodríguez, descubriu nas Illas Canarias unha nova especie de microalga tóxica produtora de ciguatoxinas, causantes da intoxicación de ciguatera.
Referencia: Morphology and molecular phylogeny of a new PST-producing dinoflagellate species: Alexandrium fragae sp. nov. (Gonyaulacales, dinophyceae). Publicado en Harmful Algae.