Emerxe o campamento militar romano de Ciadella

Situado no municipio coruñés de Sobrado, esta unidade militar de infantería e cabalería dependía directamente da Lexio VII Gémina, establecida en León

Despois de dous meses de intervención arqueolóxica, o campamento romano da Ciadella, no concello coruñés de Sobrado, comeza a renacer baixo a vexetación. Desde o pasado 2 de marzo, un equipo de arqueoloxía e conservación-restauración da Universidade de Vigo desenvolve un proxecto que, impulsado pola Xunta de Galicia, pretende afondar no coñecemento deste asentamento militar construído no século II despois de Cristo. “Logo de dous meses de traballo, cun parón de tres semanas pola pandemia da COVID-19, xa se aprecian os importantes avances dos traballos da fase de escavación”, comenta Adolfo Fernández, director do proxecto e membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

O xacemento, lembra Adolfo Fernández, “é moi complexo xa que presenta unha ocupación prolongada desde a construción inicial do campamento militar, probablemente xa a finais do século I despois de Cristo, coa posterior chegada e instalación da Cohors I Celtiberorum, ata o séculos XII-XIII, cunha importante ocupación tardoantiga que se estende por riba do forte militar romano asociado a unha primitiva igrexa alto medieval, que no século XII foi trasladada a poucos metros fóra do xacemento”.

Publicidade

Adolfo Fernández, nos traballos en Ciadella.

Esta unidade militar mixta (de infantería e cabalería) dependía directamente da Lexio VII Gémina, establecida en León, sendo a súa función principal a de garantir as comunicacións entre Lucus Augusti (Lugo), unha das capitais romanas do Noroeste, e o porto de Brigantium (A Coruña), amais de controlar as explotacións mineiras da zona e dar soporte á administración para o cobro de impostos.

As escavacións, explica Adolfo Fernández, concéntranse no edificio 1-2 mentres que no chamado edificio 4 do xacemento a intervención consiste nunha limpeza e nunha reescavación dos niveis xa intervidos nos anos 90 do século pasado para proseguir cunha importante restauración dos restos arqueolóxicos.

Publicidade

Na zona do edificio 1-2, detalla o arqueólogo, “xa se escavou por completo a fronte norte descubrindo os muros norte e oeste dunha grande estrutura do campamento”. Entre este edificio e a muralla do campamento, engade, descubriuse un camiño perimetral, a chamada via sagularis. Xa se avanza tamén neste sector na escavación dunha grande área que completaría a totalidade deste edificio, chegando ata a rúa principal do campamento, a chamada via principalis.

Vista cenital do campamento romano.

Ademais das estruturas campamentais do alto imperio, o equipo da UVigo está detectando “unhas importantes fases de reocupación civil do xacemento datadas a finais do século IV e outra posterior, xa do século VI en diante, que inclúe unha zona de necrópole posiblemente das épocas tardoantiga e altomedieval que non era coñecida en toda a súa extensión”.

A pouco menos dun mes para o final da campaña, o equipo da Universidade de Vigo agarda desentrañar parte da planta real do campamento romano instalado posiblemente xa finais do século I antes de Cristo e outorgarlle unha funcionalidade a todos estes edificios campamentais e de épocas posteriores que se localizan nos chamados edificios 1-2 e 4.

Logo da escavación e rexistro será o momento da fase de posta en valor cunha completa intervención de conservación e restauro co obxectivo de que este complexo xacemento, que pervive desde o século I ata o século XII, sexa comprensible para os futuros visitantes. Todas as actividades de difusión con alumnado, charlas e actividades divulgativas atópanse adiadas ata que o estado de alarma provocado pola COVID-19 permita que se poidan desenvolver. Porén, a información e as novidades do avance do proxecto pódense seguir diariamente nas redes sociais.

A iniciativa abrangue investigación, novas escavacións e tarefas de conservación cunha duración total de dez meses. Polo que respecta ás escavacións que se están desenvolvendo na actualidade, tiñan unha duración de tres meses, desde marzo ata maio, aínda que as novidades e o parón provocado pola Covid-19 van facer necesario prologalas ata mediados de xuño. Nelas participan doce persoas, técnicos e auxiliares de arqueoloxía, contando o proxecto coa participación dos membros do GEAAT e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense Fermín Pérez, Susana Reboreda e Ladislao Castro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a investigación sae do laboratorio: así funciona a transferencia científica en Galicia

A Xunta identifica o potencial dos xestores de transferencia como ponte entre o académico e o mercado con iniciativas de formación especializada

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

Unha nova pintura chega á Coruña: a viaxe dunha táboa flamenga recuperada do tráfico de arte

A peza, do século XVI e atribuída a un pintor anónimo, foi localizada en Italia tras ser exportada ilegalmente dende España

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación