Martes 30 Abril 2024

Malpica dá os primeiros pasos para converterse nun destino de turismo astronómico

O concello bergantiñán pon en marcha un plan de impulso, asentado na baixa contaminación luminosa e as peculiaridades dos cabos de Nariga e Santo Hadrián

Durante estes días, quen se achegue ao cabo de Santo Hadrián, no concello de Malpica de Bergantiños, pode observar un acontecemento pouco habitual: ver o Sol saír e poñerse no sobre o mar. Algo antes das sete da mañá, o astro rei sae polo nordeste, moi preto da liña que marca o cabo Prior no horizonte, e ponse pasadas as 22 horas polo noroeste, a carón dos montes do Roncudo, en Corme. O fenómeno, que se prolonga ata o mes de xullo, foi un dos piares para que o municipio impulsase un plan para converterse en destino xeoturístico astronómico. As bases xa se iniciaron hai varios anos, cun estudo realizado polo catedrático da USC Jorge Mira, e agora toman forma con novas iniciativas apoiadas polo goberno local.

Segundo explican desde o Concello, “Punta Nariga e Santo Hadrián, polas súas características xeográficas, converten a ambos puntos nun lugar privilexiado para a observación de fenómenos astronómicos”. Ademais, outros estudos poñen de relevo que a baixa contaminación luminosa (algúns estudos sosteñen que a Costa da Morte é unha das zonas do litoral con menor impacto de toda a península ibérica), o que podería xogar un papel relevante na promoción da zona. O goberno local explora xa vías de financiamento para preservar a calidade de observación do ceo mediante a redución da polución luminosa. Neste sentido, o Concello estudará a posibilidade de certificar a localidade como Destino Starlight, recoñecemento do que en Galicia dispoñen as Illas Cíes e o municipio ourensán da Veiga, que acolle o macizo de Pena Trevinca.

Publicidade

As conversas sobre o proxecto centraron unha xuntanza celebrada este luns no concello malpicán, na que participaron o alcalde, Walter Pardo; a concelleira de Cultura, Leticia Varela; o concelleiro de Turismo, Alfredo Cañizo; o propio Jorge Mira e o fotoperiodista Basilio Bello. Tanto Mira como Bello levan anos traballando para investigar as peculiaridades da zona de cara ao fomento do turismo astronómico. Os cabos de Nariga e Santo Hadrián “teñen unha serie de condicións para facer deste lugar un enclave único en materia de astroturismo”, expuxeron ambos, que agradeceron a colaboración do Concello para poñer en marcha o proxecto.

Enclaves como Punta Nariga son, desde hai anos, un destino frecuente para a realización de fotografías nocturnas do ceo debido ás boas condicións da zona. Algunhas das imaxes realizadas na zona, como as de Daniel Llamas, foron premiadas en certames internacionais de astrofotografía.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade