Sábado 20 Xullo 2024

Máis de 600 persoas mergúllanse na ciencia mariña do CIM

Os obradoiros, as visitas guiadas e os paseos divulgativos en barco tiñan como obxectivo achegar ao público o traballo que realiza o persoal investigador

Esta fin de semana, no marco das xornadas das portas abertas do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), máis de 600 persoas reuníronse para coñecer de preto os proxectos do organismo. Neste encontro, os asistentes aprenderon a facer fósiles mariños e a recoñecer animais acuáticos mediante un xogo de ADN, entre outras moitas actividades. Organizáronse obradoiros, visitas guiadas e paseos en barco durante toda a fin de semana. Os investigadores do CIM achegaron a investigación mariña á sociedade a través dunha feira esencial para a divulgación, na que se reuniron arredor de 400 persoas.

Todas as actividades tiñan como obxectivo último achegar a ciencia mariña aos máis cativos ou ao público xeral. Organizáronse diferentes obradoiros no centro comercial A Laxe nos que os asistentes puideron realizar diferentes actividades: coñecer de primeira man as propiedades das nanopartículas e como se empregan para detectar contaminantes na auga de mar, sedimentos ou peixes; descubrir como afecta o cambio climático á pesca dun xeito lúdico; saber máis da interacción entre o mar e o clima con experimentos; e participar nun xogo de escape para salvar o bogavante europeo.

Publicidade

O segundo día da xornada, o sábado 18 de novembro, un cento de persoas participaron na actividade “Embárcate co CIM”. Tratábase dunha excursión en barco para coñecer algunhas das particularidades da ría e algúns dos métodos empregados polo persoal investigador para recoller mostras. Ademais, esta viaxe incluía unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do CIM. Alí, os visitantes coñeceron os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos (recreación de ecosistemas naturais) e a sala de bombas (onde se tratan e distribúen os tres tipos de auga de mar e auga doce declorada).

A actividade “Embárcate no CIM” trátase dunha excursión en barco para coñecer as particularidades da ría. Foto: CIM

Por outra banda, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), realizáronse visitas guiadas á instalación permanente e visor subacuático “Nautilus” que o organismo ten xunto ao centro comercial, e no que se puideron ver de preto os ecosistemas mariños do porto de Vigo.

Publicidade

O obxectivo das xornadas

As actividades “Coñece o CIM na rúa” e “Embárcate co CIM” son actuacións cofinanciadas pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para compartir o proceso de xeración de coñecemento na investigación á sociedade.

Este tipo de iniciativas pretenden dar a coñecer a ciencia mariña e o traballo do persoal investigador do CIM, ademais de xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas xornadas. “O éxito que teñen cada ano estas actividades abertas ao público demóstranos que a sociedade está interesada en coñecer o que facemos, en saber o que se fai ao lado da casa”, salienta Daniel Rey, director do CIM. “O noso obxectivo é que a cidadanía coñeza o CIM e o traballo que realiza o seu persoal investigador, unha labor de gran relevancia tanto a nivel nacional como internacional da que moitas veces non se é consciente. Este ano quixemos que as nosas xornadas fosen unha corrente de coñecemento mariño que espertase na cidade de Vigo o interese por descubrir a investigación que se realiza tan preto pero que ten repercusión a gran escala”, engadiu.

Máis de 600 persoas participaron esta fin de semana nas xornadas de portas abertas do CIM. Foto: CIM

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os cambios climáticos do pasado, e non os actuais, explican a diversidade dos mamíferos

Tres investigadoras da UVigo analizan datos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero