A intelixencia artificial acapara cada vez máis espazo mediático: dende as imaxes máis representativas de cada comunidade autónoma ata os riscos catastróficos aos que te expóns se usas Chat GPT. É un proceso que non ten marcha atrás e ao que aínda nos estamos adaptando. Iso é polo que avoga a experta en intelixencia artificial Amparo Alonso, catedrática da Universidade da Coruña. Os cambios tecnolóxicos son desenfreados pero non debemos terlles medo: cando apareceron os coches tamén parecían un “aparello diabólico” e no mundo de hoxe xa son imprescindibles.
Falamos con Alonso da presenza incuestionable da intelixencia artificial nas nosas vidas, pero tamén da importancia dunha Galicia que se converterá en referente cando a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) sexa unha realidade na Coruña. Alonso recoñece que abordar algunhas cuestións pendentes, como a ética, non é tan doado como nos pode parecer, pero insufla calma coas súas palabras e fainos entender que esta renovada relación entre máquinas e humanos require dun longo proceso de adaptación mutua.
—A intelixencia artificial está en todas partes. Realmente hai algunha área na que aínda non estea implantada?
—Realmente non se me ocorre ningunha [risas]. É unha área interdisciplinaria. Hoxe está presente en practicamente todos os eidos nos que poidamos pensar, tanto os que teñen que ver coa ciencia social como coas humanidades, enxeñaría, matemáticas…
—E imaxino que aqueles eidos aos que non chegou, chegará máis pronto ca tarde.
—Iso parece. A intelixencia artificial pode automatizar moitas tarefas que os humanos facemos de maneira repetitiva, polo que nos pode axudar a ser máis eficientes. Sobre todo, no relacionado coa xestión de datos ou o axuste de parámetros. As máquinas fano mellor porque acadan unha precisión que non ten o cerebro humano. Por exemplo, os robots Da Vinci usan intelixencia artificial. É evidente que os cirurxiáns son totalmente imprescindibles pero estas máquinas permítennos facer operacións moito menos invasivas, máis precisas e con recuperacións máis rápidas. Por moi bo que sexa o cirurxián, a precisión que pode ter esa maquina non a pode acadar unha persoa.
As máquinas acadan unha precisión que non ten o cerebro humano
—En resumidas contas: o segredo está na unión entre humanos e máquinas.
—Si, exactamente. Agora dise que a intelixencia artificial apodera os humanos.
—Cre que estamos o suficientemente ben informados sobre intelixencia artificial? Cada vez ten maior espazo mediático.
—O escenario é diverso. É certo que hai moita información sobre intelixencia artificial; algunha veraz e outra que, aínda que o sexa, explota a parte máis catastrófica. Fai falla un proceso de educación, tanto na tecnoloxía como na ciencia en xeral, que vai levar un tempo. É dicir, trasladar a cultura científica e a tecnolóxica de forma máis natural para que os cidadáns entendamos que é o que se pode facer con intelixencia artificial e que non. Así mesmo, ter un espírito crítico suficiente para este mundo do futuro no que imos ter as ferramentas á nosa disposición que nos van axudar, pero que tamén van supoñer retos.
—Nas últimas semanas falouse moito dunha influencer creada con intelixencia artificial que é hiperrealista e á que as marcas pagan menos cartos que ás influencers de carne e óso. Este tipo de noticias alimentan o medo a estes sistemas tecnolóxicos?
—Si, pero o que ocorre é que os deep fakes, as falsificacións, non son un invento da intelixencia artificial porque existen dende sempre. Iso si, coa intelixencia artificial son moito máis difíciles de distinguir da realidade. Por iso as imaxes, os vídeos e os textos deben levar, por exemplo, unha marca de auga que indique que foron creados por intelixencia artificial e, polo tanto, non son o produto dunha persoa. Lémbrome do vídeo do presidente Obama dicíndolle cousas ao presidente Trump que nunca dixo; ou o Papa vestido cun anorak que non levou nunca; ou a fotografía que gañou un premio pero que foi creada por intelixencia artificial. Todo isto forma parte do avanzar da sociedade. Empezamos escribindo a man, logo a máquina, despois cos ordenadores… Avanzar vén cunha serie de vantaxes pero tamén de retos que temos que afrontar.
Os deep fakes non son un invento da intelixencia artificial; existen dende sempre
—Hai que darlle tempo a que nos acostumemos á intelixencia artificial e, tamén, que a intelixencia artificial se adapte a nós. Imaxino que ten moito que ver como se regule esta relación.
—Claro, porque somos unha sociedade en evolución. A revolución industrial xa é unha anciá pero a revolución tecnolóxica aínda é unha adolescente. Entre todos temos que ver como se conforma a personalidade desta nova revolución para que sexa boa ou, polo menos, a mellor posible para as persoas. E que nós tamén nos vaiamos adaptando socialmente e ela.
Todo isto evoluciona como o fixeron outras tecnoloxías. Por exemplo, os correos electrónicos, estar dispoñible as 24 horas… Iranse desenvolvendo unha serie de normas que teremos que ir implementando. De feito, hai unha proposta de regulación europea que se está discutindo no Parlamento e que se publicará a finais de ano ou comezos do que vén. España ten un papel bastante destacado porque se ofreceu como campo de probas para a regulación da intelixencia artificial. Estase elaborando tamén unha guía de boas prácticas para que as empresas poidan entender e saber que é o que necesitan para desenvolver e usar a intelixencia artificial. A AESIA será a única de España e, polo momento, de Europa. Tamén hai regulacións que acaban de publicarse en Estados Unidos e China.
—Cales son os trazos diferenciadores entre a normativa europea e as doutras potencias?
—En Europa fomos os primeiros en propoñer unha regulación de intelixencia artificial que puxera as persoas no centro, pero imos un pouco despacio. Empezamos a falar disto en 2018 e a proposta de lei aínda se está discutindo no Parlamento, á espera de que se aprobe proximamente. Hai unhas semanas, os líderes mundiais reuníronse no Reino Unido nun sitio bastante simbólico: o lugar no que traballou Alan Turing, que usou a intelixencia artificial para descifrar os códigos dos alemáns durante a Segunda Guerra Muncial. A reunión tiña como obxectivo que se impulsase unha regulación a nivel mundial sobre intelixencia artificial. Aí están as declaracións, que son todas moi boas, pero o importante é dar pasos sólidos e aínda estamos á espera.
Ao principio tamén se pensaba que os coches eran un aparello diabólico
—Os avances imparables en intelixencia artificial poden provocar que a lexislación quede avellente demasiado pronto?
—A regulación europea clasifícase por niveis de risco, polo que hai aplicacións que estarían directamente prohibidas. Hainas de baixo risco, como poden ser os chatbots, e as de alto risco, que requiren de restricións máis estritas. Queda un pouco atrás no tema da intelixencia artificial xenerativa, como Chat GPT e Midjourney, que xeran contidos. De todos modos, isto vainos pasar sempre porque a tecnoloxía vai por diante da lexislación. Haberá que buscar a forma de que esta regulación sexa unha proposta que tamén evolucione coa tecnoloxía. Inténtase que sexa o máis xenéricao posible pero é imposible prever que vai pasar coa intelixencia artificial. Ao principio, tamén se pensaba que os automóbiles eran un aparallo diabólico, ata que comezou a haber unha regulación que foi cambiando e evolucionando coas propias aplicacións dos coches. Antes non existían os cintos de seguridade, as prazas limitadas nin os coxíns de seguridade. Todo vai evolucionando, tamén as aplicacións e a regulación da propia tecnoloxía.
—Na aplicación desta regulación europea de intelixencia artificial, a AESIA terá un papel fundamental. En que punto se atopa o proxecto?
—En agosto saíu publicada a constitución da axencia da Coruña, os seus estatutos, a composición do consello reitor, as características da dirección, quen vai ostentar a presidencia… Está en marcha pero a situación política é a que é e pillounos no medio dunhas eleccións e isto, obviamente, afecta. A idea é aprobar a regulación e que sexa a AESIA a que a poña en marcha.
—Que supón para A Coruña, e para Galicia, que a sede da AESIA estea aquí?
—É un fito importante para Galicia porque nos coloca no mapa da intelixencia artificial en España, pero tamén en Europa. Tamén depende de nós o ter éxito, facer un bo traballo coa aplicación de selos de calidade e con todas as actividades que se van desenvolver. Máis alá do cumprimento da normativa, enfocarémonos no sector público, na divulgación e asesoramento para que a intelixencia artificial sexa máis eficiente e sostible.
A AESIA coloca a Galicia no mapa da intelixencia artificial
—Que nos queda por facer para que a intelixencia artificial sexa máis ética?
—Non é un problema tan fácil de resolver. A tecnoloxía está en evolución e necesitamos que isto penetre a estrutura empresarial e os investigadores, tanto na empresa, como na academia, como á cidadanía. Hai moitas cuestións relativas ao deseño apropiado, á privacidade, ao trato de datos privados como, por exemplo, cando se cruzan as aplicacións. Tamén, a responsabilidade de uso, a sostibilidade… Cumprir con todos os criterios éticos non é tan doado porque, en realidade, os datos están nesgados per se e hai que ter moito coidado á hora de identificar que nesgos pode haber neles.
A clave está en ser moi transparentes e en non desenvolver algoritmos moi complexos para abrirlle unha porta á falta de seguridade. Por exemplo, os asistentes virtuais teñen voces propias de mulleres novas, brancas e atractivas. Están moi nesgados pero é probable que isto pasara inadvertido para as persoas que os crearon. É dicir, ás veces é complicado facer desenvolvementos éticos que teñan en conta todas as variables. Por iso é tan importante estar supervisando continuamente as aplicacións de intelixencia artificial e renovalas cada certo tempo.
—Como ve o futuro da intelixencia artificial?
—É moi complicado. Na intelixencia artificial temos disrupcións cada vez máis preto no tempo unhas das outras. Primeiro foron os sistemas capaces de desenvolver estratexias complexas, despois as aplicacións en xenética, xenómica e proteínas… Supoño que o futuro pasa por crear interfaces cada vez máis sinxelas para as persoas, con mellores interaccións en contornas dinámicas, dado que a intelixencia artificial só funciona ben en contornas restrinxidas, pero non nas imprevisibles. Temos que integrar mellor o razoamento, a aprendizaxe e, en resumidas contas, a intelixencia humana.