O virus sincitial e o da gripe pódense combinar e crear un híbrido que evada o sistema inmunitario

Un equipo de investigadores da Universidade de Glasgow acaba de identificar un novo tipo de virus capaz de evadir o sistema inmunitario. Nunca, ata agora, se describira algo semellante. Segundo explican nun estudo publicado na revista Nature Microbiology, o patóxeno é o resultado da fusión doutros dous virus respiratorios comúns: o sincitial (VRS) e o da gripe. Os resultados, obtidos en laboratorio, demostran a capacidade de cooperación destes dous patóxenos para crear un virus completamente novo capaz de infectar células pulmonares. A investigación podería ser clave para entender por que hai pacientes infectados cos dous virus —o que se denomina coinfección— que desenvolven maior gravidade ca outros.

A este respecto, a inmunóloga África González cre que é preciso manter a cautela. Os resultados son preliminares e tan só foron validados in vitro. Habería que ver, por tanto, se as conclusións ás que chegaron os investigadores da Universidade de Glasgow poden ser replicadas en humanos. Ademais disto, a tamén catedrática da Universidade de Vigo apunta que a formación de virus híbridos como o descrito non son habituais, posto que se trata de dous patóxenos moi distintos: por lado o RSV e, por outro a influenza A. Virus que, incluso, non predominan na mesma época: mentres a gripe chega nos meses máis fríos, o sincitial é propio dos meses do outono. De todas formas, a creación de “novos patóxenos” si é máis frecuente entre variantes dun mesmo virus, como aconteceu co SARS-CoV-2.

Publicidade

Resultados in vitro

Para obter estes resultados, o equipo da Universidade de Glasgow empregou mostras de células pulmonares ás que infectaron con influenza A e VRS. Foi aí, en laboratorio, cando descubriron que os dous patóxenos non competían entre si, senón que se fusionaban creando un novo virus con forma de palmeira: o sincitial constituía o tronco e a gripe, as follas, segundo unha información publicada en The Guardian. No propio estudo, os investigadores insisten en que é a primeira vez que se identifica un virus con estas características. “Estamos a falar de virus de dúas familias completamente diferentes que se combinan cos xenomas e as proteínas externas de ambos. É un novo tipo de virus patóxeno“, declara un dos investigadores ao diario británico.

Tamén descubriron que a gripe usaba as partículas virais híbridas como un cabalo de Troia. É dicir, que era capaz de entrar en células veciñas, que xa tiñan anticorpos contra a influenza A, usando o mecanismo de entrada do VRS. Isto permitiulle, por tanto, evadir a resposta inmunitaria natural e desbloquear o acceso a outras células. Por tanto, a investigación pon de manifesto o potencial que ten a coinfección con estes dous virus para a creación dun patóxeno completamente novo. De todas formas, os autores advirten que non sabe, de momento, se este mesmo proceso pode darse en humanos. É dicir, cal é a probabilidade de que unha célula se coinfecte e cree un virus híbrido.

Publicidade

Máis investigación

“Foi un descubrimento inesperado pero emocionante, porque desafía o que sabemos sobre como se forman as partículas virais dentro das células”, apunta o investigador Pablo Murcia, participante no estudo. “Os noso próximos pasos son averiguar se se forman partículas híbridas en pacientes con coinfeccións e identificar que combinacións de virus poden xerar partículas híbridas, aínda que a nosa suposición é que só uns poucos patóxenos respiratorios formarán virus híbridos”, continúa explicando o investigador. Polo tanto, os resultados afondan nunha relación entre virus respiratorios antes descoñecida que pode axudar a explicar por que algúns pacientes coinfectados con máis dun virus sofren consecuencias máis graves.

“Os virus respiratorios existen como parte dunha comunidade de moitos virus que se dirixen á mesma rexión do corpo, como un nicho ecolóxico. Necesitamos comprender como ocorren estas infeccións dentro do contexto de cada unha delas para obter unha imaxe máis completa da bioloxía de cada virus individual. Os estudos de coinfección poden axudarnos a prepararnos para futuras pandemias ao comprender como a introdución dun virus pode influír e interactuar con outros patóxenos en circulación”, conclúe Joanne Haney, primeira autora do artigo.


Referencia: Coinfection by influenza A virus and respiratory syncytial virus produces hybrid virus particles (Publicado en Nature Microbiology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como se detecta o hantavirus: así funcionan as probas de laboratorio mediante PCR

As autoridades estadounidenses notifican un “positivo leve” nun dos repatriados, aínda que Sanidade sostén que non presenta sintomatoloxía concluínte

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos

África González: “Xa se notan os efectos dos antivacinas: o sarampelo volveu con forza”

A catedrática de Inmunoloxía da UVigo foi a primeira convidada de 'Ciencia en feminino', o ciclo de charlas de GCiencia e da Deputación de Pontevedra polo 8M
00:39:58

Ciencia en feminino. Entrevista con África González

A inmunóloga recibiu o Premio Wonenburger en 2025, o máximo recoñecemento en Galicia para as mulleres científicas