Xoves 25 Abril 2024

Nas entrañas da nova vacina: así se ultima no Porriño a derradeira barreira contra a covid

Dous anos despois do inicio da pandemia, o antídoto de Novavax xa está a ser distribuído para reforzar a protección dos máis vulnerables

Poucas semanas despois de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarase a situación de pandemia internacional pola chegada da covid-19, a farmacéutica estadounidense poñíase en contacto co grupo Zendal para ser un dos fabricantes do antíxeno da súa vacina, Nuvaxovid. Trátase dunha vacina de “nova xeración” xa que é a primeira anticovid baseada en proteínas.

Tras recibir as autorizacións necesarias das autoridades sanitarias, as máquinas de Biofabri, a filial do grupo para a produción de vacinas humanas, poñíanse en marcha en xaneiro do 2021. A finais de ano, o pasado mes de decembro, a Comisión Europea aprobaba o uso de Nuvaxovid converténdoa na quinta vacina autorizada para loitar contra a enfermidade provocada polo coronavirus SARS-CoV-2.

Publicidade

As máquinas de Biofabri poñíanse en marcha en xaneiro de 2021

Na planta de fabricación de Biofabri, nunha sala de tanques de enormes dimensións, totalmente estéril e automatizada, os técnicos reproducen milimetricamente o proceso indicado polo laboratorio norteamericano para producir o principio activo da vacina a partir dunha “semente nai”. O antíxeno é conservado e entregado a Novavax a -80 graos centígrados.

O pase de diapositivas require JavaScript.

“Veñen as células conxeladas e os virus conxelados, os dous microorganismos do antíxeno. Nós o que facemos aquí é amplificar primeiro as células ata obter un gran volume e logo facemos o mesmo cos virus para que infecten esas células e conseguir o antíxeno”, explica José Ignacio Bugarín, responsable de fabricación de Biofrabri.

As primeiras doses de Nuvaxovid xa empezaron a ser distribuídas e as autoridades sanitarias propoñen a súa administración a aquelas persoas que non están vacinadas ou que non teñen a pauta completa por alerxia a algún dos compoñentes das outras vacinas autorizadas ou por contraindicación médica. Cunha eficacia do 90%, a vacina de Novavax será administrada en dúas doses, cun intervalo de tres semanas, aos maiores de 18 anos.

Ten unha eficacia do 90% e será administrada en dúas doses aos maiores de 18 anos

No centro pontevedrés do grupo Zendal, xa teñen lista outra planta de produción para asumir outras fases da fabricación das vacinas anticovid como é a do envasado ata en tres formatos diferentes de viais. Á espera das últimas validacións e autorizacións para o funcionamento deste novo departamento de Biofabri, a empresa xa conta co encargo dun cliente.

Comezaremos moi pronto a envasar, ata 12.000 viais por hora. O obxectivo é producir o maior número de lotes no menor tempo posible”, asegura Miguel Ángel Rodríguez, un dos responsables da planta situada no concello pontevedrés quen engade: “o traballo con vacinas humanas esixe persoal altamente cualificado e moito esforzo pero é unha oportunidade para todos poder estar na vangarda. Todo vai moi rápido, a grande velocidade, tes que subirte ao tren e adaptarte”.

1 comentario

  1. Pareceme moi ben o artículo sobre e Zendal e a vacina de Novavax e como galego penso que debemos sentirnos orgullosos de que unha empresa galega fabrique dita vacina para toda Europa. Mais hoxe mesmo (29 de Marzo de 2022) puiden comprobar no lugar de vacinación contra o COVID-19 do Hospital Clínico de Santiago que, ao menos polo momento, non teñen nin idea de cando van iniciar a vacinación con esa vacina e non semella que vaia ser pronto e ne sequera que vaia ser. Isto é unha auténtica decepción para moitos que, por distintas razóns, a estaban esperando coma min. Hai unhas semanas confirmouse a chegada ao Estado Español de 800.000 doses e a semana pasado eu puiden confirmar que se repartiron as doses ás Comunidades Autonómas e, en concreto, con total seguridade, a Andalucía. Solicito a GCiencia que, por favor, indague cal é a situación ao respecto en Galicia e faga constar que moitos galegos (ao igual que outros moitos europeos o que se pode comprobar en diferentes noticias accesibles en Internet) estabamos a espera da sua chegada para vacinarnos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade