A mortalidade da peste negra non foi tan homoxénea como reflectiron ata o de agora os libros de historia. Unha nova investigación, publicada na revista Nature Ecology and Evolution, extrae esta conclusión da análise de pole e esporas fosilizadas recollidas en toda Europa. “Descubrimos que a considerada peor pandemia da historia tivo un impacto devastador nalgunhas rexións, como Escandinavia ou Francia, mentres que noutras, como en Irlanda ou a Península Ibérica, o impacto foi moito máis discreto”, expón Reyes Luelmo, investigadora no grupo de arqueoloxía ambiental do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
A análise de pole permite unha reconstrución moi fidedigna da historia da vexetación e do desenvolvemento das actividades económicas relacionadas coa agricultura e a gandería. O pole permite reconstruír o sinal que indica como interaccionan os humanos coa contorna. Segundo a actividade humana desenvolvida nunha zona, cambia a cantidade dalgunhas especies e a presenza ou ausencia doutras, e, por tanto, do pole que desprenden e que queda almacenado no chan.
A reconstrución a través do pole
“Grazas a estas reconstrucións podemos saber como era a relación dos nosos antepasados coa paisaxe que habitaban, se se dedicaban á agricultura e á gandería ou se estas dinámicas cambiaban por algunha razón”, explica Luelmo. A peste negra foi unha enfermidade que tivo un gran impacto na poboación, así que implicou cambios na forma na que as comunidades podían relacionarse co medio.
“Supostamente, unha epidemia con tal caída demográfica tería provocado por entón que os bosques se recuperasen ante un menor impacto humano sobre eles e, en paralelo, que tanto a agricultura como a gandería sufrisen unha notable deceleración ou mesmo cesamento absoluto”, sinala José Antonio López, investigador do Instituto de Historia do CSIC. Deste xeito, o retroceso das actividades agropecuarias tería provocado un avance dos bosques, que desprenderían maior cantidade de pole. Este depositouse no chan e quedou fosilizado.
A paleoecoloxía, e en concreto o estudo do pole fósil, é unha ferramenta moi versátil que pode achegar información fiable, e que, segundo palabras de Reyes Luelmo, “chega alí onde ás veces os documentos históricos non alcanzan”. A investigadora destaca esta disciplina da arqueoloxía que se desenvolve no CSIC. “Un estudo palinolóxico como o que desenvolvemos aquí vale para a Idade Media e para calquera período histórico”, conclúe a investigadora.
Historias locais para pandemias mundiais
A peste negra arrasou Europa, Asia occidental e o norte de África entre 1347 e 1352. Os historiadores estimaron que ata o 50% da poboación europea morreu debido a ela. Este despoboamento masivo provocou cambios nas estruturas relixiosas e políticas e influenciou cambios culturais e económicos transcendentais, como foi a chegada do Renacemento.
“O problema é que estas conclusións baseábanse en datos cuantitativos, que normalmente só reflicten a realidade das grandes urbes, onde as condicións sanitarias e sociais axudaban á expansión das enfermidades”, sinala Reyes Luelmo. Con todo, este novo estudo achega a información desde as zonas rurais, onde residía o 75% da poboación en época medieval.
O estudo, liderado polo Instituto Max Planck, confirmou as altas taxas de mortalidade en Escandinavia, Francia, o suroeste de Alemaña, Grecia e o centro de Italia, grazas á constatación dunha forte diminución de actividade agrícola nestas zonas e a reforestación dos campos abandonados. Mentres, moitas rexións de Europa central e oriental e partes de Europa occidental, incluídas Irlanda e a península ibérica, mostran evidencia de continuidade ou crecemento agrícola ininterrompido.
O traballo foi posible grazas á participación de investigadores de dezanove países, que recompilaron toda a información paleoambiental dispoñible en Europa
Estas novas conclusións foron posibles grazas á participación de investigadores de dezanove países, que recompilaron toda a información paleoambiental dispoñible en Europa, e mostraron a necesidade de reconstrución histórica a partir de fontes locais. “Non existe un modelo único de pandemia que se poida aplicar a calquera lugar en calquera momento sen importar o contexto”, di Adam Izdebski, do Instituto Max Planck. “As pandemias son fenómenos complexos que teñen historias rexionais e locais. Vimos isto ca covid-19, agora demostrámolo para a peste negra”.
As diferenzas na mortalidade demostran que era unha enfermidade dinámica, con factores culturais, ecolóxicos, económicos e climáticos que mediaban na súa expansión e impacto. No futuro, os investigadores esperan que máis estudos utilicen datos paleoecolóxicos para comprender como interactúan estas variables para dar forma a pandemias pasadas e presentes.
Referencia: Palaeoecological data indicates land-use changes across Europe linked to spatial heterogeneity in mortality during the Black Death pandemic (Publicado en Nature Ecology and Evolution).














