Un programa fomenta que nenos a tratamento oncolóxico se exerciten con realidade virtual

A UVigo, o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e o Hospital Álvaro Cunqueiro lanzan unha iniciativa pioneira para que os menores con cancro gocen na súa casa dunha terapia baseada no movemento

Contribuír ao benestar físico e psicolóxico das e dos menores que se enfrontan a un tratamento oncolóxico. Ese é o obxectivo da liña de traballo que desenvolven investigadores do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, e do grupo de Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS), xunto o Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo. A través de programas de exercicio terapéutico de oito semanas, baseados no emprego de videoxogos que implican movemento cuns lentes de realidade virtual, o propósito desta iniciativa é que as e os menores poidan realizar terapias baseadas no movemento, en momentos “nos que non poden saír do domicilio”, tal e como explica Pablo Campo, investigador do grupo HealthyFit, pertencente tamén ao IIS Galicia Sur. 

“Os videoxogos son algo próximo para eles e dannos a opción de que traballen un pouco desde o punto de vista físico e cognitivo”, sinala Campo, que este venres impartía un curso de adestramento a persoal dos servizos de Pediatría e Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, no cal expuxo aspectos técnicos e de manexo destas tecnoloxías para a súa correcta aplicación e obtención de resultados.

Publicidade

Paliar os efectos secundarios da quimioterapia

“Os tratamentos de quimioterapia aos que teñen que enfrontarse as e os menores xeran unha serie de efectos adversos, como perda de masa muscular ou edemas, que o exercicio axuda a minimizar”, engade a doutora María Tallón, oncóloga pediátrica do Álvaro Cunqueiro, promotora desta experiencia e investigadora do grupo Enfermidades Raras e Medicina Pediátrica, que coordina a responsable do servizo de pediatría, Ana Concheiro.

“Contribuír á mobilidade de pacientes menores que están sendo sometidos a longas terapias que inflúen no seu manexo cotiá é esencial, xa que axudan, non só a mellorar o que corresponde a manter un físico saudable, senón a unha mellor actitude psicolóxica, que favorece o seu proceso de recuperación”, engadiu nese senso Tallón, que incide en que a elección deste tipo de tecnoloxías é atractiva e de fácil emprego polas nenas e nenos, o que supón un método moi axeitado para acadar estes obxectivos. 

Publicidade

Membros do proxecto. Foto: DUVI

Unha experiencia piloto á que se dá continuidade

A iniciativa comezou cunha proba piloto cun mozo, quen levou a cabo un programa de oito semanas cuns resultados “moi positivos”, tal e como recoñece Campo, investigador da Facultade de Fisioterapia. Coa colaboración da asociación Bicos de Papel, a Fundación García Chillón e a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), puido darse continuidade a esta iniciativa, na que participaron xa unha decena de nenos, nenas a adolescentes, de entre 6 e 16 anos.

Este grupo leva a cabo este programa nos seus domicilios despois de someterse á quimioterapia, durante o propio tratamento ou, “nalgúns casos, antes de inicialo”, explica Campo, coa idea de que poidan afrontalo “nas mellores condicións físicas e funcionais”.

Trátase, lembra, dun programa “cunhas pautas moi específicas”, que implican a realización de sesións cos videoxogos seleccionados, de entre cinco e nove minutos, “un mínimo de tres días por semana e un máximo de seis”, coa idea de que poidan levalos a cabo no momento no que o neno se atope mellor e con máis enerxía. Para iso, sinala, contan coa colaboración de pais e nais, cos que se realiza unha sesión informativa previa, como cun seguimento remoto dos equipos.

Unha liña de investigación por desenvolver

Ao inicio e remate do programa realízase ademais unha avaliación dirixida a coñecer a evolución dunha serie de variables antropométricas e de capacidades físicas e funcionais. Ata o de agora, “todos melloran a súa forza, equilibrio e resistencia cardiorrespiratoria, aspectos ligados á coordinación e tempos de resposta…”, recoñece Campo.

Nese senso, dar continuidade ao programa permitirá tamén seguir reunindo datos para levar a cabo unha investigación pioneira xa que, apunta, “ata onde chega o noso coñecemento non hai un programa parecido en ningún hospital español”. De xeito paralelo tamén se realiza unha avaliación “de valores específicos de saúde mental e doutros aspectos relevantes”, por parte da oncóloga pediátrica María Tallón, que formará parte da súa tese de doutoramento.

Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla