“A provincia de Ourense constitúe un dos territorios con maior concentración de persoas centenarias en Galicia, tanto en termos absolutos coma en taxas axustadas pola poboación histórica”. Con esta declaración arranca o estudo Poboación centenaria ourensá: unha proposta de zona de extrema lonxevidade no sur de Galicia, que confirma o que xa apuntaban múltiples investigacións previas: o territorio ourensá presenta características que resultan nun elevado número de persoas que acadan —e mesmo superan— o século de vida.
Este proxecto analizou, mediante métodos cuantitativos e cualitativos, a lonxevidade extrema do sur de Galicia para limitar a zona na que esta é máis prevalente (que os autores denominan ZEL-sur) e, así, poder estudar as características que definen a extensa supervivencia da súa poboación. O artigo está asinado polos investigadores Manuel Isorna, José María Failde, María Dapía e Fátima Braña, os catro asociados á Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo.
As pesquisas da investigación amosan que no periodo estudado (entre 2004 e 2023) rexistráronse en Galicia 9.557 persoas centenarias, das que 1.950 naceran na provincia de Ourense. Esta, xunto á da Coruña, presentan as taxas brutas e os índices de lonxevidade extrema máis elevados da comunidade.
Na procura das Zonas de Extrema Lonxevidade
A investigación tivo dúas vertentes: determinar as áreas nas que se concentra a lonxevidade dentro da ZEL-sur e estudar as características que comparten as persoas centenarias co gallo de achar das razóns polas que chegan a esa idade. O resultado das procuras concretouse nun mapa no que se sitúan 28 concellos que destacan pola súa concentración —que o artigo científico califica de “extraordinaria”— de poboación ultralonxeva. Entraron nesta lista aqueles municipios que superaban os 734 veciños centenarios por cada 100.000 nados, coas comarcas de Terra de Caldelas, A Limia, O Carballiño e Allariz-Maceda encabezando o conxunto.
O grupo de investigación xa apuntaba nesta dirección coa publicación, en 2025, do estudo É Galicia unha posible zona azul? As ‘zonas azuis’ son rexións nas que as persoas teñen vidas longas e saudables e hai unha alta concentración de habitantes por enriba dos 100 anos. O estudo valorou a pertinencia de sinalar a comunidade galega como unha destas áreas destacadas. Os autores concluíron que esta posibilidade resulta viable, pois Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior taxa de centenarios no país. O centro deste fenómeno atópase nas zonas rurais que conflúen entre Pontevedra, Lugo e Ourense, onde é maior a cantidade de mulleres centenarias, que triplican o número de homes que acadan dita idade. A recente publicación do grupo da Universidade de Vigo confirma a área na que se concentra esta realidade demográfica.

As taxas de lonxevidade en Galicia
Galicia acumulando un total de 9.557 persoas centenarias rexistradas entre os anos 2003 e 2024. Este fenómeno demográfico tradúcese nunha taxa media para o conxunto da comunidade que acada os 474,58 centenarios por cada 100.000 habitantes, aínda que o reparto sobre o mapa galego debuxa contrastes entre as súas provincias.
Ao poñer o foco nas taxas relativas ao longo destas dúas décadas, A Coruña lidera a estatística cunha taxa de 492,75 centenarios por cada 100.000 habitantes. Moi de preto séguelle Ourense, que rexistra 487,49, mentres que Lugo se sitúa nun terceiro chanzo con 466,33. Pecha a táboa Pontevedra, cunha taxa de 446,50.
Ao analizar o volume absoluto de poboación que superou o século de vida no período 2003-2024, as posicións varían: rexistráronse 3.289 na Coruña, 2.165 en Pontevedra, 2.153 en Lugo e 1.950 en Ourense.
A análise territorial permitiu situar as comarcas da Terra de Caldelas, A Limia, O Carballiño e Allariz-Maceda como os grandes polos onde se concentra este fenómeno, acadando nestas áreas taxas medias que superan os 1.000 centenarios por cada 100.000 habitantes. Os concellos galegos nos que se acadan valores de catro cifras son os que seguen:
- Avión: 1180
- Beariz: 1669
- Amoeiro: 1118
- Carballeda de Avia: 1015
- Cortegada: 1088
- Esgos: 1307
- Gomesende: 1170
- Parada de Sil: 1142
- Piñor: 1070
- Quintela de Leirado: 1037
- Sandiás: 1166
- Sarreaus: 1118
- Taboadela: 1200
- Vilamarín: 1134
- Vilar de Santos: 1119
- Xunqueira de Espadanedo: 1397
O perfil das persoas ultralonxevas
Os investigadores da UVigo poñen o foco na lonxevidade excepcional, aquela que califican no artigo como a “capacidade dalgunhas persoas e comunidades para alcanzar ou superar os 100 anos conservando, en maior ou menor medida, a saúde, a autonomía e a funcionalidade”. Realizaron un estudo cualitativo con 30 persoas centenarias residentes na ZEL-sur para contextualizar os datos estatísticos. “As entrevistas en profundidade revelan padróns consistentes: alimentación tradicional baseada en produtos de autoprodución, actividade física continuada ao longo da vida, baixo consumo de medicación, resiliencia emocional, espiritualidade arraigada e redes familiares e comunitarias sólidas”, revela o documento.
As catro comarcas sinaladas como puntos centrais da lonxevidade extrema galega tamén presentan pola súa banda, unha serie de patróns compartidos, como así refliecte a investigación: “Destacan por presentar taxas medias moi elevadas, nun contexto de altitude media-alta (entre 400 e 850 metros), clima oceánico semicontinental de invernos fríos e veráns cálidos, baixa densidade poboacional e forte presenza de estilos de vida rurais e continuidade residencial“.
Un fenómeno multicausal
“A lonxevidade extrema é un fenómeno multicausal”, adiantara José María Failde, un dos autores da análise, nunha entrevista con GCiencia. O investigador explicara na conversa algunhas das realidades que conflúen nesta realidade demográfica: “Ten un compoñente xenético, pero tamén xogan un papel moi importante os hábitos e a alimentación. Sobre todo, ten moito impacto o estrés; a lonxevidade relaciónase con niveis baixos do mesmo”. No relativo á dieta, a opción atlántica máis tradicional —”con alto consumo de peixe e marisco, verduras, legumes, cereais integrais e aceite de oliva”, especifica o artigo científico— presenta características similares aos modelos mediterráneos asociados cun menor risco cardiovascular.
Os centenarios destas rexións presentan, ademais, perfís epixenéticos máis novos dos agardados para a súa idade; é dicir, as características dos seus xenes amosan a actividade de persoas con menos anos.
Ademais dos compoñentes condutuais, a xeografía do terreo tamén xoga unha parte nesta ecuación. A zona ZEL-G Sur esténdese por unha contorna de media montaña e, como explica o investigador, nestas altitudes comprendidas entre os 400 e os 900 metros sobre o nivel do mar actúa unha hipoxia moderada que se relaciona coa maior lonxevidade. Pola contra, debaixo dos 200 metros de altitude hai unha maior prevalencia da síndrome metabólica.
Referencia: Poboación centenaria ourensá: unha proposta de zona de extrema lonxevidade no sur de Galicia, publicado na recompilación Proxectos INOU 2025: Investigación aplicada na provincia de Ourense













