Un relaxante muscular podería favorecer a recuperación de dano medular

Un equipo da USC e da UMinho aplicaron un tratamento de baclofeno e recuperaron a mobilidade en ratos que sufriran unha lesión na medula

Persoal investigador da Universidade de Santiago (USC) e da Universidade do Minho logrou recuperar a locomoción en ratos que sufriran unha lesión medular por compresión a nivel torácico. Fixérono a través dun tratamento agudo cun relaxante muscular chamado baclofeno, iniciado poucas horas despois de producirse a lesión. Máis do 60% dos ratos tratados con este relaxante muscular recuperaron a capacidade de soportar o seu propio peso, coas patas traseiras, nove semanas despois de perder a mobilidade. Ademais, os animais tratados mostraron unha mellor recuperación do control da vexiga. A nivel celular, os efectos beneficiosos do baclofeno parecen estar relacionados cunha modulación da resposta do sistema inmune, tal e como apuntan dende o equipo que desenvolveu o estudo.

“Un tratamento agudo con baclofeno podería favorecer o proceso de recuperación a longo prazo en pacientes con dano medular”

ANTÓN BARREIRO, profesor na Facultade de Bioloxía da USC

A falta de máis estudos preclínicos e clínicos para establecer o uso deste fármaco como terapia, “os resultados en ratos suxiren que un tratamento agudo con baclofeno podería favorecer o proceso de recuperación a longo prazo en pacientes con dano medular”, explica o investigador da USC Antón Barreiro. Este profesor da Facultade de Bioloxía, do departamento de Bioloxía Funcional, firma o artigo Acute baclofen administration promotes functional recovery after spinal cord injury, froito dunha colaboración internacional co grupo de investigación de António Salgado na UMinho. Este estudo súmase a outro que analiza os cambios de expresión de xenes medulares logo do tratamento. A investigación foi financiada pola fundación Wings for Life – Spinal Cord Research Foundation.

Publicidade

Estudos previos

As lesións medulares traumáticas provocan unha perda irreversible de función motora e sensorial. A perda de locomoción é a súa consecuencia máis visible pero, derivados da lesión medular, aparecen outros problemas como a espasticidade —trastorno motor do sistema nervioso no que algúns músculos se manteñen permanentemente contraídos—, así como a disfunción sexual ou de control da micción, que afectan gravemente á calidade de vida dos pacientes.

En clínica o control da espasticidade en lesionados medulares realízase principalmente mediante o uso de fármacos como o baclofeno. Pero, ademais dos seus efectos sobre a espasticidade, estudos recentes desenvolvidos no grupo do profesor Antón Barreiro mostraron que tratamentos con baclofeno promoven a supervivencia e rexeneración neuronal nun modelo de lesión medular en lamprea.

Publicidade

Aplicación en humanos

“Os resultados en modelos preclínicos de ratos abren a posibilidade de trasladar o uso do baclofeno como terapia para promover a recuperación funcional en pacientes con lesión medular”, explica o investigador da USC. “O baclofeno é un fármaco que xa está en uso na clínica, mesmo en pacientes medulares que desenvolven problemas de espasticidade, polo tanto isto facilitará a posible translación do uso de baclofeno”, sinala.

Nun segundo traballo, publicado recentemente na revista Data in Brief, e no que tamén participaron a estudante de doutoramento Laura González Llera e a catedrática de xenética Laura Sánchez Piñón, analizáronse os cambios de expresión de xenes que ocorren a nivel medular logo do tratamento con baclofeno. Este tipo de estudos permitirá aos investigadores determinar os mecanismos moleculares e celulares que subxacen á recuperación neurolóxica favorecida polo baclofeno. Os esforzos dos dous grupos céntranse agora en determinar as doses e tempos de administración máis efectivos do tratamento con baclofeno, así como en probar o uso de diferentes terapias combinadas coa administración deste fármaco.


Referencia: Acute baclofen administration promotes functional recovery after spinal cord injury (Publicado en The Spine Journal)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

A Xunta activa o protocolo de actuación ante a posible chegada de po africano

As autoridades sanitarias recomendan reducir a actividade física no exterior e extremar as precaucións entre a poboación vulnerable

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais