O galego Antón Barreiro lidera o estudo dun fármaco para tratar lesións medulares

Dirixe unha colaboración internacional financiada pola Fundación Wings for Life para estudar as posibles aplicacións do baclofen en humanos

Antón Barreiro, investigador da USC. Foto: USC.
Antón Barreiro, investigador da USC. Foto: USC.

O investigador do Departamento de Bioloxía Funcional da USC Antón Barreiro, especializado no estudo das lesións medulares e a súa posible rexeneración, é o coordinador unha colaboración internacional financiada pola Fundación Wings for Life na que tentarán determinar o potencial uso dun fármaco chamado baclofen para o tratamento da lesión medular. Ese fármaco xa se está usando en pacientes para o tratamento de complicacións secundarias á lesión como a espasticidade.

O proxecto, concedido por un período inicial de dous anos ampliable a un máis a razón de 100.000 euros por ano, realizarase en colaboración cos grupos de John L.K. Kramer, da Universidade de British Columbia (Vancouver, Canadá), e de António J. Salgado, da Universidade do Minho (Braga, Portugal). A Fundación Wings for Life está dedicada a financiar proxectos no campo das lesións medulares a nivel internacional.

O proxecto baséase en datos publicados recentemente no grupo da USC dirixido pola profesora María Celina Rodicio e o propio Antón Barreiro que demostran que o baclofen promove supervivencia neuronal e rexeneración nun modelo de lesión medular en peixes. Xunto cos doutores Kramer e Salgado realizaranse estudos nun modelo de lesión medular en ratos e un estudo observacional en pacientes.

Os estudos previos “parecen indicar” que o baclofen favorece a recuperación neurolóxica en roedores e humanos, sinala Barreiro

O traballo previo realizado e agora a concesión deste proxecto “permitiranos usar datos clínicos xa publicados para establecer correlacións entre a administración de baclofen e a mellora neurolóxica dos pacientes”, explica Barreiro, que aclara que eses estudos preliminares “xa parecen indicar que efectivamente a administración do fármaco favorece a recuperación neurolóxica tanto en roedores como en humanos”.

O grupo de Bioloxía Funcional na USC que lidera Barreiro leva anos estudando a posible rexeneración das lesións de médula mediante o estudo de modelos animais, como os peixes cebra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.