Venres 26 Abril 2024

O uso de sinais acústicos para escorrentar golfiños abre un debate en Galicia

O instituto BDRI do Grove afirma que un proxecto no que participan os armadores de Vigo, co apoio da Fundación Biodiversidad, pode afectar aos cetáceos

A interacción entre a fauna salvaxe e a presenza humana en lugares cunha actividade intensiva, como é o caso das Rías Baixas, adoita xerar tensións e tece finas liñas entre a conservación da natureza e o uso e aproveitamento dos recursos. No sector pesqueiro é habitual escoitar os problemas que xeran animais como os golfiños e outros mamíferos mariños: en artes como o cerco, os cetáceos, depredadores de especies como a sardiña, poden causar danos nas redes e espantar os cardumes aos que acoden os barcos, xerando perdas económicas aos armadores. E polo mesmo, ás veces os golfiños fican atrapados fatalmente nestas redes, o que pon en risco o mantemento da súa poboación.

Para intentar solucionar estes incidentes, botou a andar a comezos de 2019 o proxecto Ahuyemar, impulsado pola Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), xunto coa asociación de fabricantes de conserva Anfaco. O obxectivo de Ahuyemar, financiado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e coa colaboración da Fundación Biodiversidad, era, segundo recollen os seus impulsores, “eliminar ou diminuír a interacción con mamíferos mariños na pesquería do cerco no caladeiro nacional”, cuns “métodos e protocolos de actuación novidosos“. Para compilar datos e desenvolver probas nas augas galegas, os impulsores do proxecto contactaron coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que presta apoio técnico nestas saídas, que comezaron esta semana en augas da ría de Vigo.

Publicidade

Logo do proxecto Ahuyemar.
Logo do proxecto Ahuyemar.

Entre estas tecnoloxías están os coñecidos como pingers ou sinais acústicos, uns dispositivos que emiten sinais para escorrentar os golfiños das zonas onde hai redes de pesca e evitar así posibles problemas. Segundo fontes de Ahuyemar, o uso dos sinais acústicos vaise realizar coas debidas precaucións. “A idea xorde dun armador de cerco, precisamente para non gastar cartos nun aparello sen saber se realmente é efectivo e seguro. O fabricante di que si, pero queremos comprobalo, e por iso estamos facendo estes estudos”, expoñen estas fontes

Críticas do BDRI

Non en tanto, Bruno Díaz, director do Instituto para a Investigación dos arroaces do Grove (BDRI, en inglés), amósase crítico co uso destes métodos como posible solución á interacción dos golfiños coa pesca. “Hai que ter moito coidado co uso de aparellos acústicos, porque pode ser peor máis un problema ca unha solución“, expón Díaz. O investigador remítese a varios traballos científicos que “demostran que estes sinais son pouco eficaces. Ao principio pode haber unha reacción, pero logo acábase xerando unha especie de tolerancia que non impide que os golfiño se acheguen ás redes”.

 Do mesmo xeito, o director do BDRI insiste que “non podemos pensar en que este problema se vai solucionar espantando aos golfiños da súa zona de alimentación”. Apunta tamén os posibles danos que estas actuacións poden causar ás toniñas, especies nunha situación vulnerable nas costas galegas, e que comparten hábitat cos golfiños. Así o demostran, segundo lembra Díaz, traballos recentes do BDRI no que advirten do impacto do tráfico marítimo nas poboacións de toniñas e da pesca de arrastre nos golfiños.

Porén, desde Ahuyemar responden que as probas vanse basear en tres requisitos: “que sexan seguros para os golfiños, que non afecten aos bancos de pesca e que cumpran coa súa función. Se non cumpren aínda que sexa só un destes requisitos, non se aconsellaría o seu uso“. Engaden as mesmas fontes que Ahuyemar tamén pretende instaurar un protocolo de actuación para evitar danos no caso do encontro entre cardumes, golfiños e barcos de cerco.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os parques eólicos mariños ameazan a toniña en Galicia: “Xa está en perigo de extinción”

Un estudo de ecólogos do Grove pide medidas para a conservación dunha especie moi afectada polas capturas accidentais da pesca

A rede ambiental máis grande do mundo declara as rías galegas como área importante de mamíferos mariños

A IUCN destaca o valor da poboación dos cetáceos que viven nas costas de Galicia, especialmente dos golfiños

En que zonas das Rías Baixas hai plásticos flotantes? Este mapa ten a resposta

Un equipo do Grove leva dende 2016 realizando mostraxes na ría de Arousa e nas súas augas circundantes para estudar o lixo mariño en superficie

Queres adoptar un golfiño da ría de Arousa? Así podes facelo

O Bottlenose Dolphin Research Institute BDRI, con sede no Grove, ofrece a posibilidade de apadriñar un exemplar dos 40 que están estudando