Un proxecto galego para tratar o cancro de páncreas recibe 1,8 millóns de euros

A iniciativa IMPANC pretende avanzar no estudo dunha alternativa terapéutica nova e eficaz que mellore a vida dos doentes

Investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e da biotecnolóxica SunRock Biopharma, participada por Xes Galicia desde a súa fundación en 2014, veñen de acadar 1,8 millóns de financiamento para desenvolver durante os vindeiros tres anos o proxecto de investigación IMPANC na procura de novas estratexias inmunoterapéuticas para o tratamento de cancro de páncreas. Este proxecto desenvólvese no marco da convocatoria 2022 de Proyectos de I+D+i en líneas estratégicas, da Axencia Estatal de Investigación, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Este cancro é un dos máis graves e de diagnóstico máis tardío, polo que é urxente atopar tratamentos máis eficaces e seguros para este tipo de tumor. O proxecto IMPANC pretende avanzar no estudo dunha alternativa terapéutica nova e eficaz utilizando un novo enfoque para comprender os mecanismos moleculares que explican o papel da diana CCR9 no cancro de páncreas.

Publicidade

Así, a biotecnolóxica SunRock Biopharma desenvolveu un anticorpo contra CCR9 que demostrou mellorar a supervivencia, en modelos animais, de diferentes tipos de cancro respecto ás terapias convencionais, o que suporía un gran avance na loita contra esta enfermidade. O novo anticorpo anti-CCR9 podería ser utilizado en combinación coa quimioterapia estándar ou coas inmunoterapias utilizadas actualmente na práctica clínica, ou mesmo como alternativa a estas.

Resultados en modelos animais

No marco do proxecto IMPANC, no que participan tres grupos de investigación do IDIS (Oncoloxía médica traslacional-Oncomet, Anatomía Patolóxica e Investigación traslacional en enfermidades do aparato dixestivo), os resultados obtidos ata o momento en modelos animais serán validados polos investigadores do IDIS en mostras de pacientes oncolóxicos e grupos control.

Publicidade

Ao mesmo tempo, desenvolverán estratexias de caracterización de novos biomarcadores que permitan achegar este tratamento aos pacientes mediante técnicas de biopsia líquida.

Baixa supervivencia

No ano 2020 diagnosticáronse 495.773 novos casos de cancro de páncreas en todo o mundo, que se estima aumentarán nun 60% ata 2040. Só en España diagnosticáronse 8.211 novos casos, 56 na área compostelá. A pesar de que a supervivencia do cancro duplicouse nos últimos 50 anos, o cancro de páncreas conta coas expectativas de supervivencia a cinco anos máis baixas. Así, a supervivencia a 5 anos por este cancro é do 7%, sendo a terceira causa de morte por cancro en España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Investigadores galegos redefinen as pautas de extubación despois dunha operación por ictus

O estudo, coordinado polo IDIS e o CHUS, mostra que, contrario ao que se pensaba, adiantar o espertar do paciente non mellora a recuperación funcional

A Academia de Ciencias de EE UU retira o estudo sobre a curación do cancro de páncreas en ratos de Barbacid

A revista PNAS retracta o artigo ao detectar relacións non declaradas dos autores coa empresa Vega Oncotargets

Un fármaco para recuperarse tras un ictus e unha tecnoloxía de selado de latas, Premios á Transferencia

Os galardóns que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación premian un grupo do IDIS e outro da UVigo