FoodSens viu a luz en 2018. O seu nome fai referencia ao desenvolvemento de tecnoloxías ou sensores para certos contaminantes alimentarios, que serán transferidos á industria alimentaria. O seu obxectivo principal, deseñar novos métodos analíticos que consigan detectar algúns dos principais problemas en termos de seguridade alimentaria. Neste momento o proxecto está nunha fase avanzada, que consiste na validación dos sensores fronte a métodos oficiais existentes. Posteriormente porán a proba a súa aplicación en diferentes empresas do sector alimentario e recollerán os primeiros resultados. O estudo rematará en outubro de 2022.
Trátase dun proxecto Interreg VA España-Portugal (Poctep), liderado pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Pescados e Mariscos (Anfaco), e en colaboración con dous centros de investigación de Vigo —CINBIO, da UVigo, e o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC)—, xunto con outros tres centros de Portugal. Antes do seu peche, as institucións involucradas acollerán varias demostracións das técnicas desta tecnoloxía nas empresas do sector, potenciais usuarios finais destes sensores, e posibles empresas tecnolóxicas. Ademais, a finais de setembro, Anfaco organizará na súa sede un evento de difusión dos resultados obtidos, tras a proba dos sensores en empresas reais.
Primeira fase: o diagnóstico dos principais riscos
Ana García Cabado, investigadora en Anfaco-Cecopesca, explica que a primeira parte do proxecto consistiu no diagnóstico dos principais contaminantes existentes en diferentes alimentos. “Avaliamos cales son as debilidades que hai no mercado para detectar estes contaminantes, así como as necesidades dos usuarios finais, que neste caso son as industrias que producen alimentos”, declara a investigadora. Á hora de centrar o estudo, tiveron en conta aqueles riscos alimentarios presentes na rexión transfronteiriza de Galicia e o norte de Portugal.
Unha vez detectados os contaminantes, a intención dos investigadores foi levar a cabo o desenvolvemento dos sensores, que serían capaces de localizar ata cinco tipos distintos de analitos: “En concreto, estudiamos os hidrocarburos aromáticos policíclicos (PAHs), que existen máis de cen e adoitan formarse na combustión, entre os alimentos máis susceptibles están a carne á parrilla, alimentos afumados…; as micotoxinas, poducidas por fungos sobre todo crecen en alimentos sometidos a condicións determinadas de humidade; ou as microalgas tóxicas, como é o fitoplacton, do que se alimentan os moluscos, que está presente na ría de Vigo, así como noutros lugares do mundo”. Tamén incluen as biopelículas de Listeria monocytogenes, microorganismo patóxeno do que se estudan os biofilms que forman as bacterias, que actúan como escudos que as protexen dos bactericidas que intentan eliminalas. “Por último, xa que hoxe en día é preocupante pola cantidade de xente á que lles afecta, engadimos os alérxenos alimentarios, como é a histamina ou a parvalbúmina, proteína do peixe”, enumera Ana García Cabado
Os alérxenos non son contaminantes, explica a investigadora, pero si supoñen un risco potencial para o consumidor, que non sempre ten coñecemento do posible efecto nocivo de certos alimentos no seu organismo. “Por exemplo, a parvalbúmina é un compoñente natural do peixe, unha proteína, pero a xente pode desenvolver unha intolerancia a este elemento”, aclara. “Temos que partir de que os alimentos que compramos son seguros, mais nós estamos investigando precisamente neste campo para deseñar ferramentas que axuden a que o produto chege ao consumidor en bo estado e tratar, así, de axilizar os procesos que seguen as industrias”.
A creación de sensores analíticos
Unha vez feitos os pertinentes estudos dos contaminantes, o seguinte paso do proxecto foi a creación de sensores analíticos para a detección dos posibles riscos na industria. Esta tecnoloxía debía cumplir cunha serie de características para ser adecuada á hora de analizar estes contaminantes. “Debían ser rápidos, con gran sensibilidade, portátiles, miniaturizados, automatizados, económicos e que se puidesen usar e dar resultados a tempo real”, comenta a investigadora. O seu funcionamento consiste en tecnoloxía LoC (Lab-on-a-chip), basada en puntos cuánticos, metodoloxía SERS (Raman) e citometría de fluxo microfluídico. “A idea é utilizar pequenos aparellos que sexan útiles para a industria”, resume Cabado.
“Demos os primeiros pasos para o desenvolvemento dos detectores de contaminantes, agora toca optimizalos”
Tras o desenvolvemento de ditos sensores, estes xa estarían listos para ser probados nos primeiros estudos reais. Actualmente, o proxecto se atopa nesta fase, que consiste na validación fronte a métodos oficiais, se os hai, ou frente a outros alternativos. “Demos os primeiros pasos para o desenvolvemento dos detectores de contaminantes, agora toca optimizalos, poñelos realmente no mercado”, explica a investigadora. “Por agora xa tivemos os primeiros contactos con diferentes empresas que desenvolven tecnoloxía para o sector alimentario, que poidan estar interesadass en adquirir a patente, ou empresas de potenciais usuarios”.
As primeiras demostracións para dar a coñecer esta tecnoloxía, terán lugar no CINBIO, na na Facultade de Farmacia do Porto e no Center for Microelectromechanical Systems (CMEMS), da Universidade do Minho, que participan no proxecto xunto co Instituto de Ciências, tecnologias e Agroambiente (ICETA), da Universidade do Porto, e a Asociación de Produtores de Leite e Carne (Leicar). Ademais, a finais de setembro, Anfaco organizará o evento final que pechará esta temporada, amosando os resultados acadados nas probas reais destes sensores. “Queremos continuar no estudo desta temática porque considermos que é importante para as empresas usuarias, que precisan este tipo de ferramentas coa fin de facilitarlles resultados de posibles contaminantes nun tempo reducido”, afirma Cabado.