Yuan Longping: o agrónomo que sacou da fame a millóns de persoas

A China despide ao enxeñeiro que desenvolveu novas variedades de arroz híbrido, aumentando a produtividade por hectárea do cereal

Moitos son os factores que contribuíron ao gran desenvolvemento económico e social da China nos últimos decenios. Pero parte deste avance hai que explicalo coas achegas de Yuan Longping, un enxeñeiro agrónomo falecido a pasada semana aos 90 anos. Longping deseñou e desenvolveu novas variedades de arroz híbrido, aumentando os rendementos do seu cultivo e, en consecuencia, permitindo alimentar a un maior número de persoas. Este cereal, o segundo máis producido despois do mundo despois do millo, é un piar da alimentación na China e, por tanto, a maior produtividade das súas plantacións contribuíu a acabar coa fame de millóns de habitantes do país.

Despois dos tráxicos episodios de fame no país, que causaron a morte prematura a decenas de millóns de persoas por mor das políticas maoístas, Yuan Longping comezou a estudar as posibilidades de mellorar os cultivos do arroz. Nas súas memorias lembra como presenciar en primeira persoa aquel desastre humanitario impulsou o seu afán por mellorar as condicións dos seus paisanos. Nos anos 60 obtivo os primeiros resultados que apuntaban a que a mestura dalgunhas variedades de arroz salvaxe coas que se adoitaban usar para o cultivo comercial achegaba un rendemento maior ao plantalas. Percorreu a xeografía chinesa para buscar estas variantes, e un dos primeiros pasos deuno arredor de 1970, cando atopou unha variedade salvaxe na illa de Hainan, no sur da China. Pouco despois, grazas a este achado, publicou un artigo no que describía como o material xenético desta variedade podía transferirse ás cepas comerciais de arroz, cos conseguintes beneficiou.

Publicidade

Co tempo fixo posible, a través do cruzamento de tres liñas diferentes, que a produción de arroz no país se elevase nos anos 70 nun 20%. Isto supuxo que arredor de 70 millóns de persoas a maiores puideran alimentarse cunha cantidade deste cereal que cubría boa parte das necesidades diarias. Os seus avances continuaron nas seguintes décadas, chegando a mellorar ata nun 30% a cantidade de arroz producido en cada hectárea de terreo. O enxeñeiro seguiu investigando ata a recta final da súa vida; con 87 anos, no 2017, contribuíu á creación dunha variante de arroz que reducía o contido en cadmio nos cultivos realizados en terreos contaminados con este metal pesado.

Despois de aplicar os avances na China, o traballo de Yuan Longping e o seu equipo de colaboradores fíxose patente nos cultivos do resto do mundo, adaptando os seus avances, por exemplo, para mellorar os cultivos en rexións con climas tropicais. “Os progresivos aumentos no rendemento axudaron a que os episodios de fame quedasen no pasado na maioría dos países produtores de arroz, salvou moitas, moitas vidas”, declarou a The New York Times Hu Yonghong, director do Xardín Botánico Chenshan de Shangai.

Publicidade

O fito acadado por Longping converteuno nun auténtico heroe para a sociedade chinesa. E tamén comezou a recibir recoñecementos no resto do mundo. No ano 2004 recibiu o Premio Mundial da Alimentación. Nunha mensaxe a través das redes sociais, o Departamento de Asuntos Económicos e Sociais das Naciones Unidas (DESA) cualificou a Longping de “auténtico heroe da alimentación” por salvar millóns de vidas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a comida é veleno: alerxias alimentarias, un problema en alza

Cacahuetes, ovos e leite son produtos inofensivos para a maioría, pero para algunhas persoas son unha ameaza perigosa, mesmo letal

A obesidade dispárase nun 82% nas nenas galegas en apenas oito anos

Máis da metade dos galegos ten un peso fóra dos indicadores saudables e catro de cada dez non fai nunca exercicio

Adiantar a cea e acurtar tempo entre comidas mellora a saúde metabólica dos cativos

Un estudo da Universidade Complutense feito en cinco provincias, incluída A Coruña, revela a importancia dos tempos na alimentación dos nenos

Un equipo galego aposta por residuos de alfábega para mellorar a conservación de alimentos

O traballo ten como obxectivo crear antioxidantes naturais que atrasen a oxidación lipídica de peixes e mariscos