O río atmosférico que enchoupará Galicia esta fin de semana

A Galicia estalle vindo enriba un río atmosférico, que se suma ao impacto da borrasca Beatriz, que deixou avisos de nivel laranxa e amarelo en todo o país, xerando tamén fenómenos como a manga mariña que onte arrasou un monte en Muros. Así, alén dos fortes ventos deste venres, durante o sábado e o domingo haberá precipitcións constantes e intensas que manterán o aviso de nivel amarelo no sur de Galicia.

É unha masa de aire moi húmido que se xunta en Galicia coas borrascas destes días

Un río atmosférico, segundo explica desde MeteoGalicia Ana Lage, é unha “masa de aire moi húmido, con grandes cantidades de auga precipitable nas capas altas da atmosfera, que pode chegar a ter milleiros de quilómetros de longo e poucos centos de quilómetros de ancho, que cruza o Atlántico desde as latitudes tropicais ata a costa europea”. Así, segundo a meteoróloga, “haberá que ter especial atención coas acumulacións de auga ata o domingo”.

Publicidade

Este fenómeno, estudado en profundidade desde hai anos por expertos galegos de MeteoGalicia e a USC, ten unha grande importancia para a climatoloxía debido á gran achega de humidade que traen consigo. Así, os traballos realizados neste senso tiveron un importante impacto internacional.

Unha das semanas máis chuviosas do ano

Así, esta fin de semana combinaranse dous episodios que, sumados, deixarán unas cifras moi importantes de precipitación, despois dunha semana na que xa se alcanzaron rexistros bastante elevados, na que xa é unha das semanas máis chuviosas do ano. Así, desde o pasado luns 5, en estacións como Fontecada (Santa Comba) ou Muralla (Lousame) caeron máis de 200 litros por metro cadrado.

Publicidade

Esta semana caeron máis de 200 litros por metro cadrado en Santa Comba e Lousame

O vento tampouco queda atrás: No que vai de venres, MeteoGalicia xa rexistrou refachos máximos de 143 quilómetros hora en Punta Candieira (Cedeira) e 128 en Burela.

Así, a Xunta xa mantén activa desde a noite do xoves a alerta laranxa por temporal costeiro, vento e choiva en Lugo, A Coruña e Pontevedra. As estimacións falan de 80 litros por metro cadrado en 12 horas no oeste e suroeste da Coruña e no interior e nas Rías Baixas da provincia de Pontevedra.

Porén, a partir do luns, volverá o sol. “Despois do luns, que será unha xornada de transición, virá tempo seco e soleado a partir do martes, con temperaturas mesmo altas para esta época”, engade Ana Lage.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra o segundo mes de xuño máis cálido dende que hai rexistros

O último informe de Meteogalicia conclúe que foi un período seco e marcado por dous importantes episodios de calor

Un domo de calor trae a Galicia temperaturas superiores aos 30 graos nos primeiros días de xullo

O anticiclón e o nordés serán as claves de que os valores sexan máis cálidos do normal, ben diferenciados entre o norte e o sur

A Xunta amplía as zonas en nivel vermello por episodio de calor extrema

O litoral galego manterase nos 30ºC, o interior da comunidade superará os 34ºC e o val do Miño e do Sil acadarán os 40ºC

Media Galicia en alerta vermella pola calor: estes son os 117 concellos afectados

A influencia das altas presións producirá que algúns episodios se prolonguen ata cinco días, sobre todo en Ourense, A Coruña e Lugo