Obxectivo: loitar contra a crise climática e a pobreza enerxética. Talvez a biomasa térmica sexa unha desas alternativas que é preciso coñecer mellor. Para darlle visibilidade a esta enerxía renovable, os concellos de Caldas de Reis e Portas acollen a exposición itinerante “El calor renovable”, que impulsa o Clúster de Biomasa de Galicia. Nesta mostra dáse información útil e práctica a través de seis paneis que, con contido visual, explican que solucións ofrece a biomasa para o fogar e a industria.
Dita exposición tamén explica cal é a orixe do quecemento global, as súas causas, e cales con as políticas europeas para enfrontarse ao cambio climático. Ademais disto, as persoas participantes poderán deixar as súas reflexións e ideas sobre o desenvolvemento sustentable nunha árbore de cartón. Así tamén poderán formar parte activa desta exposición. Unha mostra que, dende esta semana, se poderá visitar na biblioteca municipal de Portas e nas instalacións das piscinas de Caldas de Reis. Proximamente poderase ver noutros municipios galegos.
Esta exposición, lanzada ao abeiro dunha campaña de promoción da biomasa térmica, forma parte dunha serie de accións que contan co cofinanciamento da Xunta a traves da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).
Un combustible renovable
Máis polo miúdo, a biomasa é un combustible renovable que procede do aproveitamento de subprodutos e refugallos, principalmente de materia orgánica de orixe vexetal ou animal. Segundo informan dende o Clúster, a biomasa térmica pode supor “unha verdadeira solución na descarbonización do sistema enerxético”, así como contribuír a mellorar a xestión forestal. Así mesmo, recordan que en Galicia “só o 6,5% da enerxía primaria total é biomasa ou biogas, polo que hai un enorme potencial sen aproveitar”.
“O noso país é o terceiro de Europa por recursos absolutos de biomasa forestal só por detrás de Suecia e Finlandia. Pola contra, España consome menos biomasa que a media europea“, apuntan dende o sector. Dende o Clúster inciden en que a biomasa térmica está dispoñible en diferentes formatos e tecnoloxías como estufas e caldeiras, converténdose nunha opción para proxectos de rehabilitación pero tamén de vivenda sustentable.
Por outro lado, faise fincapé en que a biomasa é un tipo de enerxía autóctona, posto que se produce a nivel local e pode fomentar “a creación de emprego na contorna”. Dende o Clúster afirman que é renovable e neutra en CO2, xa que provén de residuos do monte e doutras industrias. Outro dos puntos que sinalan é o seu potencial para loitar contra a pobreza enerxética, posto que ten un prezo “estable e máis económico”.