O cambio climático está a suceder, non é mentira, pero os gobernantes menten máis que respiran. Esencialmente porque o que din que van facer é inviable. Segundo un informe da ONU, a produción de combustibles fósiles planificada polos gobernos do mundo “excede amplamente” o límite necesario para manter o aumento do quecemento global en 1,5°C e evitar os peores impactos da crise climática. Arabia Saudita anunciou que ten como obxectivo alcanzar cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro para 2060 para frear o cambio climático provocado polo home.
Con todo, os sauditas non mencionaron ningunha redución no investimento nas súas explotacións de petróleo e gas ou o abandono, polo menos paulatino, da produción de combustibles fósiles. Segundo as proxeccións de produción, Arabia Saudita obterá 150 mil millóns de dólares en ingresos petroleiros durante este ano. O reino, ten ao redor do 17% das reservas de petróleo coñecidas e abastece o 10% da demanda mundial de petróleo.

A pesar das innumerables promesas de moitas nacións, os gobernos aínda non teñen plans para reducir a produción de combustibles fósiles, segundo o informe citado anteriormente. A fenda entre a extracción planificada de carbón, petróleo e gas e os límites de seguridade segue sendo tan grande como en 2019, cando a ONU informou por primeira vez sobre o tema.
Produción de combustibles
O informe, elaborado polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (Unep) e outros investigadores, describe como a produción mundial de petróleo e gas aumentará nas próximas dúas décadas, e prevese que a produción de carbón diminúa lixeiramente. Isto dá como resultado o dobre da produción de combustibles fósiles en 2030, o que é consistente con alcanzar o aumento de 1,5°C.

Unha análise detallada das 15 principais nacións produtoras de combustibles fósiles atopou que os Estados Unidos, o Canadá, Australia, Arabia Saudita e a China proxectan aumentos na produción de petróleo e gas, mentres que a India e Rusia teñen a intención de aumentar a produción de carbón. Só dous dos países esperan que a produción de petróleo e gas diminúa: o Reino Unido e Indonesia. Veremos se é certo.
O informe describe como os países destinaron máis de 300.000 millóns de dólares de axudas públicas a actividades de extracción de combustibles fósiles desde o comezo da pandemia Covid-19, bastante máis que as axudas para enerxías renovables.
O cumio climático COP26 celébrase estes días en Glasgow. As nacións do mundo deben comprometerse a adoptar medidas que reduzan as emisións que inflúen no quecemento do planeta e que manteñan vivas as esperanzas de manter o incremento do quecemento global a 1,5°C. Tal como imos conseguiriamos un incremento de 2,7ºC. Unha catástrofe.

Segundo un estudo científico publicado en setembro, a gran maioría das reservas de combustibles fósiles que posúen hoxe os países e as empresas non deben explotarse, se se quere abordar a crise climática. A estimación aconsella que o 90% do carbón e o 60% das reservas de petróleo e gas non deben extraerse para manter un 50% de posibilidades de alcanzar o obxectivo de 1,5°C. En maio, un informe da Axencia Internacional de Enerxía concluíu que non pode haber mais desenvolvementos de industrias de petróleo, gas ou carbón se o mundo quere chegar a un nivel neto de emisións cero para 2050.O informe analizou os plans e proxeccións de produción dos países produtores e determina que a produción será dun 240% máis de carbón, 57% máis de petróleo e 71% máis de gas en 2030 do que é consistente con 1,5°C. A produción total de combustibles fósiles será un 45% máis que o que deberiamos producir para alcanzar un obxectivo mais modesto, a subida media de 2ºC.
Case 4 billóns
O informe describe que o financiamento proporcionado polas nacións do G20 para proxectos de combustibles fósiles no estranxeiro comezou a caer nos últimos anos e China anunciou o fin do apoio ás plantas de carbón estranxeiras en setembro.
Desde o acordo climático de París en 2015, os 60 bancos máis grandes do mundo financiaron 3,8 billóns a compañías de combustibles fósiles.
Preparen as lanchas para os desbordamentos e moita auga —en botella de cristal— e crema solar para as ondas de calor. Como alternativa propoño esixir aos que se dedican á cousa pública que traballen máis e que falen menos. Claro que acabar no consello dunha empresa de enerxía é moi interesante pero só se se fai para cambiar o curso da historia non para encher os petos.
Para ler:
- Unextractable fossil fuels in a 1.5 °C world. (Nature)
- Net Zero by 2050. (IEA)
- Estimates of country level temperature-related mortality damage functions. (Nature, 2021)
- Climate Change 2021 The Physical Science Basis Summary for Policymakers
- SPECIAL REPORT Global Warming of 1,5ºC
- Half a Degree and a World Apart: The Difference in Climate Impacts Between 1,5˚C and 2˚C of Warming. (World Resources Institute)