Co gallo do 150º aniversario da publicación da primeira versión da táboa periódica por parte do químico ruso Dimitri Mendeleiev, sucédense en todo o mundo as iniciativas para promover o coñecemento desta icona da ciencia. O 15 de marzo, varias entidades académicas presentaron no Consello da Cultura Galega, no marco dunhas xornadas sobre a táboa periódica, o que se denominou “un fito para a lingua”: a publicación da táboa ao completo en galego. “Ata o momento non se contaba cunha versión en galego”, anunciaba a Real Academia Galega. Mais este fito non era tal, segundo reclamou nos últimos días Pilar Rodríguez Seoane, profesora de Química Inorgánica da Universidade de Vigo, hoxe xa xubilada.
“A primeira versión en galego, da que son autora, publicouse, seguindo as normas da IUPAC, en 1998 en Edicións Obradoiro-Santillana, coa colaboración da Universidade de Vigo”, expón Rodríguez Seoane nunha nota enviada aos medios, na que responde ás informacións publicadas que poden inducir “a erro”. Posteriormente, en 2002, a táboa reeditouse desde Obradoiro cos novos elementos, e a UVigo volveu publicar dúas novas edicións nos anos 2008 e 2013, coa supervisión do departamento de Filoloxía Galega da propia universidade.
Tal e como indican desde a editorial Obradoiro, esta versión en galego da táboa difundiuse como material complementario dos libros de texto cando as materias de Física e Química no ensino secundario podían impartirse en galego, unha regulación que mudou co decreto do plurilingüismo, que instaurou a obriga de que se deran en castelán, do mesmo xeito que Matemáticas e Tecnoloxías.
Xa hai alomenos 21 anos, por tanto, desde que existe unha táboa periódica en galego ao completo (polo menos nese momento, cos elementos recoñecidos pola IUPAC). E segundo indican fontes da UVigo, esta táboa tamén se difundiu aos alumnos da Universidade, así como a estudantes de Secundaria e Bacharelato que visitan a Facultade de Química. De feito, este ano, conmemorando o 150 aniversario da primeira versión feita por Mendeleiev, hai exposta unha táboa periódica de grandes dimensións na entrada principal da Facultade de Química da Universidade de Vigo.
Ante a reivindicación do traballo de Pilar Rodríguez Seoane, a RAG xa transmitiu o recoñecemento ao seu traballo a través das redes:
Grazas, @Ana_Guerra , pola información, lamentamos non dispoñer antes dela. Compartimos e recoñecemos o traballo da profesora Pilar Rodríguez Seoane da @uvigo Reiterámonos na reivindicación que mantén a RAG de que o galego sexa lingua vehicular de todas as materias.
— Real Academia Galega (@AcademiaGalega) 8 de abril de 2019
Do mesmo xeito, a propia Pilar Rodríguez Seoane reseña tamén que a primeira versión da táboa foi publicada no volume 95, número 3, da contraportada da revista Anales de la Real Sociedad Española de Química, no ano 1999.
Alén disto, despois de que Pilar Rodríguez Seoane publicase as primeiras versións da táboa en galego, outros colectivos como CienciaNosa, grupo de innovación docente da USC, publicou en 2017 a última actualización cos novos elementos aprobados pola IUPAC: o nihonio (Nh, Z = 113), o moscovio (Mc, Z = 115), o ténnesso (Ts, Z = 117) e o oganesson (Og, Z = 118).
Sae a nova versión en galego da táboa periódica dos elementos