Venres 19 Abril 2024

Un fito para a lingua: a táboa periódica en galego ao completo

O Consello da Cultura, as Academias da lingua e de ciencias, CienciaNosa e Política Lingüística impulsan a tradución completa no 150º aniversario da táboa

No marco das xornadas  celebradas este xoves no Consello da Cultura Galega, varias institucións presentaron un fito para a normalización e a divulgación científica no país: a táboa periódica en galego ao completo. No traballo colaboraron, ademais da entidade anfitrioa, a Real Academia Galega, A Real Academia Galega de Ciencias, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o grupo de investigación Ciencia Nosa da Universidade de Santiago de Compostela.

A táboa periódica en galego serve para conmemorar o 150º aniversario da publicación da primeira versión por parte de Dimitri Mendeleiev, en marzo de 1869. Aquel feito supuxo “que por primeira vez se ordenaban os 63 elementos químicos que eran coñecidos e permitiulle a Mendeleiev decatarse que a táboa era periódica, é dicir, que estaban colocados de tal xeito que tiñan periodicidade no seu comportamento e nas súas propiedades”, dixo Manuel Bermejo, un dos coordinadores do encontro celebrado este xoves.

Publicidade

Uns elementos ordenados, que deixaban tras de si unha serie de ocos. E Mendeleiev vaticinou que debían estar ocupados por outros elementos e había que buscalos. E así foi. Mendeleiev fixo a predición en 1869 e en 1875 Paul Émile Lecoq de Boisbaudran descubriu o galio. “A descuberta confirmou as sospeitas de Mendeleev e, ademais, permitiu a posibilidade aos químicos de facer máis química”, explica Bermejo. Desde entón foron engadíndose novos nomes; os últimos, en decembro de 2018, que tamén aparecen recollidos na nova táboa periódica en galego.

Desta publicación editáronse 13.000 exemplares que están en diferentes formatos (1.000 pósters, 2.000 A4 e 10.000 A5) e difundiranse entre centros educativos e sociedades de ámbito científico.

Táboa de propiedades dos elementos. Fonte: CCG.
Táboa de propiedades dos elementos. Fonte: CCG.

A xornada

“A intención desta xornada é facer unha reflexión desde Galicia dun feito tan importante para a sociedade” expuxo Bermejo. A actividade ten un marcado carácter divulgativo e pretende dar a coñecer a relevancia e a utilidade da táboa periódica a través de perspectivas e enfoques pouco explorados. Isabel Pintos falará da música dos elementos químicos, Ánxel Gómez e Xosé Vázquez expoñerán como está explicada e difundida en Youtube e María Xosé Romero fará o mesmo pero desde unha perspectiva de xénero. Pola súa parte, Manuel Vicente dará conta de como divulgar o sistema periódico hoxe en día. Marcelino Maneiro falará dos últimos elementos incorporados, mentres que Sergio Casas se centrará nun só: “o mercurio, un elemento con moitas facianas”. Sobre a necesidade de adaptación da táboa para a aula ou a súa utilidade haberá dous relatorios. Un de Ana González titulado “As predicións de Mendeleiev no sistema periódico e a súa utilidade na aula hoxe” e outro de Manuel Bermejo que se chama “O sistema periódico na didáctica dunha aula de química”.

Esa reflexión desde Galicia inclúe tamén botar a vista atrás e Ramón Cid Manzano analizará a clasificación dos elementos no ensino da química en Galicia no século XIX. Un relatorio no que se falará tamén de Antonio Casares, quen, xunto con Tomás Batuecas, foi un dos grandes persoeiros da ciencia galega que tiveron que ver co sistema periódico. Se Casares foi o primeiro catedrático de química da USC, Batuecas foi presidente da comisión internacional da IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry), entidade que celebra este ano o seu centenario.

Canto sabes da táboa periódica?

Tamén tivo lugar a presentación do libro “Guía dos elementos químicos“, de Ana González Noya, Manuel Bermejo e Marcelino Maneiro. Tamén asistiron ao acto Estarán presentes Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega.

O encontro pode seguirse en directo desde o portal do Consello da Cultura, nesta ligazón.

E aquí podes descargar a táboa periódica en galego (en PDF, nesta ligazón).

3 COMENTÁRIOS

  1. Seguramente se a redacción desta páxina fixera algo de investigación tería atopado algunhas referencias anteriores a versión da táboa en galego. Sen quitar o mérito de facela completa (a IUPAC tardou en decidir o nome dos elementos mais pesados) deberían saber que na Facultade de Química da Universidade de Vigo levamos mais de dez anos repartindo entre os nosos/as estudantes (e estudantes de secundaria e bacharelato que por alí se acercan) unha versión da táboa periódica elaborada pola profesora Pilar Rodríguez Seoane , ben asesorada polo profesorado do departamento de Filoloxía Galega da mesma Universidade e publicada pola editorial Obradorio-Santillana. É probable que ningún membro da Real Academia Galega, A Real Academia Galega de Ciencias, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística ou editorial de GCiencia a recibira, ou si, e por iso non o tiveron en conta. Como científico, teño que dicir que iso non é escusa…
    Sendo positivo, supoño que por iso consideran un “FITO” ao que non deixa de ser unha “SIMPLE” nova edición. Parabéns ós redactores pola súa capacidade de atraer os focos de atención.

  2. Non se parece ao castelán, así que é fulminantemente rexeitada pola RAG e polo ILG. O modelo galaico-portugués non lles vale como referente onde beber. Ten que ser o sacrosanto español. Daí a galopante intrascendencia do galego: sempre será mellor o orixinal! Esta tabua periódica é coma o catálogo galego de IKEA, que está cañcadiño do español O galego da ciencia é coma o das Páxinas Amarelas bilingües, onde se buscas “Ferreiros” ou “Xardinería” tes que buscar na H ou na J.

  3. ola, estou facendo un ciclo superior da rama quimica , e a miña profesora chama ao mercurio , azougue sempre , e me parece curioso que non .

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías