Contar a Ciencia: “criterio, sensibilidade, e responsabilidade” para informar

A Facultade de Comunicación da USC acolleu a presentación da sexta edición do concurso universitario de xornalismo científico universitario

Por sexto ano consecutivo bota a andar o Premio de Comunicación Científica Universitaria “Contar a Ciencia-la Caixa”, que foi presentado este xoves na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Un certame convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e patrocinado pola Obra Social la Caixa, e que busca fomentar o xornalismo especializado en ciencia entre os estudantes de comunicación das universidades galegas. No concurso tamén colaboran a Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e a empresa Primux.

A presentación foi conducida por Eduardo Rolland, director de GCiencia, e nela tamén participaron María Jesús Tallón, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; Anxo Pérez, responsable de Comunicación de Caixabank en Galicia; e Pilar Bermejo, catedrática de Química Analítica na USC e secretaria da RAGC. Bermejo ofreceu ademais unha clase aberta na que puxo de manifesto a necesidade de contar con profesionais da comunicación conscientes e coñecedores da relevancia da ciencia para o progreso da sociedade.

Publicidade

Desde a Xunta, María Jesús Tallón incidiu en “reforzar o papel do coñecemento experto para axudar á toma de decisións informadas” respecto aos temas de interese público. E subliñou tamén o papel dos comunicadores neste sentido: “É moi destacable a capacidade e o esforzo de moitos comunicadores para facer comprensibles ao público xeral algúns temas moi especializados”.

Por parte de la Caixa, Anxo Pérez lembrou o apoio da entidade desde as primeiras edicións de “Contar a Ciencia”, no marco de “dúas razóns fundamentais: a difusión do coñecemento científico e, por outra banda, a sensibilidade cara ao xornalismo, un axente esencial para explicarlle á sociedade o que a ciencia pode ofrecer”.

"Contar a Ciencia" está aberto aos estudantes de Comunicación das universidades galegas.
“Contar a Ciencia” está aberto aos estudantes de Comunicación das universidades galegas.

“Diferenciar o gran da palla”

Desde a Real Academia Galega de Ciencias, a súa secretaria, Pilar Bermejo, afondou na súa intervención no papel clave que as mozas e mozos comunicadores terán na revolución tecnolóxica que xa estamos a vivir. Ante isto, apelou ao “criterio, sensibilidade e responsabilidade” dos xornalistas á hora de trasladar á cidadanía as informacións do mundo científico e tecnolóxico.

“Hai que saber diferenciar o gran da palla, e saber escoller e priorizar as fontes solventes entre o mar de ruído e lixo que nos chega sen control por múltiples canles”. E neste mesmo punto remarcou a aposta clave da Academia pola divulgación do coñecemento científico xerado en Galicia

O Premio “Contar a Ciencia”

O prazo para presentar as propostas previas está aberto ata o vindeiro 31 de marzo. As persoas interesadas terán que encher un formulario (ver ligazón) no que expliquen o bosquexo dunha reportaxe ou entrevista. Ao remate deste prazo, GCiencia seleccionará as propostas atendendo aos criterios de maior interese e orixinalidade do tema tratado, calidade expositiva e valor xornalístico, e comunicará a decisión aos participantes elixidos para que comecen a realizar os seus traballos. Este prazo pecharase o 30 de abril, data límite para enviar as entrevistas ou reportaxes definitivas. Unha vez recibidas todas as candidaturas, os traballos publicaranse en gciencia.gal ao longo do mes de maio.

Premios

A comezos do mes de xuño emitirase o fallo por parte do xurado. Este estará encabezado polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias, D. Juan Lema Rodicio, e estará integrado por representantes da Consellería de Educación, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), de ‘la Caixa’, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e GCiencia, así como por un investigador galego de recoñecido prestixio.

O gañador ou gañadora do concurso recibirá 500 euros en metálico, un smartphone IoxPhone P1 de Primux e un diploma acreditativo. O xurado escollerá tamén dous finalistas, que recibirán cadanseu equipo de altofalantes portátiles Sk-21 de Primux e diplomas acreditativos. O resto de concursantes seleccionados para elaborar os seus traballos tamén recibirán diplomas.

Aquí podes consultar as bases do VI Premio “Contar a Ciencia-la Caixa”.

E neste formulario podes presentar a túa proposta, se cumpres cos criterios demarcados nas bases.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma

As plantas “falan” entre si? Un equipo galego explora un novo mecanismo de comunicación

Fungos, insectos e compostos volátiles revelan unha rede de conexión química entre vexetais máis complexa do que se pensaba

atlanTTic impulsa unha rede experimental única de referencia internacional en 5G e 6G

O centro da UVigo desprega no campus de Lagoas-Marcosende unha infraestrutura avanzada para validar comunicacións móbiles de nova xeración en contornas reais