Galicia tamén celebra o día de Pi

A Facultade compostelá de Matemáticas organiza un concurso para estudantes de grao, mestrado e doutoramento sobre coñecemento e habilidades

Pi está en case todo, e por iso existe o Día de Pi. O que vén sendo o 14 de marzo (3-14, segundo o hábito estadounidense de colocar as datas). Alí foi onde o físico Larry Shaw tivo a idea, a finais dos anos 80, de comezar a celebrar o Día de Pi. Unha festa matemática que desde entón comezou a medrar, e hoxe é conmemorada en moitos países.

Galicia tamén o vai celebrar. Ademais das iniciativas de moitos docentes e alumnos de colexios e institutos, destaca tamén a actividade que respalda a Facultade de Matemáticas da USC. A Asemblea Nacional de Estudantes de Matemáticas (ANEM) organiza un concurso estatal para estudantes de grao, mestrado e doutoramento sobre coñecemento e habilidades matemáticas que se desenvolve este días de maneira simultánea en numerosas universidades españolas, entre elas a de Santiago de Compostela.

Publicidade

Alumnos da USC que participan nas actividades do Día de Pi. Foto: USC.
Alumnos da USC que participan nas actividades do Día de Pi. Foto: USC.

No caso da USC, a coordinación do evento recae nos doutorandos da Facultade Jorge Albella Martínez, Beatriz Álvarez Díaz, Daniel Cao Labora e Pilar Paéz Guillán.

Para fomentar a participación na actividade, dende a organización estatal outórganse diversos premios, aos que en Santiago hai que sumarlle outro consistente nun vale en xogos de enxeño ao equipo da USC que acade a maior puntuación.

Publicidade

En España, un comité organizador no que participan varias institucións académicas e sociedades científicas celebran un concurso baixo o lema “Sin π no soy nada“, no que animan a estudantes de primaria, secundaria ou bacharelato a participar cun relato, un vídeo ou unha banda deseñada.

Curiosidades do Día de Pi

En 2009, dous decenios despois de que Larry Shaw puxera en marcha a celebración, a Cámara de Representantes dos Estados Unidos declarou oficialmente o 14 de marzo como o Día de Pi. O obxectivo da declaración era achegar a data aos colexios e fomentar o interese polas matemáticas entre os escolares.

As diversas combinacións de números arredor das datas en relación con Pi dan lugar a situacións ben curiosas. Así, as celebracións deste 14 de marzo adoitan concentrarse á 1.59 do mediodía (xa que é o momento no que os reloxos e o calendario amosan varios decimais da cifra, 3,14159, máis o correcto sería celebralo á 1.59 da madrugada, non ás 13.59).

Outra das datas célebres polo gran número de decimais que coinciden foi o 14 de marzo de 1592 ás 6.53.58 da mañá. Nese segundo exacto expresouse o valor de Pi con doce díxitos (3,14159265358).

Nos últimos anos houbo máis coincidencias curiosas: o 14 de marzo de 2015 a data expresou catro decimais (3,1415), e ás 9.26.53 da mañá dese Día de Pi formouse un conxunto con nove decimais (3,141592653).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos