Premio para unha alumna ourensá por un estudo sobre o pé dos adolescentes

“¿E ti, como pisas?” é o título do estudo co que Iria Ollero, alumna das Aulas Tecnópole e estudante de 2º de Bacharelato no IES As Lagoas (Ourense), levou o segundo premio do certame estatal Jóvenes Investigadores, celebrado hai uns días en Málaga. Este traballo fora xa recoñecido co primeiro premio na categoría Biomedicina e Saúde do evento Ciencia en Acción 2017, celebrado o pasado mes de outubro en Euskadi.

Iria Ollero presume do seu título.
Iria Ollero presume do seu título.

Durante cinco días, os 255 participantes, estudantes de entre 15 e 20 anos procedentes de toda España, defenderon os seus proxectos diante dun esixente xurado, competindo polos premios finais. O certame, organizado polo Instituto da Xuventude e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celebrou nesta edición o seu 30 aniversario.

Publicidade

Este é o oitavo premio que Iria Ollero acumula desde que comezou a asistir hai catro anos ás Aulas Tecnópole, a iniciativa promovida por Parque Tecnolóxico de Galicia, co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para incentivar as vocacións científicas e innovadoras entre os más novos a través do desenvolvemento de proxectos co apoio de titores expertos.

Do estudo de Iria, realizado durante o último ano, despréndese que un 88% dos adolescentes pisa incorrectamente, cunha mala distribución do peso corporal, e, ademais, a maioría (74%) non é consciente do seu problema. Sobre unha mostra de 33 persoas de entre 11 e 18 anos, a moza investigadora levou a cabo unha exhaustiva análise consistente nunha enquisa e catro probas realizadas con tecnoloxías desenvolvidas por ela mesma.

Publicidade

Coa primeira, obtivo o negativo da pisada de cada persoa para ver con que parte do pé exercía maior presión. A segunda permitiulle coñecer a distribución do peso corporal do individuo nos pés. Coa terceira puido ver a pegada dixitalizada de cada persoa grazas a unha placa electrónica. E a cuarta  permitiulle a través dun sensor, medir a tensión muscular no tendón de Aquiles.

Ollero deseñou un sistema dixital para analizar a pegada e atopar defectos

Os resultados das diferentes probas desvelaron que un bo número de adolescentes exercen moita presión coa deda gorda, o que pode ocasionar moitos problemas co tempo. Ademais, dos suxeitos da súa mostra, o 54% ten o pé cavo, o 19% plano e só o 27% un pé normal.

“Desde sempre tiven moito interese polos pés e a pisada porque nacín cunha malformación nos meus”, explica Iria sobre a orixe da idea do seu proxecto. “A miña participación nas Aulas Tecnópole foi fundamental para levalo a cabo. Permitiume coñecer o método científico e ter o apoio continuado do meu titor, David Ballesteros”.

Iria, que de cara ao futuro está considerando dedicarse á investigación no ámbito da saúde,  conseguiu desde que asiste ás Aulas Tecnópole o 2º Premio Luis Freire, catro recoñecementos na maior feira científica a nivel estatal (Exporecerca) e un terceiro premio no anterior certame de Jóvenes Investigadores. Os traballos que lle valeron estes galardóns foron un kit de baixo custo para realizar prácticas de xenética e un sistema electrónico de alerta temperá que permite minimizar os efectos das riadas sobre a poboación en risco, ambos realizados en equipo con outros estudantes das Aulas Tecnópole.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga

A falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 agravou as riadas de Ourense

O edafólogo Agustín Merino vincula as escorreduras do 17 de xuño coa escasa revexetación durante o inverno e a ausencia de actuacións de restauración

Cámaras térmicas rexistran 40 graos nun patio escolar de Ourense

A organización Greenpeace mediu as temperaturas de escolas de cinco cidades españolas e determinou que as aulas dun colexio ourensán ten mínimas de 27 graos

▪️ As consecuencias das chuvias torrenciais sobre Ourense

MeteoGalicia rexistra 5.990 raios nas últimas 24 horas e un máximo de vento de 71,6 km/h en Viana do Bolo, un dos concellos máis afectados