Leonisa González nunca entendeu que a súa neta, Marta Gil, lle gustasen as Ciencias do Mar e moito menos que se dedicase, con gran devoción, ao estudo das diferentes especies de hidrozoos, non obstante, sempre a apoiou. Froito dese traballo, Marta, xunto ao docente e investigador do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Fran Ramil, describiu catro novas especies de hidrozoos, que forman parte do filo dos Cnidarios, no que tamén se inclúen as anemones, corais e medusas, entre outros. Diphasia leonisae é a denominación da primeira especie nova que describiu Marta Gil, que non perdeu a oportunidade de dedicarlle o achado a súa avoa Leonisa, “que a segue a apoiar en todo canto está a facer”, sinala Ramil. Pero Leonisa non é a única muller que dá nome a unha das novas especies descritas polos investigadores da Universidade de Vigo, que tamén decidiron dedicar outro dos seus achados, a Diphasia anaramosae, a súa compañeira do Instituto Español de Oceanografía, IEO, Ana Ramos, “como recoñecemento a súa enorme contribución ao estudo da fauna e das comunidades bentónicas do noroeste de África, onde leva a traballar case 30 anos”, explican.
A denominación das outras dúas especies descritas está relacionada, pola súa banda, cos lugares onde foron atopadas e coa súa distribución xeográfica. Así, a Diphasia saharica foi localizada por primeira vez nas costas do Sáhara Occidental, mentres que a Diphasia africana, fai referencia á distribución xeográfica da especie, que se estende polo noroeste de África, dende o estreito de Xibraltar ata Guinea-Bisau.
As novas especies descritas son animais que forman colonias de pólipos, que viven fixas nos fondos mariños sobre calquera tipo de substrato, aínda que polo seu aspecto externo semellan arbustos ou mesmo algas, ata o punto de que, durante moito tempo, chamóuselles zoofitos ou animais-planta. “A descrición das novas especies de hidrozoos, que aparece recollida nun artigo publicado no mes de decembro de 2017 na revista Zootaxa, fíxose ao abeiro do proxecto EcoAfrik de estudo da fauna bentónica de augas profundas nas costas de África, que dende o ano 2004 estamos a desenvolver en colaboración co IEO”, explican Ramil e Gil, que destacan que o artigo, que forma parte da tese de doutoramento de Marta, aborda a revisión do xénero Diphasia, nas costas de África. “Nel estudamos as nove especies coñecidas ata o de agora no océano Atlántico nor-oriental, describimos catro novas para a ciencia e, ademais, presentamos unha guía para a identificación das especies”, detallan os investigadores.
As novas especies foron atopadas na costa do noroeste de África
O estudo desenvolvido pola Universidade de Vigo e o IEO amosa ademais, segundo os seus autores, que a diversidade do xénero Diphasia no Atlántico oriental semella ser bastante máis elevada do que se pensaba ata o momento, “sobre todo a nivel da costa africana, onde o número de especies coñecidas é superior ao das costas europeas, a pesares de ser unha zona moito menos estudada”, detallan Fran Ramil e Marta Gil.
O material estudado polos investigadores recolleuse principalmente en 11 campañas oceanográficas realizadas no noroeste de África, dende o estreito de Xibraltar ata a fronteira sur de Guinea-Conakry, entre os anos 2004 ao 2012, das que oito foron organizadas polo IEO a bordo do barco oceanográfico Vizconde de Eza e as outra tres dirixiunas a FAO, a bordo do buque noruegués Dr. Fridtjof Nansen e nelas recolléronse mostras ao longo de toda a área de estudo, incluídas as illas de Cabo Verde. “Así mesmo, estudamos material recollido pola campaña francesa Seamount 1 nas montañas submarinas que se atopan ao oeste do estreito de Xibraltal e pola campaña alemá Meteor 42/3 no Gran Banco Meteor, próximo á dorsal medio-atlántica”, conclúen os investigadores do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.