Un ano máis, este 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, non vai pasar desapercibido para o Concello de Pontevedra. Esta é unha data clave para reivindidar os dereitos das mulleres científicas e investigadoras, e poñer en valor o seu traballo. Este venres día 14, o Teatro Principal e a Casa das Campás de Pontevedra acollerán, respectivamente, unha conferencia da bióloga portuguesa e doutora en Bioquímica e Bioloxía Molecular Joana Magalhães dirixida a escolares da cidade e unha mesa redonda con científicas galegas aberta ao público.Os dous actos están organizados polo Concello, en colaboración con GCiencia.
Este luns tivo lugar a roda de prensa de presentación deste evento, que correu a cargo da concelleira de Educación, Carme Fouces, que ademais será a moderadora da mesa redonda do próximo venres. Fouces destacou a visibilidade que se lle debe dar á muller e a estas investigadoras en particular nun mundo como a da ciencia que resulta descoñecido para a poboación en xeral. “É de agradecer que teñamos aquí a unha Premio Wonenburger como Peregrina Quintela, pero ademais a todas as primeiras espadas que conseguimos reunir para este dobre encontro. Hai evidencias de que as mulleres están a dar pasos nestes campos relacionados coa ciencia que noutros tempos serían moi complicados”.
A xornada comezará ás 11 horas, no Teatro Principal, co encontro de Joana Magalhães cos estudantes, que poderán facer preguntas á científica. Magalhães responderá as preguntas dos asistentes coa capacidade que ten demostrada como divulgadora, de feito en varias ocasións ten recoñecido que o seu labor divulgativo é unha simbiose co seu traballo como investigadora. A necesidade de dar visibilidade a muller, e os seus avances científicos, aplicando a perspectiva de xénero, e algo que estará presente neste primeiro encontro co alumnado de último curso de Primaria e primeiros cursos da Secundaria que acudirán á cita matinal.
Joana Magalhães é investigadora no grupo de Reumatoloxía do Instituto de Investigacións Biomédica da Coruña (INIBIC), onde traballa o uso de novos materiais na medicina rexenerativa e as doenzas reumáticas. Pero tamén dedica unha parte importante do seu tempo á divulgación, formando parte de entidades como AMIT-Galicia ou o Young Scientists Forum da Sociedade Europea de Biomateriais.
A conmemoración do día Internacional da Muller, a Nena e a Ciencia continuará pola tarde (20:00 horas, Casa das Campás) coa celebración dunha mesa redonda de científicas galegas (entrada libre). O fenómeno Greta Thumberg e a súa actividade de loita contra o cambio climático serán tamén o tema central do debate da mesa redonda na que se xuntarán catro científicas cun contrastado e amplo currículo:
Peregrina Quintela Estévez: Catedrática e investigadora de matemática aplicada galega, gañadora do Premio María Josefa Wonenburger Planells en 2016. É directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI). Xana Álvarez Bermúdez: Doutora con Mención Internacional pola Universidade de Vigo, Graduada en Enxeñería Forestal, Máster en Tecnoloxía Ambiental e Enxeñeira Técnica Forestal. Elena Vázquez Abal: Licenciada en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Premio “USC Crea-USC Innova” 2009. Membro da Comisión de Mulleres e Matemáticas da Real Sociedade Matemática Española, desde a súa creación no 2003. Rosana Malvar Pintos: Profesora e Investigadora do CSIC. Foi directora da Misión Biolóxica de Galicia. Xefa do Departamento de Xenética e Mellora Vexetal e do grupo Xenética e Mellora de Millo da MBG.
Pontevedra leva anos traballando nun modelo de cidade con respecto ao medioambiente. O ‘efecto PO2’ é algo polo que o Concello está a traballar desde hai moitos anos facendo un esforzo nesa loita contra o cambio climático.