Martes 19 Marzo 2024

Joana Magalhães: “É preciso que a ciencia reflicta a diversidade que temos”

A científica e divulgadora do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña participará no Día da Muller e a Nena na Ciencia en Pontevedra

Tal e como acontece no conxunto da sociedade, Joana Magalhães (Espinho, 1982) cre que unha ciencia que teña en conta a perspectiva de xénero vai ser unha ciencia máis aberta e ao alcance de todos e todas.  Joana é investigadora no grupo de Reumatoloxía do Instituto de Investigacións Biomédica da Coruña (INIBIC), onde traballa o uso de novos materiais na medicina rexenerativa e as doenzas reumáticas. Pero tamén dedica unha parte importante do seu tempo á divulgación, formando parte de entidades como AMIT-Galicia ou o Young Scientists Forum da Sociedade Europea de Biomateriais. Este venres 14 será a encargada de conversar co alumnado de Pontevedra na celebración dos actos do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que organiza o Concello de Pontevedra coa colaboración de GCiencia.

– Unha das cousas que adoita salientar é que ata hai moi pouco, as investigacións  tiñan pouco en conta á metade da Humanidade.

Publicidade

– Historicamente isto foi así aínda que é unha práctica que non está de todo estendida nas diferentes áreas científicas. De feito os estudos no ámbito médico amosan que a incorporación das mulleres á ciencia, e como autoras das publicacións, está relacionado coa incorporación da perspectiva de xénero na propia investigación. Pero non só o aumento do número de científicas nos equipos ten impacto; outros factores como a incorporación da perspectiva da xénero na metodoloxía e no enfoque das preguntas conducen a unha maior innovación nas investigacións.

 Un exemplo do positiva que é a diversidade.

– Hai autoras académicas como Londa Schiebinger e máis recentemente a xornalista de ciencia Angela Saini que achegaron ao público os sesgos que existen na ciencia e a necesidade de incorporar a diversidade á investigación científica. Parte da premisa de que a maior parte da ciencia que se ten feito ao longo da historia foi da man de persoas dun determinado perfil: homes, brancos e occidentais. Pero é necesario facer un enfoque distinto; é preciso que a ciencia reflicta todas as voces da diversidade que temos.

E o tema da perspectiva de xénero é unha chamada de atención. Cando empecei a traballar con público escolar, en proxectos como Un minuto de biomedicina ou De maior quero ser científica, percibín que o alumnado xa tiña adquiridos estereotipos de xénero no que ten un elevado impacto o que vían na ficción televisiva, porque apenas vían figuras femininas na ciencia ou as personaxes femininos estaban construídas de maneira sesgada.

–  Falarase moito este días de igualdade. Pero cal sería, para vostede, un bo camiño para conseguila en todos os aspectos?

 Sen dúbida, o compromiso político inflúe para que este camiño siga adiante. No eido científico, AMIT por exemplo ten desenvolvido un papel fundamental xunto a diferentes gobernos, apoiando a creación da Unidade de Muller e Ciencia, participando na lei da ciencia ou no eido internacional a través do Grupo Helsinki. Así que é fundamental seguir traballando, nalgúns casos apoiando a incorporación e execución de novas medidas, noutros o seu reforzo, para que contribúan de forma eficaz a lograr a participación plena das mulleres na investigación, ciencia e tecnoloxía. Durante estes dias, dende logo a mobilización das científicas e institucións de diferentes eidos na campaña do #11F ten sido espectacular e iso mostra firmemente o compromiso en crear referentes, espertar vocacións científicas e ao mesmo tempo contribuír na construción de unha sociedade mais xusta e igualitaria.

“A incorporación da perspectiva da xénero na metodoloxía e no enfoque das preguntas conducen a unha maior innovación nas investigacións”

– Por que xorde esta agresividade ante quen lanza unha mensaxe incómoda, como pode ser o caso de Greta Thunberg?

A resistencia ao cambio é algo que sempre aparece, sexa a nivel individual como social. No caso de Greta Thunberg, ela é a voz visible que pon o foco nuns feitos científicos comprobados: vivimos un cambio climático e hai que tomar decisións xa. Dáse tamén algo significativo; que as persoas coma ela, que hoxe aínda son menores e que van vivir en maior medida o impacto deste cambio, non poden participar nas decisións políticas que se están tomando para evitalo.

Aquí tamén inflúe o fenómeno pseudocientífico alimentado substancialmente por todas as redes virtuais de noticias falsas. Cando hai un movemento de acción, sempre hai un que responde contra el. Deberiamos insistir nas medidas para incrementar a cultura científica da poboación, a participación da cidadanía na toma de decisións e reforzar os vínculos que temos coa sociedade para construír en conxunto o mundo no que queremos vivir no futuro.

Como se percibe a situación no eido da biomedicina?

É unha disciplina na que algunhas cousas poden levar a engano. Quero dicir, desde que comezamos a carreira, e mesmo nos laboratorios de investigación as mulleres son maioría o que crea un ambiente no que non percibes a segregación vertical ata máis tarde. Pero nos postos de maior responsabilidade científica segue habendo unha fenda aínda que por outra banda é frecuente ver mulleres nos cargos máis altos de xestión. Creo que é importante unha concienciación temperá.

A nivel xeral, o factor xeracional, debido a que estes postos son a herdanza dunha sociedade xa pasada, pode ser un compoñente e tamén había que ter en conta outro factor importante como a falta de novas prazas. Cómpre acelerar dalgún xeito este proceso.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

Primeiro mapa de bacterias resistentes: estes son as cinco principais de Galicia

O microorganismo de maior incidencia é 'Klebsiella pneumoniae', unha das enterobacterias máis perigosas polo amplo abano de infeccións que provoca

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España