Venres 6 Decembro 2024

“Ou científica ou nai”: a loita pola igualdade continúa

Desde hai máis dun ano, a científica María de la Fuente (As Pontes, 1978), directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), é a cara visible dunha situación que afecta a moitas mulleres que queren traballar e progresar como investigadoras; chega un momento no que é moi difícil apostar pola maternidade sen que a traxectoria científica se vexa afectada.

De la Fuente perdeu o pasado ano o tren para poder optar á categoría de maior excelencia dos contratos Miguel Servet, que impulsan a investigación dentro do Sistema Nacional de Saúde, ao ter que concorrir ao proceso de avaliación en desigualdade de oportunidades. Os meses de baixa debido á maternidade dos seus dous fillos non se tiveron en conta e computáronse como tempo traballado. A raíz disto, María iniciou unha campaña na plataforma Change.org na que se pedía o fin da discriminación cara as científicas que querían ser nais.

Publicidade

A pasada semana, María presentou xunto a varias compañeiras de profesión as case 300.000 sinaturas que apoiaron a súa reivindicación. As impulsoras da iniciativa reuníronse coa nova Secretaria de Estado de Ciencia e Innovación, Ángeles Heras, que amosou a disposición do goberno a escoitar estas peticións. Unha demanda que chegou ata o propio presidente Pedro Sánchez, que publicou unha mensaxe neste senso.

Este luns, María de la Fuente reuniuse en Madrid coa directora do Instituto de Salud Carlos III, organismo que convoca as Miguel Servet, para abordar de novo o tema. Foi antes de asistir á entrega das axudas de investigación científica da Asociación Española Contra o Cancro, que outorgou á unidade de Nanooncoloxía de Santiago un dos seus “Proyectos Semilla”.

Publicidade

“Non quero que me regalen nada, só pedimos que non nos obriguen a escoller”

Xa de volta a Galicia, a investigadora fai balance de toda a actividade destes últimos meses. “Houbo disposición a escoitarnos, pero aínda non hai cambios. Presentamos propostas que van desde aplicar factores de corrección e prorrateos para non penalizar o tempo de baixa, ou ampliar o prazo na presentación de méritos, ofrecer máis substitucións para cubrir estas baixas, propoñer campañas de concienciación para evitar o acoso das mulleres científicas que deciden ser nais e loitar contra a fenda de xénero e os teitos de cristal, etc.”.

A campaña #ocientificaomadre, iniciada a través das redes puxo a María en contacto con máis casos semellantes ao seu. “Moitas mulleres tiveron que escoitar cousas como ‘se tes outro fillo, vas ter que olvidarte da túa carreira‘, ‘non te quedes embarazada, que van vir proxectos moi importantes e non os podes perder’, ou ‘se realmente te queres adicar a isto hai que seguir traballando durante as baixas’ e  comentarios ou actitudes que fan moi difícil a nosa situación”.

“Non quero que ninguén me regale nada; o único que pedimos é que non nos obriguen a escoller”, conclúe María, que tamén se está movendo para que a Xunta de Galicia ofreza máis facilidades neste senso. “Ao final, eu son investigadora aquí en Galicia; o Instituto de Salud Carlos III convoca e adxudica estas axudas pero é o Sergas quen contrata, e a Xunta ten capacidade para optar por unha política de igualdade”, expón De la Fuente. En xuño deste ano, o Parlamento rexeitou, cos votos en contra do PP, unha iniciativa “para introducir medidas de acción positiva no ámbito universitario e da investigación”, segundo expoñía o texto proposto polo BNG e apoiado por En Marea e PSdeG, co argumento de que se entrometía nas competencias das universidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Por que os dinosauros dominaron a Terra? O segredo está nos seus vómitos e feces

Investigadores europeos reconstruíron, a través de restos fosilizados, como foi o auxe destas criaturas nos ecosistemas prehistóricos

Un proxecto galego pioneiro estuda doenzas humanas a través dos ollos da lamprea

Un grupo do CINBIO observa en tempo real a reacción dos antigos vertebrados a estímulos visuais para afondar en como se desenvolven patoloxías como a vertixe