Científicas do IDIS de Santiago traballando no laboratorio.

O PP rexeita no Parlamento galego novas medidas pola igualdade en investigación

O Parlamento de Galicia rexeitou este venres, cos votos en contra do grupo do PP e os apoios de En Marea, PSdeG e BNG, unha iniciativa da formación nacionalista “para introducir medidas de acción positiva no ámbito universitario e da investigación” en materia de igualdade. A proposición de lei do Bloque pedía a modificación do Decreto 2/2015, e entre outras medidas, animaba á “creación de cátedras sobre cuestións de xénero“, a “formación da totalidade do persoal en materia de perspectiva de xénero”.

Pedíanse medidas para evitar que a maternidade, a paternidade e outras responsabilidades familiares penalicen a carreira investigadora

Tamén se incluía na petición un asunto do que se falou bastante nos últimos meses, debido aos problemas de numerosas investigadoras, como a galega María de la Fuente, que tiñan que afrontar unha situación de desvantaxe nos procesos de selección debido ás baixas por maternidade. Neste senso, a iniciativa do BNG solicitaba “medidas para evitar que a maternidade ou a paternidade, e a asunción doutras responsabilidades familiares e de coidado penalicen o desenvolvemento da carreira docente e investigadora”.

Unhas medidas que, segundo a proposta, deberían estenderse a “aqueles períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos, ou con reducións de xornada, por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes”. O texto engadía que, “igualmente, deberán excluírse, sen impacto negativo, aquelas suspensións da actividade por risco durante o embarazo e a lactación, por enfermidades causadas polo embarazo, parto ou lactación, así como as motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada de violencia de xénero”.

A deputada do BNG Noa Presas, que defendeu a iniciativa impulsada polo seu partido, explicou que a proposta pasaba por modificar dous artigos do Decreto “co obxectivo de facer efectiva a igualdade de mulleres e homes”. A proposición tivo o respaldo tamén dos outros grupos da oposición. A parlamentaria do PSdeG Concepción Burgo considerou “absolutamente necesario” o feito de poñer en marcha estas medidas, segundo recolleu Europa Press. Pola súa banda, desde En Marea, a deputada Paula Quinteiro destacou que, de saír adiante, a proposta permitiría “avanzar nun eido imprescindible”.

A autonomía das universidades

Porén, o voto negativo do grupo do PPdeG impediu que saíra adiante a proposta. A deputada Paula Prado sinalou que a aprobación destas medidas por parte do poder lexislativo sería “entremeterse nas competencias das universidades obrigándoas a adoptar medidas en materia de igualdade”. Engadiu Prado que “o Goberno galego non pode interferir nin impoñer ás universidades accións para paliar as desigualdades no eido profesional e académico”.

Con todo, a parlamentaria do PPdeG recoñeceu que “determinadas profesións teñen infrarrepresentación de mulleres; que a proporción de mulleres diminúe cando aumenta o nivel de representatividade; que a presenza de mulleres diminúe se se considera tamén o nivel de idade; ou que o número de mulleres investigadoras que son nais tamén diminúe“.

Ante isto, lembrou que o Goberno galego xa impulsa medidas como  o VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020, dotado con 105 millóns de euros, o II Plan galego de muller e ciencia 2016-2020, dotado con 9 millóns de euros; ou o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que inclúe cen medidas concretas para as que se destinarán cerca de 850 millóns de euros. “O que hai que facer e cumprir e desenvolver as leis que xa hai”, concluíu Prado.

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.