Luns 29 Abril 2024

Antonio López toma posesión como novo reitor da USC

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario Antonio López Díaz tomou posesión como reitor da USC nun acto protocolario que se celebrou no salón Nobre de Fonseca. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González presidiu a sesión na que Juan Viaño cedeu a medalla e bastón de mando ao novo reitor. Tamén participaron o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o reitor en funcións da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que deixará o seu cargo o vindeiro venres, así como numerosas autoridades políticas e sociais de Galicia.

Antonio López comezou o seu discurso falando da USC como “unha universidade fortemente enraizada e comprometida cos problemas da nosa sociedade, da galega, pero con vocación universal, e comprometida tamén cun coñecemento que non sabe de fronteiras, que se constrúe e se renova en comunidade” nun momento “de grandes transformacións”. Pero tamén advertía de tres elementos que na USC configuran “un ámbito de incertezas cara ao futuro inmediato” e que son o “escenario financeiro, a perda de persoal e unha autonomía cuestionada”.

Publicidade

O novo reitor reclamou ao Goberno galego un maior financiamento da universidade pública

Con respecto ao primeiro, reclamoulle ao Goberno galego un incremento do financiamento da universidade pública, “toda vez que a Comunidade Autónoma xa recuperou o nivel de gasto non financeiro anterior á crise”, e avogou por unha evolución cara a un incremento do financiamento incondicionado fronte ás subvencións finalistas ademais de ter en conta “as peculiaridades da estrutura de gasto de cada Universidade”. Tamén no aspecto económico advertiu da “necesidade” de refinanciar a débeda para non “afogar” o desenvolvemento da universidade e permitir o “efectivo cumprimento” da súa función social.

Continuando coas liñas prioritarias do seu goberno, o actual reitor da USC comprometeuse a abordar un Plan de recuperación de persoal “que pasa necesariamente por limitar as figuras de substitución e pola estabilización en prazas estruturais para loitar contra a precariedade, asegurar a promoción dos distintos colectivos e a definición de plans a medio prazo”.

O reitor Antonio López na súa intervención. Foto: Santi Alvite.
O reitor Antonio López na súa intervención. Foto: Santi Alvite.

Do mesmo xeito, e parello á vontade de aumentar a capacidade decisoria do Consello de Goberno e do Claustro Universitario, López fixo un chamamento á autonomía universitaria como garante do “noso fortalecemento democrático”. “A autonomía –dixo– non é un privilexio do goberno da universidade; é unha esixencia para preservar a súa función e a única forma de garantir un modelo equilibrado de relacións entre a Universidade e as outras Administracións”.

O novo reitor –o 172º da USC para o mandato 227º– rematou a súa intervención agradecéndolle ao profesor Juan Viaño a súa “ dedicación e esforzo, del e do seu equipo, para facer fronte a unha conxuntura certamente difícil”.

Despedida de Juan Viaño

Tamén o profesor Juan Viaño pechou a súa intervención desexándolle ao profesor Antonio López “a mellor das fortunas nesta nova etapa da Universidade de Santiago de Compostela. Agardo, sinceramente, que o seu equipo e máis vostede leven con éxito esta universidade cara ao novo rumbo que trazaron”. “Foi para min unha honra dirixir esta institución”, engadiu o reitor saínte, para quen “seguirá a ser unha honra poder traballar por ela dende a miña cátedra de matemática aplicada; seguir a construír, como un máis, un camiño cara o mellor dos futuros. Nese camiño, reitor, sempre me atopará para todo o que, en positivo, poida achegar á nosa Universidade”.

Volvendo a vista cara aos últimos catro anos, o reitor Juan Viaño afirmou que “marchamos coa certeza de ter feito todo o posible, nunhas condicións que en nada axudaron a cumprir soños”. O profesor Viaño preferiu deixar a valoración deste período da centenaria institución compostelá en mans do “tempo, que será quen sitúe no seu lugar estes catro anos de goberno, coas luces e as súas sombras e defina de xeito preciso o paso do reitor e do equipo que dirixiu esta institución entre os anos 2014 e 2018”.

O equipo de Antonio López

O reitor: Antonio López (Barreiros, 1964) ingresou en 1981 na Facultade compostelá de Dereito, onde obtivo a súa licenciatura, con premio extraordinario, en 1986. Cinco anos máis tarde acada o grao de doutor nesta mesma universidade. Desenvolveu unha intensa carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e estadías nas universidades de São Paulo, Montevideo e Boloña.

É membro de diversas asociacións relacionadas coa súa especialidade, entre elas a Asociación Española de Profesores de Dereito Financeiro, a Asociación Española de Asesores Fiscais e a European Association of Tax Law Professors. Na USC, desempeñou os cargos de director do Departamento de Dereito Público Especial, secretario da Comisión de Doutoramento, vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas (1998-2002) e decano da Facultade (2005-2007). En xullo de 2007 o Parlamento de Galicia elixiuno membro do Consello de Contas, cargo que ocupou ata decembro de 2013. Entre 2007 e 2010 foi Conselleiro Maior deste organismo.

O equipo de goberno da USC compóñeno Víctor Arce Vázquez (Estudantes e Internacionalización), Celia Besteiro Rodríguez (Organización Académica), Gumersindo Feijoo Costa (Planificación e Proxección Extratéxica), Dulce García Mella (Secretaría Xeral), Ernesto González Seoane (Profesorado), Mar Lorenzo Moledo (Comunicación, Cultura e Servizos), Mª Victoria Otero Espinar (Titulacións), Vicente Pérez Muñuzuri (Investigación e Innovación) e Montserrat Valcárcel Armesto (Coordinación do Campus de Lugo).

Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor de Investigación e Innovación: é profesor titular de Física da Materia Condensada. As súas liñas de investigación están relacionadas coa física non lineal e a dinámica de fluídos xeofísicos, incluídos a modelización meteorolóxica e oceanográfica. Foi director de MeteoGalicia entre 1999 e 2015 e ten editado tres libros, tres números especiais de revistas internacionais e publicado máis de 120 artigos en revistas internacionais (SCI).

Ernesto González Seoane, vicerreitor de Profesorado:  é director do Instituto da Lingua Galega e catedrático do Departamento de Filoloxía Galega na Facultade de Filoloxía, da que ademais foi decano entre 2004 e 2012. A súa actividade investigadora desenvólvese arredor da lexicografía galega e do proceso de estandarización do galego moderno. Ten editados numerosos traballos e foi responsable do Dicionario de dicionarios do galegomedieval, ademais de participar no desenvolvemento de diversos corpus dixitais do galego moderno e contemporáneo.

María Victoria Otero Espinar, vicerreitora de Titulacións: é profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización e membro do Grupo de Investigación en Matemáticas, onde desenvolve a súa actividade investigadora en Ecuacións Diferenciais e Sistemas Dinámicos, con máis de corenta publicacións relacionadas. É ademais presidenta da Comisión Profesional da Real Sociedade Matemática Española. Foi decana da Facultade de Matemáticas da USC entre 2009 e 2017, presidenta da Conferencia de Decanos de Matemáticas de España e membro do Comité Executivo do Comité Español de Matemáticas e da Xunta de Goberno da RSME.

Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos: é profesora titular no Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e coordinadora do Programa de Doutoramento en Educación da USC. Foi xefa da división de Investigación Educativa no Instituto de Ciencias da Educación e vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria da mesma Universidade. Pertence ao Grupo de Investigación ESCULCA da USC e obtivo o 1º Premio Nacional de Investigación Educativa en 2007 e o 3º en 2003.

Víctor Arce Vázquez, vicerreitor de Estudantes e Internacionalización: conta con formación posdoutoral na Universidade de Milán e no Memorial Sloan-Kettering Cancer Center de Nova York. Foi vicedecano de Intercambios, Innovación Docente e Calidade da Facultade de Medicina e Odontoloxía (2011-2015) e director do Departamento de Fisioloxía dende 2015, ademais de coordinador do grupo de Innovación en Educación Médica (2005-2011) e director da Cátedra de Educación Médica da USC (2012-2014 e 2016-actualidade). Ten publicados máis de 60 artigos en revistas científicas recollidas no SCI e máis de 20 libros ou capítulos de libro.

María Celia Besteiro Rodríguez, vicerreitora de Organización Académica: é profesora titular de Zooloxía na USC. Autora de cerca dun cento de libros, capítulos e artigos científicos e de divulgación no campo da Bioloxía Mariña, prestou especial atención ao estudo da fauna intersticial do noso litoral. Na USC foi secretaria do Departamento de Zooloxía, vicedecana de Asuntos Económicos, Equipamento e Servizos e secretaria da Facultade de Veterinaria, ademais de vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos para o Campus de Lugo. Na actualidade é subdirectora da Estación de Bioloxía Mariña da Graña.

Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica: É  catedrático de Enxeñaría Química. Foi secretario da titulación propia da USC en Enxeñaría Ambiental, coordinador do Mestrado Oficial en Enxeñaría Ambiental, coordinador da Rede Temática Nacional de Análise de Ciclo de Vida, director do Departamento de Enxeñaría Química (2008-2017), coordinador do Grao en Enxeñaría Química (2014-2018) e presidente da Conferencia Española de Directores e Decanos de Enxeñaría Química dende 2017. Participou ademais na Acreditación Internacional de Enxeñaría Química (2010 e 2013) e do Grao e Mestrado en Enxeñaría Química (2018) da USC.

Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo: é profesora titular no Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría en Lugo. Dende hai tres anos e medio, é secretaria académica e a encargada dos Asuntos Económicos e as Infraestruturas da EPS de Enxeñaría. A súa actividade investigadora está centrada na xestión da auga con dúas teses dirixidas e máis de 50 artigos publicados. Forma parte ademais dun grupo de innovación docente composto por profesorado universitario de moi diversas áreas científico-técnicas e científico-sociais para o fomento das vocacións científicas e para establecer unha relación máis estreita entre a comunidade científica e a sociedade. 

Dulce María García Mella, secretaria xeral: é licenciada en Matemáticas e en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e conta co Diploma do Curso Superior de Relacións Laborais. Funcionaria da Escala Técnica Superior da Administración da USC, foi xefa de Sección de Control Interno, xefa de Servizo de Planificación e Programación Docente e de Persoal Docente e Investigador, vicexerenta encargada da Área de Recursos Humanos, xerenta en funcións, xefa do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador e vicexerenta de Recursos Humanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Antonio López encara o seu segundo mandato na USC tras ser reelexido reitor

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, único candidato nos comicios, obtivo un total de 1.636 votos

Francisco de Neira, o físico que desterrou a Aristóteles de Compostela

O científico logrou que a Universidade de Santiago aparcase a física aristotélica non sen unha grande oposición

Santiago acolle a presentación da Nova Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial

O plan ten un investimento público de 600 millóns de euros, e ten entre os seus obxectivos que en cinco anos o 25% das empresas usen a IA e Big Data