O PP rexeita no Parlamento galego novas medidas pola igualdade en investigación

O Parlamento de Galicia rexeitou este venres, cos votos en contra do grupo do PP e os apoios de En Marea, PSdeG e BNG, unha iniciativa da formación nacionalista “para introducir medidas de acción positiva no ámbito universitario e da investigación” en materia de igualdade. A proposición de lei do Bloque pedía a modificación do Decreto 2/2015, e entre outras medidas, animaba á “creación de cátedras sobre cuestións de xénero“, a “formación da totalidade do persoal en materia de perspectiva de xénero”.

Pedíanse medidas para evitar que a maternidade, a paternidade e outras responsabilidades familiares penalicen a carreira investigadora

Tamén se incluía na petición un asunto do que se falou bastante nos últimos meses, debido aos problemas de numerosas investigadoras, como a galega María de la Fuente, que tiñan que afrontar unha situación de desvantaxe nos procesos de selección debido ás baixas por maternidade. Neste senso, a iniciativa do BNG solicitaba “medidas para evitar que a maternidade ou a paternidade, e a asunción doutras responsabilidades familiares e de coidado penalicen o desenvolvemento da carreira docente e investigadora”.

Publicidade

Unhas medidas que, segundo a proposta, deberían estenderse a “aqueles períodos de tempo dedicados ao desfrute de permisos, ou con reducións de xornada, por razóns de conciliación ou coidado de menores, familiares ou persoas dependentes”. O texto engadía que, “igualmente, deberán excluírse, sen impacto negativo, aquelas suspensións da actividade por risco durante o embarazo e a lactación, por enfermidades causadas polo embarazo, parto ou lactación, así como as motivadas pola situación física ou psicolóxica derivada de violencia de xénero”.

A deputada do BNG Noa Presas, que defendeu a iniciativa impulsada polo seu partido, explicou que a proposta pasaba por modificar dous artigos do Decreto “co obxectivo de facer efectiva a igualdade de mulleres e homes”. A proposición tivo o respaldo tamén dos outros grupos da oposición. A parlamentaria do PSdeG Concepción Burgo considerou “absolutamente necesario” o feito de poñer en marcha estas medidas, segundo recolleu Europa Press. Pola súa banda, desde En Marea, a deputada Paula Quinteiro destacou que, de saír adiante, a proposta permitiría “avanzar nun eido imprescindible”.

Publicidade

A autonomía das universidades

Porén, o voto negativo do grupo do PPdeG impediu que saíra adiante a proposta. A deputada Paula Prado sinalou que a aprobación destas medidas por parte do poder lexislativo sería “entremeterse nas competencias das universidades obrigándoas a adoptar medidas en materia de igualdade”. Engadiu Prado que “o Goberno galego non pode interferir nin impoñer ás universidades accións para paliar as desigualdades no eido profesional e académico”.

Con todo, a parlamentaria do PPdeG recoñeceu que “determinadas profesións teñen infrarrepresentación de mulleres; que a proporción de mulleres diminúe cando aumenta o nivel de representatividade; que a presenza de mulleres diminúe se se considera tamén o nivel de idade; ou que o número de mulleres investigadoras que son nais tamén diminúe“.

Ante isto, lembrou que o Goberno galego xa impulsa medidas como  o VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020, dotado con 105 millóns de euros, o II Plan galego de muller e ciencia 2016-2020, dotado con 9 millóns de euros; ou o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, que inclúe cen medidas concretas para as que se destinarán cerca de 850 millóns de euros. “O que hai que facer e cumprir e desenvolver as leis que xa hai”, concluíu Prado.

 

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CITIC participa no Women in Digital Forum para impulsar a igualdade de xénero no ecosistema dixital

O Centro TIC da UDC colaborará nesta plataforma estratéxica promovida pola Unión Europea, que busca abordar as causas estruturais da fenda no ámbito dixital

As científicas son maioría nos centros de investigación públicos de Galicia, pero só o 28% na privada

A presenza feminina nas entidades públicas da comunidade galega é do 61,3%, a taxa máis alta de España

A conciliación impide que as científicas participen nos medios tanto como os homes

A situación persoal e familiar é o obstáculo que atopan o 23% das investigadoras para divulgar fronte ao 10% do sexo masculino

Soledad Torres, de atlanTTic: “Pertencer a un colectivo minorizado como o da muller é un desafío”

A enxeñeira e investigadora do centro atlanTTic da Universidade de Vigo participa en proxectos de fomento relacionados coa presencia femienina en STEM