Domingo 6 Outubro 2024

Ultiman a candidatura á Unesco do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal

Galicia conta cunha riqueza xeolóxica de suma importancia, mais aínda non temos ningún parque xeolóxico. No ano 1999 a UNESCO propuxo, por primeira vez, a creación dun programa de xeoparques. En Galicia xa existen algunhas iniciativas. As máis coñecidas son a do Xeoparque Montañas do Courel e a do Xeoparque do Cabo Ortegal. Este último reúne os sete concellos de Cariño, Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Cerdido, Moeche e San Sandurniño. Está a piques de presentar a súa candidatura ante o organismo internacional. É un proceso lento que, de chegar a bo porto, podería dar lugar ao primeiro parque xeolóxico de Galicia. Francisco Canosa Martínez, principal promotor do proxecto, apunta a que actualmente todo depende da administración.

A riqueza do Xeoparque do Cabo Ortegal

“É un capricho da natureza ver materiais que non podemos observar na maior parte da Terra”

Segundo a UNESCO, un parque xeolóxico é unha área definida que presenta trazos xeolóxicos de especial relevancia, rareza o beleza. Ademais, estas características deben ser representativas da historia xeolóxica dese mesmo lugar e dos eventos e procesos que o formaron. O Xeoparque do Cabo Ortegal parece reunir todos estes requisitos. Conta cun valor xeolóxico singular como, por exemplo, a única praia de area negra de orixe non volcánica coñecida. Este xeoparque presentaría unha das maiores concentracións de rochas propias da codia inferior e da parte superior do manto terrestre. “É un capricho da natureza que poidamos ver materiais que non podemos observar na maior parte da terra”, explica Francisco Canosa.

Publicidade

As granulitas son rochas metamórficas que se poden atopar no Xeoparque do Cabo Ortegal.
As granulitas son rochas metamórficas que se poden atopar no Xeoparque do Cabo Ortegal.

Hoxe, en Europa hai máis de 60 xeoparques declarados. En España hai 13, ningún deles en terras galegas. O máis próximo ao noso territorio é o Xeoparque Terras de Cavaleiros, en Portugal.  O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal leva xa aproximadamente cinco anos en movemento. Iniciouse con charlas informativas nos concellos e con actividades emprendidas pola Sociedade Xeolóxica de España. O fudamental é, en palabras do promotor desta iniciativa, difundir a importancia deste territorio.

A composición do Xeoparque do Cabo Ortegal

No Cabo Ortegal áchanse diversos tipos de rochas. Entre as unidades superiores obsérvanse, por unha banda, as  rochas ultramáficas como as dunitas ou as piroxenitas.  Moitas delas sufriron deformacións específicas. Ademais, tamén se poden atopar grandes estruturas xeolóxicas como pregues deitados, fallas tardivariscas ou cabalgamentos… Entre outros materiais, nesta zona aparecen asemade xacementos de cromo-platino ou de sulfuros masivos vulcanoxénicos. Por outra banda, na zona inferior encóntranse unhas potentes sucesións siliciclásticas moi deformadas, así como vestixios dun intenso vulcanismo xunto con fallas e cabalgamentos.

Publicidade

Un lugar de gran recoñecemento científico

Nunha entrevista de La Voz de Galicia, Asier Hilario, director científico do Xeoparque da Costa Vasca, falaba do Cabo Ortegal como un clásico da xeoloxía. Para os integrantes do proxecto, estas palabras son alentadoras, tendo en conta que España é o segundo país con máis parques xeolóxicos do mundo. É un lugar altamente prestixiado por moitos xeólogos, unha oportunidade para ollar a composición do manto terrestre. Ademais, presenta cantís de ata seiscentos metros, vales glaciares, minas de cobre…

O coñecidos cantís modelan e identifican a paisaxe do Xeoparque do Cabo Ortegal.
O coñecidos cantís modelan e identifican a paisaxe do Xeoparque do Cabo Ortegal.

As xeorutas, fundamentais para divulgar o proxecto

O artífice do proxecto fala do Xeoparque de Cabo Ortegal como unha forma de viaxar ao interior do noso planeta. E é que, a simple vista, pódense observar rochas que normalmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade. E se ben é certo que toda esta zona é coñecida a nivel internacional no ámbito científico, sería interesante achegala xa ao resto da sociedade. Para Canosa, un dos maiores fitos acadados é ter conseguido que a poboación coñeza a iniciativa.  “Eu creo que o proxecto non é algo alleo á xente de aquí. É unha cousa que xa está implantada a nivel social”, matiza. De feito, a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico de Cabo Ortegal conta xa con máis de 170 socios apoiando a idea.

Nesta tarefa de divulgación inciden as xeorutas. As rutas xeolóxicas son un fenómeno recente en Galicia, naceron no ano 2015 no Concello de Ribadeo coa finalidade de estender a xeoloxía galega á poboación local. “Consisten en que cun paseo a xente sexa capaz de entender aquilo que os xeólogos vemos cando paseamos”, explica Francisco Canosa. Estas aventuras supoñen un novo xeito de entender a paisaxe e o relevo, interpretar o entorno e de pórse na pel dun xeólogo cando pasea.

O papel da administración no momento actual do proxecto

Hai uns meses, a Deputación da Coruña aprobou unha cantidade de medio millón de euros para destinar ao xeoparque. A subvención constitúe un gran impulso para o proxecto, un punto de inflexión no percorrido andado. Nestes momentos, agardan á concesión da empresa que se encargará da elaboración do plan director.  Este terá a responsabilidade de crear o organismo responsable da xestión do xeoparque.

“Todo dependerá dos tempos da administración”

Unha vez obtida esa licitación, estarán en disposición de recibir unha carta de apoio do Comité Español de Xeoparques, que lles permitirá presentar a candidatura ante a UNESCO. “Todo dependerá dos tempos da administración. É unha carreira de fondo que aínda hai que rematar”, sinala Francisco Canosa. Se todo vai ben, os sete concellos poderían obter a distinción de Xeoparque en setembro do ano 2020, tralo beneplácito dos avaliadores internacionais.

O Xeoparque do Cabo Ortegal como marca de calidade

Ademais dun maior recoñecemento internacional, o Xeoparque do Cabo Ortegal constituiría un reclamo turístico. Acentuaríase así o seu papel de referencia no eido da xeoloxía e crearíase unha especie de marca distintiva. Deste selo diferenciador poderían beneficiarse as industrias galegas. As empresas incrementarían as vendas do seus produtos e contribuiríase á difusión da nosa riqueza xeolóxica. “Ao final é unha zona que o merece, sobre todo polo esforzo e o apoio de todas esas persoas que confiaron nel”, finaliza Canosa. O Xeoparque do Cabo Ortegal podería ser o primeiro ou o segundo parque xeolóxico de Galicia. Todo en relación ao resultado da valoración dos avaliadores internacionais que esta semana visitarán o territorio do Xeoparque Montañas do Courel.

1 comentario

  1. “xeorutas”, non. O correcto é ” xeoRRutas”
    Polo demais, a candidatura non se está “ultimando nina piques de”
    A candidatira estase simplemente “preparando”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopada en Cedeira a primeira forxa completa da época galaico-romana de Galicia

O achado súmase a outros destacados como a estrutura dun balneario castrexo, unha pedra formosa ou unha moeda romana de Vibia Sabina, a esposa de Adriano

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova

Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos

Achados casualmente fósiles de hai 480 millóns de anos no Xeoparque do Cabo Ortegal

Pénsase que pertencen aos crinoideos, que hoxe se coñecen vulgarmente como lirios de mar