Nace o selo ‘palleiro’ para animar a adoptar cans

O selo de calidade denominación de orixe protexida, que se aplica aos produtos alimentarios, constituíu a fonte de inspiración da que se serviu o alumno da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Daniel Alonso para articular unha campaña para a asociación Os Palleiros, encargada da canceira municipal, dirixida a promocionar a adopción de cans. Denominación de Orixe Palleira é nese senso o título da campaña que este mediodía se presentou no Concello e na que Alonso buscaba a través deste xogo de palabras, “que a xente relacione tanto a protectora como os cans que están nela como sinónimo de calidade, desfacéndonos do concepto de que son animais que dan pena ou que están encerrados e o pasan mal”, á vez que poñer de relevo que os animais son entregados tras recibir os coidados hixiénicos e veterinarios precisos.

Presentación da campaña no Concello de Pontevedra.
Presentación da campaña no Concello de Pontevedra.

A concelleira de Sanidade Animal, Pilar Comesaña, e a responsable de Os Palleiros, Gloria Cubas, presentaron xunto a Alonso unha campaña que ten como reto atopar un fogar a 16 cans e cadelas é que constitúe á súa vez o traballo de fin de grao de Alonso, estudante de Publicidade e Relacións Públicas. “Ocorréuseme facer unha campaña para a protectora porque máis dunha vez lera cousas sobre o seu gran traballo e tamén porque chamábame a atención este sector por estar moi pouco explotado no que a publicidade se refire”, engade este alumno, quen incide así mesmo na colaboración tanto do equipo directivo e voluntariado da asociación responsable da canceira, que atende na actualidade un total de 147 cans, “aos que desde un principio gustoulles a idea e que sempre que podían botábanme unha man no que precisara”.

Publicidade

Gran Reserva e Etiqueta Negra

O obxectivo principal desta campaña é aumentar o número de adopcións, o que inclúe tamén, como explica Alonso, aos cans que maiores dificultades teñen para atopar un novo fogar de acollida, como son os considerados potencialmente perigosos e os de avanzada idade. Por iso, e seguindo con ese xogo de palabras dirixido a dar un “valor engadido” ao labor de Os Palleiros, aos carteis relativos a cans de difícil adopción engádese o subtítulo de Gran Reserva, no caso dos de maior idade, e de Etiqueta Negra, no dos potencialmente perigosos.

Con tres versións diferentes, os carteis que elaborou para cada un dos cans que se atopan en adopción repartiranse por diferentes lugares de Pontevedra e arredores, á vez que se difunden desde este mércores a través das redes sociais, nunha campaña que está previsto permaneza activa todo o verán. Así mesmo, esta iniciativa complétase cun vídeo de presentación da campaña, que se difundirá tamén a través das redes sociais, no que Alonso contou coa axuda de Adrián Iglesias, estudante do grao en Comunicación Audiovisual, que se encargou da locución.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ter can durante a adolescencia favorece a saúde mental e a empatía

Un equipo do Xapón relaciona o efecto emocional con cambios no microbioma, que inflúen no comportamento e nas interaccións sociais

Salas: “A xenética dos galegos ten máis compoñente norteafricana que a andaluza”

O investigador do IDIS foi un dos poñentes na xornada 'Pontevedra Multicultural. Ciencia pola Igualdade', organizada polo Concello de Pontevedra e GCiencia con motivo do 25N

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Da Lanzada a Barreiros: levar o teu can á praia pon en serio perigo as aves acuáticas

Un estudo da USC revela que o 98% das perturbacións ás especies costeiras foron provocadas por animais domésticos soltos