Martes 19 Marzo 2024

Un estudo coas baleas en Galicia revela os cambios no océano

As baleas son unhas boas indicadoras dos cambios nos oceános. E un novo estudo realizado en augas de Islandia e Galicia revela a saúde dos nosos mares. O traballo leva a firma da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que publica en Science Direct unha investigación realizada en augas de Islandia e Galicia.

O estudo, do que publicamos as súas conclusións elaboradas pola CEMMA, parte feito de que os océanos son grandes sumidoiros de CO2, o gas máis importante no efecto invernadoiro. Para comprender o seu alcance hai que facer primeiro un repaso a escala atómica. E comprender o concepto de ‘isótopo‘. Os isótopos son “tipos” de átomos dun mesmo elemento, teñen igual número atómico, igual número de protóns, pero diferente número de neutróns co que terán distinto número másico (suma de protóns e neutróns). A maioría dos elementos químicos posúen máis dun isótopo.

Publicidade

O quecemento global causado pola emisión masiva de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera alterou a relación dos isótopos estables de carbono e osíxeno atmosférico, e por tanto tamén esta relación vese alterada nos océanos.

BALEA-MARIN
A balea en Marín.

O carbono (C) ten un número atómico (Z)=6, 6 protóns e 6 electróns. Existen dous isótopos estables: o 12C, que conta con 6 neutróns, é o máis abundante na natureza (98.93 %) e o 13C que conta con 7 neutróns e é pouco frecuente na natureza (1,07%). Ademais, atopamos o isótopo inestable 14C (o clásico que se emprega para datacións históricas), cun período de desintegración ou semivida de 5730 años, perdendo nese tempo a metade da súa concentración. A medida da degradación do 14C úsase para datar mostras orgánicas de menos de 50 mil anos.

O osíxeno (O) ten un número atómico (Z)=8. O isótopo 16O é o máis abundante na natureza (99,7 %) e o 18O é o seguinte isótopo estable en abundancia (0,2 %).

No medio mariño, a composición isotópica de moitos elementos difire xeograficamente como resultado dunha variedade de procesos bioquímicos, xeoquímicos e xeofísicos. A relación entre as concentracións de isótopos de carbono 13C/12C na atmosfera diminuíu significativamente durante o último século debido ao aumento de 12C procedente de fontes antropoxénicas de carbono (CO2), e como consecuencia a relación do 13C/12C disolto na auga do mar está tamén a diminuír dende tempos preindustriais causando o chamado Efecto Suess.

O que acontece durante este efecto é que aumenta a cantidade do isótopo 12C na atmosfera aportado pola combustión de combustibles fósiles moi antigos como o petróleo e o carbón, que carecen de 14C na súa composición.

Resumindo, o resultado é que o ser humano está alterar a distribución dos isótopos do carbono. E, dende aquí, dende unha minúscula escala atómica, temos que pasar ao animal máis grande do mundo: as baleas.

Eco-bioloxía: as baleas vixías ambientais

As baleas comúns (Balaenoptera physalus) aliméntanse de pequenos crustáceos da capa superior da columna de auga. No Atlántico Norte esta balea distribúese en varias subpoboacións e realiza migracións anuais estacionais norte-sur.

Así, na primavera as baleas frecuentan os “pastos de alimentación” de altas latitudes, onde comen intensamente e engordan durante varios meses. No outono migran cara a baixas latitudes, momento no que transitan por fronte as costas de Galicia, e invernan en zonas máis cálidas onde as condicións son máis axeitadas para reproducirse, onde a comida é máis escasa.

Balea atopada en Barreiros pola CEMMA.
Balea atopada en Barreiros pola CEMMA.

Por tanto, son espléndidas vixías, ou bioindicadoras de cambios nas relacións isotópicas de carbono e osíxeno oceánicos. Isto é así porque as baleas ao ser altamente móbiles integran nos seus tecidos a heteroxeneidade dos sinais ambientais locais a través do seu alimento, co que os seus corpos conservan a “memoria” dos cambios temporais nas concentracións destes elementos isotópicos dos lugares por onde pasan.

A mostraxe realizada neste estudo serviu para comparar diferentes períodos das últimas décadas e analizar a variación espazo-temporal dos isótopos estables oceánicos en dúas áreas do Atlántico Norte.

No estudo realizado pola CEMMA examinaron a variación das relacións isotópicas de carbono e osíxeno na pel das baleas comúns ao longo de tres décadas en dúas localizacións diferentes do Atlántico Norte separadas  máis de 2700 km de distancia: Islandia e Galicia.

Analizáronse mostras de pel de 34 baleas de Galicia: 20 individuos capturados durante a caza de baleas en 1985 e 14 individuos recén varados durante 2003-2014, recollidas pola Rede de Varamentos de Galicia. En Islandia foron analizadas mostras de 68 individuos capturados, 22 de 1986, 19  de 2013 e 27 de 2015. Todas as mostras foron recollidas, e preservadas conxeladas, durante o período de xuño a setembro. Como método de análise foron deshidratadas, trituradas e analizadas mediante espectrometría de masas de relación isotópica, no Centro Científico e Tecnolóxico da Universidade de Barcelona (CCiT-UB).

Os resultados do estudo son moi interesantes. A diferenza na magnitude da variación dos isótopos entre as dúas áreas coincide coa información previa sobre cambios locais xa observados, debido a que a relación de 13C/12C na pel reflecte a das áreas e alimento, de aproximadamente tres meses anteriores á morte da balea. Os valores observados poden representar valores entre as zonas de alimentación e as áreas de reprodución.

Baleas localizadas pola CEMMA cetáceos.
Baleas localizadas pola CEMMA cetáceos.

Os datos amosan grandes diferencias entre os isótopos atopados nas baleas nas dúas áreas. Os investigadores da CEMMA cren que estas diferencias poden se poden atribuír ao efecto combinado da queima de combustibles fósiles e tamén ao aumento da deforestación e a posterior caída xeral da actividade fotosintética. Todo isto reflíctese nos diferentes isótopos de carbono atopados na pel das baleas.

As baleas, como mamíferos que son, manteñen a temperatura corporal constante independentemente da temperatura ambiental, é dicir, son animais homeotermos ou de sangue quente, este proceso consume enerxía procedente dos alimentos. Este consumo alimenticio fai que as baleas teñan a mesma relación isotópica de osíxeno que o alimento que consumen, e a súa vez, a mesma que a auga ambiental na que viven, sendo estes valores moi dependentes da temperatura e da salinidade local.

Atopouse, como era de agardar, que os valores do cociente 18O /16O na pel eran en xeral máis altos nas baleas de Islandia que nas de Galicia. Mais, a análise ao longo do tempo suxire que se produciu un cambio nas baleas de Islandia, onde os valores diminuíron significativamente e sobre todo nos últimos anos, pero non así nas de Galicia.

A través da análise de datos climáticos, descubriuse que a auga do mar ao redor de Islandia experimentou un quecemento de 0,7-1,6 °C durante o período 1871-2010, sendo particularmente intenso na década dos 20-30’s e máis recentemente no período 1987-2002. Durante 1986-2012 aumentou tanto a temperatura como a salinidade. Nas augas de Galicia, o cambio de temperatura foi máis limitado. Por iso, os valores do cociente 18O /16O na pel de baleas islandesas mostraron unha diminución significativa, que non foi detectada na mostra de Galicia.

As baleas boas vixías

Os resultados deste estudo demostran que a pel de balea é un material biolóxico eficaz para monitorizar a variación isotópica oceánica de carbono e osixeno e ao mesmo tempo impulsa o valor da comparación entre conxuntos de mostras a escala temporal ou latitudinal.

Destaca o feito de que a aplicación das relacións isotópicas de carbono e oxígeno é útil para investigar a distribución, movementos e a ecoloxía dos mamíferos mariños. Requírese dunha mellor comprensión científica desta relación e resulta necesaria unha boa Rede de Varamentos que asista e nutra un Banco Biolóxico de Mostras para garantir a conservación de series de mostras valiosas para estudos futuros.

Ademais de afondar no coñecemento sobre os cambios que os océanos están experimentando como consecuencia do aumento do impacto das actividades humanas.

En conclusión: as baleas son unhas moi boas vixías dos océanos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela